O PROGRAMA “MO-VÉMONOS”, UNHA NOVA APOSTA DA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN POLO BENESTAR NO RURAL

Monitores especializados darán clases de ximnasia dúas veces por semana de xeito totalmente gratuíto dirixidas a persoas maiores e persoas discapacitadas
As clases comezan o 15 de setembro e desenvolveranse até xuño de 2015

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou a asocacións e colectivos da zona sur da provincia de Lugo o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía.
Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación pón en marcha este programa, que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome deTodos a xogar ou Tempos, e que levará ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas. O programa dará comezo o vindeiro 15 de setembro e rematará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

Unha actividade totalmente gratuíta dúas veces por semana
 O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.
 A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.
 A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.

 As asociacións interesadas poden apuntarse ata o 15 de setembro
 Na pasada edición, este programa deu cobertura a arredor de 2.000 usuarios, pertencentes a unhas 90 asociacións repartidas por toda a provincia; e dende a área de Benestar Social e Deporte contan chegar a ese número esta edición, xa que máis de 70 colectivos xa amosaron o seu interese pola iniciativa. O prazo para que aquelas asociacións que estean interesadas en recibir este servizo se apunten aínda está aberto. As inscricións poden formalizarse no enderezo deporte@deputacionlugo.org ou no teléfono 982260149. O programa comezará a impartirse o luns 15 de setembro e prolongarase ata xuño de 2015.
 Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas.

Tolerancia cero coa violencia machista!


Campaña de recollida de material sanitario para Gaza

O BNG quere, máis unha vez, manifestar a solidariedade do pobo galego coa causa palestina e o rexeitamento á actuación do goberno israelí, que leva provocado miles de persoas mortas e feridas. Por iso, apoiamos a campaña de recollida de material sanitario promovida pola asociación galaico-árabe Yenín-Comunidade Palestina e a Fundación Araguaney, e chamamos á cidadanía a:
1. Recoller material sanitario e medicamentos (vendas, gasas, material de sutura, de curas, protésico, luvas, gorros, calzas , antibióticos, analxésicos,...) até o 10 de setembro .
2. Rexeitar os produtos israelís fixándose nas etiquetas que comezan cos números 729.
3. Mobilizarse nas rúas, nas redes sociais, en actos cívicos, no traballo, coa veciñanza

Cóntanse por milleiros as palestinas e palestinos agredid@s polo goberno israelí nas últimas semanas, nunha operación de exterminio denominada cinicamente Marxe Protectora. O resultado é de máis de 2 000 persoas asasinadas, máis de 10000 feridas, casas, escolas, edificios e infraestruturas vitais destruídas. Este masacre continúa o proxecto de xenocidio do pobo palestino imposto polo Estado de Israel para afogar as súas lexítimas reivindicacións. E isto, nun contexto en que os gobernos occidentais miran para outro lado, cando non alimentan directamente un estado que incumpre reiteradamente a lexislación internacional. Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión. Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie. De maneira moi especial, e con carácter urxente, Palestina precisa material sanitario e medicamentos para as persoas feridas, unha recollida en que o BNG colabora xunto coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney.

Diríxete ANTES DO 10 DE SETEMBRO  ás farmacias de Escairón: FARMACIA LAMELO e FARMACIA MªCARMEN PIÑEIRO RAJO e alí poderás depositar o material

 As necesidades principais son as seguintes:
- Material para curas: gasas, soros, antisépticos, vendas, apósitos, esparadrapos, alcohol, xabóns…
- Material cirúrxico: luvas, suturas, vías, compresas estériles, agullas, gorros, calzas e máscaras para quirófano.
- Material ortoprotésico: muletas, caxatos...
- Medicamentos: analxésicos, antibióticos...
- Mantas e tendas de campaña

HOMENAXE A ALEXANDRE BOVEDA



A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, como pode amar un fillo a súa nai. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa até alén da miña morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal, en conciencia, xulga que debo selo.

E este agarimo –permítaseme a única palabra galega no idioma que falei sempre– que lle teño á Terra Sagrada na que tiven a sorte de nacer, non me obriga a sentir ningún odio a España, á que, por dereito, pertenzo. Só combatín os seus erros, e, ás veces, as súas crueldades políticas para coa miña Galiza idolatrada. Máis nada.

A balanza fiscal elaborada por Facenda falsea a realidade de ingresos e gastos Galiza-Estado

O BNG considera que os datos da balanza fiscal entre o Estado e as comunidades autónomas difundidas hoxe polo Goberno central no caso de Galiza non reflicten a foto real entre o que o noso país recibe e o que aporta ao Estado, senón que falsea a relación de ingresos e gastos entre ambos en 2011.
A formación nacionalista ten elaborado un informe sobre os datos da balanza fiscal correspondentes ao exercicio 2011, -que presentará mañá mesmo-, no que Galiza, lonxe de ter un saldo positivo, rexistra un déficit que ronda os 1.500 millóns de euros.
O Bloque advirte que a clave desta diferencia de resultados está no criterio de imputación seleccionado polo Ministerio de Facenda para calcular a balanza fiscal, baseado no fluxo de carga-beneficio. Este sistema imputa o que o Estado gasta ou inviste en función de a quen beneficia, sen ter en conta o territorio no que efectivamente se leva a cabo ese gasto/investimento.
Por citar un exemplo, con este criterio, o gasto ou investimento que o Estado leva a cabo no Museo del Prado computaría en todo o territorio ao entender que é un beneficio para calquera cidadán, con independencia de onde resida. O Bloque entende que non é comparable o beneficio que obtén Madrid que o que obtén Galiza, e que, polo tanto esta forma de imputación distorsiona e falsea a realidade dos ingresos e gastos entre o Estado e Galiza.
En consecuencia, a formación que dirixe Xavier Vence, considera que o criterio que hai que aplicar para o cálculo das balanzas fiscais é o de fluxo monetario, que computa o gasto ou investimento do Estado no territorio no que realmente se executa.
Neste mesmo sentido, as balanzas fiscais que presenta o Estado inclúen tamén o gasto da Seguridade Social, que o BNG considera cuestionable posto que estamos ante un sistema de solidariedade entre persoas sufragado por traballadores e traballadoras e empresas, que aportan a unha caixa común para pagar as pensións contributivas. Polo tanto, non é un gasto nin un investimento do Estado nas CCAA.
O BNG, que mañá presentará o seu propio informe da balanza fiscal de 2011, denuncia a “sobredimensión” da Administración central, en particular en áreas de competencia exclusiva das comunidades autónomas como Educación ou Sanidade, pero cuxas infraestruturas administrativas se manteñen.
Unido ao rescate da banca, o rescate do sector eléctrico, – a través do déficit tarifario-, están detrás dunha parte moi significativa do déficit e da débeda do Estado que converten Madrid “nun gran burato” que consume recursos de todos os demais territorios”.

Ingresos e gastos da campaña electoral das Europeas 2014

prantaO Consello Nacional do BNG acordou publicar na web do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións ao Parlamento europeo.
A posta en marcha dunha campaña electoral na que o BNG renunciou a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia.
Podemos afirmar con orgullo que non coñecemos organización política que fixera unha campaña destas características, nin no seu formato, nin na fonte de ingresos -militantes e simpatizantes-, nin na renuncia a gastos nos que incorreron a maioría de formacións -créditos, correo masivo, profisionalización da comunicación en redes sociais, etc- que se presentaron.
Cremos, finalmente, que dadas as circunstancias, e mesmo os ataques e silenciamento que tivo que aturar o BNG, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo desta organización chamada Bloque Nacionalista Galego.

INGRESOS
Importe
Cota extraordinaria entre a militancia
132.000,00
TOTAL*
132.000,00

GASTOS (21% IVE incluído)
Importe
Lonas de fondo para actos centrais (17 actos públicos)
605,00
Imáns para vehículos de megafonía con logotipo BNG
1.447,16
Bandeirolas
13.673,00
PVC’s para os paus da luz
23.304,60
Bridas para material
2.299,00
Banners en xornais electrónicos e inserimento no “Sermos Galiza” (papel)
3.547,72
Cuñas radiofónicas
17.854,40
Elaboración de vídeo electoral para espazos gratuítos
4.908,67
Produción (montaxe, son, iluminación, etc.) dos 17 actos centrais
34.184,94
Edición e impresión de sobres, papeletas e dípticos
33.880,00
Cartaces (3 modelos en diversos tamaños)
18.150,00
Pés co lema para actos
1.038,18
Faixas
3.000,00
Web electoral
34,95
Alugueiro vehículo
522,72
Varios
3.630,00
TOTAL*
162.080,34
A diferenza entre ingresos e gastos (-30.080,34  ) será recuperada tendo en conta o subsidio electoral pola obtención de representación no Parlamento europeo.
* A relación de gastos e ingresos é nacional. Ten a ver, daquela, co material e servizos contratados a nivel nacional. Non están contemplados outros gastos, en calquera caso menores, realizados por algunhas comarcas e localidades.
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
- Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
- Non se enviou correo masivo (“mailing”). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña. Foi a organización e a implicación de militantes e simpatizantes, co ensobrado e reparto man a man de 1.000.000 de sobres e papeletas e de 650.000 dípticos, quen fixo posíbel a articulación dunha alternativa que se demostrou máis eficaz no contacto social.
- Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza”.
- Non se contrataron condutores para desprazar persoas que interviñan en actos por toda a nación. De feito, no caso da primeira candidata, que precisaba deste servizo, este traballo foi realizado desinteresadamente, só por compromiso político, por un compañeiro do BNG.
- Non se lle pagaron dietas ou desprazamentos ás persoas que interviron nos actos públicos, nin na Galiza, nin aos que se acudiu en Euskal Herria e Catalunya. Tampouco nas viaxes previas realizadas a eses dous países para negociar a coalición electoral con EH Bildu.
- Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela e á Coruña para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
- Non se contratou ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC’s), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
- Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
- Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas (PVC’s, faixas, autocolantes de interventor@s e apoderad@s, etc.) das diferentes comarcas, reutilizándoo.
- Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.

En pé por Galiza! Soberanía, democracia e dereitos


O BNG quere converter a celebración do Día a Patria nunha “demostración de forza” para garantir a presenza de Galiza no debate soberanista aberto no Estado, non só como unha aspiración política senón tamén como a mellor ferramenta para resolver os problemas reais da cidadanía galega.

Facemos un chamamento a todo o pobo galego para que asista masivamente a manifestación do Día da Patria, que neste ano 2014 ten que converterse nunha auténtica demostración de forza de que Galiza vai estar presente no debate aberto no Estado español en relación co recoñecemento dos dereitos nacionais dos pobos que o compoñen”, explicou o secretario de Organización, Bieito Lobeira.
Reclamar o dereito a decidir de Galiza non é só unha aspiración política é unha necesidade para combater do mellor xeito o desemprego, a explotación no posto de traballo, a emigración, o empobrecemento, a situación de miseria que se da no país, os dramas humanos que padecen milleiros de galegos e galegas. Para iso fai falla soberanía, é a mellor arma que temos para enfrontar desde Galiza estes problemas da sociedade”, argumentou.
Ante a submisión de Feijóo a estratexia recentralizadora de Madrid, o Bloque quere encher a Quintana. “Que Galiza conte dependerá tamén da capacidade de presión social do noso país nunha cita como a do 25 de xullo”, alega Lobeira.
En pé por Galiza! Soberanía, democracia e dereitos, lema da campaña do Día da Patria, que terá como acto central a manifestación que desde fai 30 anos se celebra en Santiago desde a Alameda compostelá ata a Praza da Quintana, coas intervencións do secretario de organización de Galiza Nova, Alberte Mera, e do portavoz nacional, Xavier Vence.
CAMPAÑA DIA PATRIA 2014En pé para reivindicar os nosos dereitos: dereito social, dereito a unha xustiza gratuíta e cercana ao pobo, dereito a servizos públicos de calidade, dereito a poder defender a nosa lingua e cultura”, explicaba a secretaria de Imaxe e Campañas, Montse Prado.
Prado apelou aos “miles e miles de galegos e galegas que non están dispostos a renderse, a tirar a toalla” a mobilizarse para evitar que Galiza “pase a segunda división” ante o desleixo do presidente da Xunta co país.
Á manifestación do 25 de Xullo asistirán delegacións das organizacións políticas máis representativas das nacións sen estado en Europa: ERC, CUP, Aralar, EA, Sortu, BNV, PSM-EN, Chunta Aragonesista, Alternativa Nacionalista Canaria, Alianza Libre Europa (ALE), Partido Nacionalista Escocés, Plaid Cyrum de Gales, Partido da Nación Corsa, entre outros.
Dentro da campaña do Día da Patria, a cita do Festigal, actos festivos e reivindicativos en diferentes comarcas do país, e a distribución de miles de bandeiras da patria en distintos formatos, convidando a penduralas nas casas ou lucilas no coche para visibilizar “o orgullo de ser galegos e galegas”.