Rajoy debe dimitir e Feijóo esclarecer as posíbeis ramificacións en Galiza do caso Bárcenas


Jorquera cualifica de gravísimos os feitos publicados no xornal El País e anuncia que o BNG xa rexistrou a petición de comparecencia urxente de Montoro e unha comisión de investigación no Congreso

O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, emprazou a Mariano Rajoy a que aclare os feitos publicados  no xornal El País “e unha de dúas, se insiste en que non son certos presente querela contra Bárcenas e os medios que publicaron eses datos e senón só ten unha saída, presentar a súa dimisión de forma inmediata”.
Jorquera, en declaracións aos medios, cualificou de “extremadamente graves” as noticias difundidas hoxe polo xornal madrileño, que rebelan claros indicios de financiación irregular do PP e pagos periódicos en B a boa parte da cúpula deste partido, entre eles o propio presidente do goberno, Mariano Rajoy.
O voceiro nacionalista asegurou que de se demostrar estas irregularidades sería un atentado contra a saúde da democracia, por iso urxe unha explicación por parte de Rajoy e adopción de medidas rexeneradoras.
Neste sentido, anunciou que o BNG no Congreso acaba de rexistrar a solicitude de comparecencia urxente do ministro de Facenda, Cristobal Montoro, para que aclare por que negou que Bárcenas se acollera á amnistía fiscal, e reclama tamén unha comisión de investigación na Cámara alta.
Explicacións de Feijóo
Asemade, emprazou tamén a Núñez Feijóo a que aclare as posíbeis ramificacións das presuntas contas irregulares en Galiza, concretamente a partida que figura baixo o epígrafe Galicia O.C.
Para Jorquera, os feitos dos que se está a falar son reprobabéis do ponto de vista xurídico, ético e político en calquera circunstancia pero máxime nun contexto no que o partido beneficiario dese suposto financiamento irregular está a aplicar medidas na sociedade, dende o goberno, que esixen grandes sacrificios aos cidadáns.
“Agora xa sabemos por que o goberno do PP recorta drasticamente a financiación pública dos partidos, porque xa ten resolta a súa por outros mecanismos, cando é o financiamento público o que asegura o control democrático, a transparencia e a equidade”.

Valoración do BNG do escándalo de corrupción no PP "caso Bárcenas"

O BNG esixe unha solución política aos estafados das preserentes


O BNG do Saviñao ven de presentar no concello o texto remitido pola Plataforma de Afectados Polas Preferentes, instando á corporación a tomar os seguintes acordos:
  1. Instar ao Goberno do Estado Español a que arbitre os mecanismos legais necesarios para devolverlles a todos os aforradores o diñeiro depositado nas entidades de crédito baixo a fórmula de participacións preferentes ou capital subordinado, sen quita de ningunha especie.
  2. Demandar da Xunta de Galiza que se opoña política e xudicialmente a proposta de quita que para estes produtos financeiros propón o Ministerio de Economía e a Comisión Europea, presentado, entre outras medidas, un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 9/2012, de 14 de novembro de 2012, aprobada polo goberno do Estado e que faculta ao FROF para impoñer esta medida unilateralmente
  3. Apoiar e participar activamente, con todos os medios ao seu alcance, nas concentracións, manifestacións e outros actos reivindicativos que as persoas afectadas a través da Plataforma Preferentes Lugo organicen na defensa dos seus dereitos e intereses.

Está petición de acordo é idéntica a que fora xa aprobada no Concello de Monforte e dende o BNG, esperamos que a corporación municipal do Saviñao, se poña do lado dos veciños aprobando e apoiando estas reivindicacións que eles mesmos redactaron e nos trasladaron.

A solución a esta estafa, é un problema político e só con vontade política pode ser arranxada. Dende o BNG queremos lembrar que foi o Ministro de Economía do Estado, Luís de Guindos, quen aceitou nas súas negociacións coa Unión Europea, a quita dos cartos dos estafados en troques de recibir os cartos para rescatar aos bancos. Aliás, foi quen de non defender aos aforradores, mentido e dicindo que todos os afectados por participacións preferentes e obrigacións subordinadas eran “inversores”.

Dende o BNG, reclamamos que a Xunta volva a axilizar a arbitraxe, que practicamente está paralizada tras pasar as eleccións, xa que se foron sacando árbitros até reducilo a un pola mañá e outro pola tarde, o que da unha media de 20 arbitraxes diarios. Este proceder da Xunta de Galiza, demostra que o interés posto polo PP na solución do problema pola vía do arbitraxe no foi máis que propaganda electoral e que, pasadas as eleccións, esqueceuse do problema.

Charla informativa en Monforte sobre a "quita" en Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas

O próximo mércores 23 de xaneiro ás 20:30h, celebrarase na Casa da Cultura de Monforte unha charla informativa pública sobre as Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas. Esta charla informativa está organizada pola Plataforma das Preferentes de Lugo, así como Avogados da Asociación de Despachos de Avogados de Lugo.