A Alianza Social Galega chama a cidadanía a concentrarse o 20 de decembro en Monforte

As máis de 60 entidades que conforman a Alianza Socia Galega fixeron esta mañá, en rolda de prensa, un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas para o vindeiro xoves, día 20 de decembro, nas principais cidades e cabeceiras de comarca. Mobilizacións coas que se queren denunciar as políticas antisociais que está a adoptar o goberno do PP e entre as que salientaron a non revalorización das pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representan a LOMCE ou Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a esixencia de reformar da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.




O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou que todas as medidas que se veñen impoñendo, lonxe de axudar a saír da crise, teñen provocado un incremento do desemprego, da precariedade e da exclusión social e lembrou que as previsións para os próximos anos non permiten tampouco ser moi optimistas.

Alén diso, subliñou que o PP está a proveitar a crise para introducir o modelo ideolóxico “da dereita máis reaccionaria do Partido Popular”. Un modelo que cualificou de “inxusto, clasista e centralista”.
A modo de exemplo, sinalou o Anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), do que dixo que favorece o ensino privado-concertado mentres castiga o público, favorecendo a quen ten máis poder económico e co obxectivo de restar competencias ás comunidades autónomas.
Do mesmo xeito, subliñou que as reformas que se pretenden introducir na xustiza nada teñen que ver coa crise. “Teñen tamén o obxectivo de dificultar o acceso a ela por parte das persoas máis desfavorecidas, facendo a xustiza 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou que todas as máis elitista e clasista”, dixo.
Ante esta situación, o secretario xeral da CIG denunciou o retroceso non só das condicións laborais e sociais da poboación, senón tamén dos dereitos e liberdades. Alertou de que se no estado español non medran as forzas de extrema dereita no estado español, como ocorre no resto dos países da periferia europea máis afectados pola crise, é porque “están dentro do PP” e apuntou os “tics típicos da época franquista” que se poden apreciar claramente na LOMCE: desde os ataques ás linguas propias até o relevante papel que se lle confire no ensino á igrexa católica, favorecendo ademais aos sectores económicos máis poderosos e acomentendo un proceso de recentralización sen precedentes nos últimos 30 anos.
As mobilizacións previstas na provincia de lugo son:

LUGO
20:00h
Praza Armañá
BURELA
20:00h
Praza da Mariña
MONFORTE
19:30h
Praza de España


O BNG de Lugo Sul comeza unha campaña para explicar as novas taxas xudiciais


O goberno do PP vén de aprobar a lei pola que se establecen taxas para o acceso á xustiza: agora quen non teña cartos non poderá defender os seus dereitos.

Os deputados e senadores do PP, en vez de protexer os intereses das persoas ás que representan, veñen de votar a favor desa lei, que promove que só os máis ricos podan defender os seus dereitos e intereses.

O BNG da comarca de Lugo Sur ven de comenzar unha campaña de información a respecto desta nova inxustiza.


O medio rural galego ergue a voz en Bruxelas


Unha delegación de trinta persoas reúnese no Parlamento europeo con representantes da Comisión para lles trasladar as súas propostas e intereses fronte á reforma da Política Agraria Común para 2014-2020. Gandeir@s, agricultor@s, representantes do sector vitivinícola e académic@s, participan durante dous días nun seminario organizado pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda
Propón a creación dun fondo lácteo ante unha eventual supresión do sistema de cotas
Defende a continuidade dos dereitos de plantación de viñedos por calidade e capacidade de xerar emprego

O sector agrario galego reclamou ante as institucións comunitarias, – Comisión e Parlamento Europeo-, un trato xusto na futura Política Agraria Común (PAC) que marcará as regras de xogo durante o período 2014-2020, nunha xornadas de debate organizadas polo BNG na Eurocámara, nun momento decisivo da negociación da reforma.
“O obxectivo desta xornada é darlle voz directa ao sector para que presente as súas demandas ante os principais interlocutores que interveñen na elaboración da reforma, é dicir Comisión e Parlamento europeo, aos que trasladaron cal é a posición galega e cales son os aspectos que máis preocupan ao sector”, explicou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.
Entre estas prioridades: creación dun “fondo lácteo” ante unha eventual supresión do actual sistema de cotas, continuar cos dereitos históricos de plantación de viñedos e un reparto máis equitativo das axudas que non poden estar ligadas ao número de hectáreas da explotación.
“O obxectivo desta xornada é darlle voz directa ao sector para que presente as súas demandas ante os principais interlocutores que interveñen na elaboración da reforma”
Galiza, segundo Edelmiro López Iglesias, profesor da USC experto na PAC, reclama “estabilidade de prezos para o sector produtor, que non pode estar como nunha montaña rusa, teñen que ter garantía de rendas xustas”. Neste sentido, engade, reclamamos a continuidade do sistema de cotas, “non porque nos pareza perfecto” senón porque o sector ten feito un “importante esforzo inversor” que levou a moitas explotacións a endebedarse.
Razón pola que o BNG apoia a creación dun fondo lácteo que compense aos produtores galegos en caso de desaparición do sistema en 2015, “que permita ao sector leiteiro galego saír desde o mesmo punto de partida na carreira se hai unha liberalización da produción”, argumenta.
Sector vitivinícola
En nome do sector vitivinícola, Guillerme Rodríguez, presidente da adega Condes de Albarei, expuxo ante a Comisión Europea dúas demandas: continuar cos dereitos de plantación e axudas á comercialización exterior. “Eliminar eses dereitos e permitir que as multinacionais entren a producir sen ningún control implicará pechar o medio de vida de moitas familias”, advertiu.
Entre os integrantes da delegación, responsables de grupos de desenvolvemento rural, expertos académicos en temas agrarios, representantes do sector vitivinícola, de sindicatos agrarios, responsables da organización galega de montes en mancomún, responsables do centro de investigacións agrarias de Mabegondo, asociacións agrarias e cooperativas, comunidade de regantes, gandeiros e produtores.
Igualmente, o grupo ven acompañado pola deputada nacionalista portavoz de agricultura no Parlamento galego, Tereixa Paz, e pola deputada no Congreso Olaia Fernández Davila.
Nestas xornadas ante as institucións comunitarias, a delegación galega mantivo encontros cos responsables da Comisión de Agricultura da UE para os sectores leiteiro, vitivinícola, desenvolvemento rural e axudas da PAC. Conclúen hoxe cunha reunión co director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, e co eurodeputado e ex ministro de agricultura de Portugal Luís Manuel Capoulas, autor dos informes do Parlamento Europeo sobre as axudas directas e o FEADER, documentos clave dentro da reforma da PAC.

#proponconnosco

.


Construíndo futuro

imaxe
Este documento nace como síntese da primeira rolda de debate interno realizada pola militancia do BNG nas súas Asembleas Comarcais celebradas após as eleccións do 21-O. Este documento está destinado a servir de motor para o debate que o BNG quere agora abrir a toda a base social nacionalista, para compartir a valoración da situación e os retos que afronta a sociedade galega e o proxecto nacionalista nesta grave encrucillada histórica
A apertura deste debate con axenda aberta e coa vontade de abordar en profundidade os retos que temos por diante realízase co convencemento de que este país precisa, hoxe máis que nunca, unha poderosa organización política xenuinamente galega para conquistar a soberanía, erguer unha alternativa á desfeita neoliberal e construír unha sociedade inclusiva, igualitaria e libre. O BNG leva tempo erguendo esa bandeira con valentía máis somos conscientes que os tempos mudan -e nestes anos mudaron con grande celeridade- de xeito que a nosa organización non sempre soubo atinar á hora de trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar aqueles obxectivos.
As eleccións do 21-O convertéronse para nós nun indicador de que hai aspectos das nosas propostas, da nosa forma de traballar na sociedade e do noso funcionamento interno que deben ser analizadas colectivamente e postas ao día. O obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e a esquerda, para dotármonos dunha forza social suficientemente ampla que nos permita confrontar o centralismo abafante, camiñar cara a soberanía e defender os intereses desa maioría social triturada polo neoliberalismo e, polo tanto, do país enteiro. Nós somos parte activa desa maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto nacional. Tanto no día a día, no traballo e na vida social como na loita política e na xestión dos asuntos colectivos e públicos.
Buscar o acerto nas propostas e recuperar a ilusión, os afectos e o espírito de traballo mancomunado son os motivos que impulsan estre proceso de debate que agora abrimos coa cidadanía nacionalista, un debate que culminará nunha Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses.