Compostela quedouse pequena


Unha manifestación monumental, un torrente de enerxía colectiva en favor do ben máis preciado da nosa identidade nacional, a lingua galega. Un río humano formado por unhas 25.000 persoas compuxeron un único clamor, un berro cívico que ecou por todo o País e que dixo alto e claro que este País quer galego.
«Paremos os ataques contra o galego», así rezaba o lema co que Queremos Galego -unha plataforma formada por unha miríada de até 700 asociacións do tecido cívico deste País- chamaba máis unha vez ás galegas e aos galegos.
Paradoxalmente neste País, a xente ten que saír á rúa a defender a súa lingua…dos ataques que lle inflixe o seu propio Goberno!!!, aquel que de acordo coa legalidade vixente tería de se ocupar de termar dela e de lle emprestar o máximo apoio.
A manifestación tivo un ton eminentemente festivo e apresentou unha paisaxe humana do máis heteroxénea, con destaque especial para as máis mozas e os máis mozos, garantía de que a lingua non só ten presente -aínda que ferido- senón tamén futuro.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, atendeu aos meios de comunicación antes da manifestación partir da Alameda. Nas súas breves declaracións, Guillerme criticou que “o Partido Popular e o señor Feijoo, ao tempo que se adican a poñerlles flores á lingua galega con motivo do 17 de maio, fan o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non tire para adiante”.
E como mostra puxo “o que ven de facer o concello de Santiago, gobernado polo PP, poñendo todo tipo de obstáculos e pexas á realización desta manifestación”.Porén, tamén denunciou a dobre linguaxe do Partido Popular e de Feijoo “que ao tempo que se adica a poñer flores á lingua galega, fai o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non poida tirar para adiante”.
Guillerme concluíu lembrando que “se somos galegos e galegas é por obra e gracia do idioma, como dicía Castelao”.

O xulgado desautoriza o concello de Santiago e dá os permisos necesarios para o normal desenvolvemento da manifestación do Día das Letras Galegas

“Non só é un ataque contra a liberdade de opción lingüística, é un ataque contra a liberdade de expresión”.

Queremos Galego chama a “Parar os ataques contra o galego”, logo desta nova agresión contra a nosa lingua.


Representantes da Plataforma unitaria Queremos Galego comparecían esta mañá en conferencia de imprensa para denunciar a actitude do concello de Santiago que, con tan só 48 horas de antelación á manifestación convocada para mañá, Día das Letras Galegas, comunicaba a denegación dos permisos necesarios para o normal desenvolvemento da mesma. Isto obrigou a plataforma a presentar un recurso pola vía de urxencia no contencioso-administrativo. A xustiza concedeu todas as autorizacións pertinentes.
A Plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, convoca a manifestación baixo o lema “Paremos os ataques contra o galego”. Un lema que, segundo explicou Carlos Callón, o seu portavoz, é hoxe especialmente acaído “porque onte mesmo tivemos novos exemplos, mesmo sen precedentes, como o feito de que o concello de Santiago de Compostela tentase obstaculizar, en todo o que son competencias municipais, que esta mobilización se poida desenvolver”.
O concello de Santiago emitiu, a 48 horas da celebración dunha manifestación que se agarda que sexa multitudinaria, unha resolución denegando os permisos para colocar un palco e unha faixa informativa na Alameda, so pretexto de que coincidía coas festas da Ascensión. Denegaba tamén a posibilidade de ter amplificación para as intervencións no acto de feche. Isto último, xa sen indicar motivo algún.
“Nos 26 anos de historia da Mesa nunca nos encontramos cunha resolución semellante, tan disparatada”, afirmou Callón, quen asegurou que “é un ataque  á liberdade de expresión, non só un ataque á liberdade de opción lingüística. Un ataque a que haxa na nosa sociedade diversidade de opinións”.
O portavoz da Plataforma explicou que, unha vez recibida a resolución municipal, que cualificou de “arbitraria e inxusta”, presentouse perante os tribunais un recurso. A resolución xudicial recoñece o dereito a finalizar o acto co palco e coa megafonía e a pór unha faixa informativa, considerando que, do contrario, se producirían danos irreparábeis. “O que fan os tribunais é devolver a normalidade”.
Para Callón, o feito de o Concello agardar a que ficasen tan só 48 horas para a celebración da manifestación denota “a vontade de facer mal do goberno do Sr. Angel Currás, herdeiro, nas formas, do que foi o período de mandato de Conde Roa e, no fondo, no seu desprezo á lingua e cultura galega e ás normas de convivencia”.
Carlos Callón considerou tamén “disparatado” tratar de xustificar este intento de “coutar a liberdade de expresión” por mor das festas da Ascensión cando, lembrou, “nin é a primeira vez que coinciden, nin será a última”. “A culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporaneo monolingüe en galego un 17 de maio”, brincou.
Por iso, fixo un chamamento a reaxir ante estes obstáculos antidemocráticos e a que “todos os que temos sensibilidade polo noso idioma, mesmo con independencia da lingua que utilicemos no noso dia a día, participemos mañá nesta mobilización social, para dicirmos alto e claro: Non no noso nome!; para dicirmos alto e claro: Hai que deter estes ataques contra o idioma que nos une, que nos identifica!”
Denunciou, ademais, os impedimentos –a través da Xunta de Galiza– para utilizar o galego con normalidade nos xulgados; a prohibición de que se poidan impartir determinadas materias en galego no ensino; que se estea a “varrer” o galego da educación infantil das nosas cidades e que se dilapiden cartos públicos, “máis de catro millóns de euros, segundo as estimacións máis baixas”, tirando libros de texto só por estaren en galego.

O 17 de maio tod@s a Compostela!




En BLOQUE podemos!

En Bloque podemos! ese é o lema da Convención Nacional que vai celebrar o BNG o próximo domingo 13 de maio.Esta Convención Nacional celebrase co obxectivo de presentar, diante das vindeiras Eleccións Galegas, os eixos principais das nosas alternativas políticas e a Candidatura do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza.
En Bloque Podemos quer expresar con clareza que colectivamente somos todo e podemos cambiar todo. En Bloque Podemos conquistar a Soberanía, a Democracia e o Traballo
O cambio político hoxe é imprescindíbel e necesario. E ademais posíbel, máis posíbel que nunca. Ese cambio vaino liderar o BNG. Historicamente o avanzo do BNG sempre se ten traducido no retroceso do PP.

JORQUERA NON TIRA A TOALLA, FEIJÓO SI
Os tres grandes protagonistas da Convención nacional serán Francisco Jorquera, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, a militancia da formación nacionalista e as súas propostas e alternativas.
Montse Prado referiuse a Jorquera como un candidato “serio” e “solvente”, unha persoa que a diferenza de Feijóo “non tira a toalla” e ten afouteza para enfrentarse coas dificuldades e formular propostas alternativas para saírmos da crise.
“Jorquera si cre no País, si ten proxecto para Galiza, non como Feijóo”, resumiu a secretaria de Organización.
UNHA CONVENCIÓN CORAL
A Convención mostrará un BNG plural e diverso desde a unidade. “Será unha Convención coral, con 15 intervencións, todas elas cheas de contido. Cremos nos equipos. Cremos na xente. Non é o momento de individualidades ailladas. É o momento de tirarmos xuntos, de tirarmos en Bloque”, recapitulou.
Será unha Convención con propostas. “O BNG si ten alternativas e propostas. Non as agacha como o PP. O PP agáchaas porque está a facer desde o Goberno xusto o contrario do que prometeu cando estaba na oposición”, afirmou.

8 de maio: mobilizacións en defensa do ensino público

O BNG vén de participar na constitución da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por distintas entidades representativas da comunidade educativa galega, para responder ás medidas que o Partido Popular está a impulsar contra este servizo público esencial. En particular maniféstase o rexeitamento ao Real Decreto-Lei 14/2012 do Goberno español, a exixencia de que a Xunta non aplique eses recortes en Galiza e que recorra o Decreto por invasión de competencias autonómicas en materia educativa.
Neste enlace http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/ podes acceder a toda a información sobre a actividade da Plataforma e ao seu manifesto fundacional.