O BNG denuncia que o centro de saúde de Escairón aínda non acendeu a calefacción


A asemblea local do BNG do Saviñao acusou ao goberno municipal de deixamento no mantemento dos edificios e especialmente do centro de saúde de Escairón, no que segundo os nacionalistas aínda non se acendeu a calefacción. A pesar do frío que se rexistrou estes días na zona -precisan-, o centro «ten o depósito do gasoil para a calefacción baleiro».
O BNG sinala doutra banda que, segundo os empregados do referido centro, o pasado día 16 xa se pediu ao Concello que enchese o depósito para poder pór en marcha a calefacción, sen que ata onte se tomase esa medida. «Non pode ser que case non mes de novembro non haxa calefacción nun centro médico onde vos nenos e vos maiores enfermos teñen que espirse para pasar consulta», di a este respecto o BNG, que urxe ademais ao Concello a solucionar este problema.
Aínda que a xestión dos centros de saúde corresponde ao Sergas, os concellos teñen a obriga de ocuparse do mantemento da calefacción e da limpeza destes edificios públicos, para o que deben investir os seus propios fondos

Resultados electorais O Saviñao

Censo 3.807 100,00%
Total Votantes 2.637 69,27%
Votos a candidaturas 2.528 97,98%
Votos en branco 52 2,02%
Votos nulos 57 2,16%
bng psoe pp age blanco nulos outros
escairon a 33 81 281 28 13 14 7
escairon b 44 90 218 28 8 9 9
piñeiró 16 33 90 10 1 11 1
vilelos 18 41 103 15 4 4 8
currelos 15 77 157 28 4 5 3
chave 22 50 144 7 4 2 1
segan 23 33 99 6 3 1 2
fion 8 52 113 8 8 2
diomondi 15 60 190 6 3 1
aiaz 14 27 190 7 4 1
TOTAL 208 544 1585 143 52 49 32



A mocidade decide. Rebótate e vota BNG!


Como saberás, o vindeiro 21 de outubro celébranse Eleccións Galegas. Alberto Núñez Feijóo viuse obrigado a adiantar as eleccións polos intereses electoralistas do PP. Preferiron convocar, antes de anunciar os brutais recortes contra a maioría da poboación que lle supoñan perder a maioría. Non podemos permitir que sigan a gobernar os mesmos que nos rouban o noso futuro, condenándonos ao desemprego e ameazándonos con máis recortes, mentres favorecen a banqueiros e especuladores. É a hora de contestarlles co noso voto.
Temos que botar fóra o goberno que expulsou 60.000 moz@s galeg@s á emigración, que nos condena a máis dun 40% de desemprego xuvenil en Galiza, que sobe as taxas universitarias, que recorta as axudas ao estudo e 2.500 profesor@s, que pretende volvernos ao pasado penalizando o aborto, que considera accesoria a prevención de accidentes e suprimiu o Noitebús e que manipula e mente nos medios de comunicación para perpetuarse no poder.
Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, cremos que é o momento de apostar por un cambio de goberno que supoña un cambio real de políticas. Precisamos un goberno que poña a Galiza a producir, desenvolvendo a nosa capacidade económica para xerar emprego de calidade. Temos dereito a traballar na nosa terra. Precisamos un goberno insubmiso aos recortes, que blinde os servizos públicos. Precisamos  ter soberanía para poder decidir, para que exista democracia real, para gobernar nós a nosa terra.
Non deixes que decidan por ti o futuro de Galiza. O vindeiro 21 de outubro participa destas Eleccións e dálle máis forza ao BNG. Rebótate! Vota BNG

Cinco ideas, un proxecto de país


1. INSUBMISIÓN AOS RECORTES E BANCA PÚBLICA: Gobernemos nós o noso aforro. O proxecto do BNG é conseguir un Banco público vinculado coa transferencia de NGB a Galiza. A opción do PP é liquidar NGB despois de ter investido millóns de euros públicos, o BNG non consentirá ningún recorte mentres se lle regalan cartos á banca privada. O BNG será insumiso e presentará recursos de inconstitucionalidade contra as decisións de Madrid que invadan competencias para obrigar a novos recortes. Gobernemos nós o noso aforro como garantía de que os autónomos, os pequenos e medianos empresarios e as familias teñan acceso ao crédito e que os seus proxectos servan para xerar riqueza e emprego que non saia de Galiza.
2. UN SISTEMA IMPOSITIVO MÁIS XUSTO: Gobernemos nós a nosa fiscalidade, os nosos impostos. O proxecto de BNG incorpora unha Reforma fiscal para gravar as grandes fortunas e un novo Concerto Económico para que os beneficios das grandes empresas como Inditex ou Citroen paguen o seu imposto de sociedades en Galiza. A opción do PP é cargar de impostos aos que menos teñen, o IVA é só un exemplo, que paga igual un obreiro e un banqueiro.
3. PÓR GALIZA A PRODUCIR PARA XERAR EMPREGO: Gobernemos nós os nosos recursos porque Galiza é un país rico, temos o naval máis punteiro, somos potencia pesqueira, temos o mellor agro e un grande potencial en I+ D. O proxecto do BNG pasa porque Galiza teña presenza propia en Bruxelas para defendelos. A opción do PP é supeditar calquera decisión sobre os nosos sectores productivos aos intereses de Madrid e Bruxelas. Tamén gobernemos nós a nosa enerxía, o proxecto do BNG inclúe unha tarifa eléctrica galega en beneficio dos consumidores.
4. SERVIZOS PÚBLICOS E XUSTIZA SOCIAL: Gobernemos nós a nosa sanidade, o ensino e o benestar. Sanidade e ensino público galego como dereitos. Renda mínima digna para todos e todas os que carezan de ingresos vinculada á formación e á integración. O proxecto do BNG quere xustiza social, non pode seguir habendo xente sen casa e casas sen xente. Establecerase un Patrimonio público de vivenda coas casas baleiras en mans dos bancos. O proxecto do BNG quere que ninguén fique atrás. Esa é a nosa alternativa. A do PP é un banco malo, é facer negocio no público.
5. MÁIS DEMOCRACIA: NIN UN PASO ATRÁS NOS DEREITOS E AS LIBERDADES: O autogoberno como garantía de dereitos e liberdades. Para poder legar unha lingua, unha cultura con manifestación diversas e plurais, un espazo de recoñecemento das diferenzas en igualdade de oportunidades, non podemos consentir o esnaquizamento de dereitos conseguidos polas xeracións que nos precederon. O proxecto de país do BNG non permitirá recortar en igualdade e soberanía e será un proxecto aberto e construido entre todos, por iso propomos unha Lei de Consultas Populares. Máis soberanía, máis capacidade para gobernar nós a nosa terra é maior benestar.

Guillerme: “As eleccións están abertas, e se sobe o BNG Feijóo perderá”


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosouse convencido de que “o 21 de outubro vai haber un cambio de rumbo en Galiza, porque somos moitos máis os que rexeitamos as políticas de Feijóo”. Para iso, subliñou que “a chave da derrota do PP está no ascenso eleitoral do BNG”.
“A esperanza do BNG fronte á desesperanza de Feijóo”
Previamente, o portavoz nacional salientou que “o 21 de outubro temos que elixir entre a desesperanza que representa o PP e Feijóo ou decidir a esperanza e o cambio de rumbo que representa o BNG”.
Asegurou que “o BNG está disposto a dar a batalla para facer realidade unha aspiración fundamental: o dereito a vivir e traballar na Galiza con dignidade”.
Guillerme precisou que “a estas alturas está claro que ou ben optamos por máis Feijóo, que é o mesmo que máis Rajoy e máis recortes e centralismo, máis desastre económico e social, ou apostar por un cambio de rumbo que representa o BNG”.
Neste sentido, afirmou que “no BNG estamos convencidos de que somos moitos e moitas máis os galegos e galegas que queremos un cambio de rumbo e por iso o día 21 estou seguro de que ese cambio de rumbo vaise producir”.
“O partido está aberto, as eleccións non están decididas”, subliñou.
A este respeito, salientou que “a chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG, e por iso pedimos a todos os galegos e galegas que reflexionen, pensen e voten BNG”.

O PP está nervoso e por iso opta polo xogo suxo e viola reiteradamente a lei electoral


O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegurou que Feijóo está nervoso e por iso xoga suxo, até o punto de ter violado nove veces a lei electoral.
Jorquera, nun multitudinario mitin en Monforte, ironizou coas declaracións de Feijóo nas que facía un chamamento ao resto dos partidos a facer unha campaña limpa, “cando quere emporcar o terreo e confundir co argumento de que todos os políticos son iguais”.
Neste sentido, o candidato nacionalista afirmou que está convencido de que Feijóo está disposto a todo para que o desexo de cambio que se percibe na rúa non se plasme nas urnas.
“Incluso se o precisa -engadiu- é capaz de volver a regalarnos esta semana outra operación espectáculo como ás que nos ten acostumados cando se achega un período electoral”.
Para Jorquera, Feijóo sabe que de se concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG, terá que abandonar Monte Pío e o País abrirá unha nova etapaa política, de esperanza, “o cambio real que protagonizará o BNG”.
O candidato nacionalista defendeu a necesidade deste cambio real frente a un goberno de Feijóo que no pode vender solvencia, porque solvencia é resolver os problemas máis acuciantes que ten o País e non mentir, “como fai Feijóo, que é un presidente insensíbel e tramposo”.
Jorquera reiterou que estas eleccións teñen tamén unha vertente estatal, porque votar a Feijóo é dar un cheque en branco a Rajoy para que poida seguir aplicando recortes, “malia que estes días Rajoy ande por Galiza facendo campaña e evite a foto con Feijóo”.

Para o candidato do BNG, por iso o PP ten tanto interese en facer unha “campaña do medo”, para poder seguir aplicando recortes e favorecer a banca en detrimento das clases traballadoras.
“O PP di que ou maioría absoluta ou o caos e vós sabedes ben o que implican as maiorías absolutas do PP en Madrid e en Galiza, que o PP sexa impune para poder facer todo o contrario ao que promete en campaña e para traizoar aos seus propios votantes”.
Neste sentido, Jorquera fixo un chamamento a aqueles sectores tradicionalmente votantes do PP para que non teñan medo e se sumen ao cambio que representa o BNG, como garantía, no caso concreto de Monforte, de manter a área sanitaria integral e impulsar o Hospital de Monforte.
Cosme Pombo
Pola súa parte, o cabeza de lista por Lugo, Cosme Pombo, acusou a Feijóo de ter unha folla en braca como balance de xestión estes tres anos e medio e reivindicou o dereito de Galiza a poder producir.
A este respecto, fixo especial fincapé no sector vitivinícola, na necesidade dunha Lei Galega do Viño, e defendeu a creazón dunha banca pública como ferramenta que tamén pode axudar a xerar emprego.

Jorquera pide á mocidade un “voto rebelde para unha forza política insumisa cos recortes”



Francisco Jorquera acudiu esta mañá á manifestación convocada polos Comités de Estudantes e Galiza Nova en defensa dun ensino público e de calidade. Alí apelou á mocidade par que “a súa rebeldía se traduza nun voto rebelde, por unha forza política que vai ser insumisa cos recortes, que vai facer do ensino público unha prioridade e que vai plantar cara aos recortes, o BNG”.
O candidato nacionalista afirmou que “recortar no ensino é o mesmo que recortar no futuro dun país, na formación da mocidade, o mesmo que ofrecer á mocidade como futuro unha maleta para que se gañe a vida despachando copas en Londres”.
En opinión de Jorquera “o que acontece obedece a un deseño, unha aposta do PP para que exista un ensino para ricos e outro para pobres porque mentres se recorta no ensino público os centros privados benefícianse dos programas para mellora da calidade educativa ou o goberno Feijóo subvenciona centros de ensino que separan nenos e nenas”.
Fronte a estas políticas, Jorquera defendeu as do BNG que apostan “desenvolver e dotar de máis calidade o ensino público para formar a mocidade e que poida vivir e traballar dignamente de Galiza e modificar o modelo de crecemento que nos levou a esta crise”.

Nunca Máis chama a participar da concentración do día 16 "para que os culpábeis non saian impunes"

A plataforma lembra que “a seguridade das costas galegas segue a ser competencia de Madrid”, que “outro 'Prestige' é posíbel” e chama a concentrarse na Coruña o 16 no inicio dun xuízo que “comeza dez anos após a catástrofe”. 

Cos artistas Xurxo Souto e Isabel Risco como portavoces, a plataforma cidadá Nunca Máis volveu esta cuarta feira na Coruña a comparecer en público para, nas vésperas do décimo aniversario da catástrofe do 'Prestige', chamar a participar na concentración que convocan diante do improvisado xulgado de ExpoCoruña onde o día 16 comeza o xuízo, ás 11.00 horas. “Volvemos a rúa porque outro desastre como aquel é posíbel. Houbo avances, como a desaparición dos petroleiros monocasco, mais segue sen haber unha vixilancia vía satélite que controle o que pasa no noso corredor marítimo e, por exemplo, evite verquidos como os dos sentinazos. E aínda non se transferiron a Galiza as competencias nese eido, polo que Madrid volvería ser quen asumise outra situación semellante. Tampouco hai estudios que indiquen ás claras o estado dos bancos afectados ou do efecto que tivo o chapapote na saúde das persoas”, indicou Souto, que comezou a conferencia de prensa pedindo: “Saúde e océano”.
O polifacético artista coruñés asegurou que “o xuízo comezará dez anos despois, e todo adiamento na xustiza é sempre unha derrota”. “Mais temos que celebrar que diante do aparato xudicial do estado, os avogados de Nunca Máis teimaron sen descanso e até conseguiron que fose imputado o Director Xeral da Mariña Mercante naquela altura, López Sors. Agora o que ten que quedar claro é que non pode haber impunidade”, engadiu. Xurxo Souto tamén indicou que “o feito de que o 'señor de los hilillos' (en referencia a Mariano Rajoy) sexa agora presidente do goberno é unha razón máis para nos mobilizar, xa que está moi claro que as nefastas mans en que estivemos daquela son as mesmas en que estamos agora, por moita lexitimidade que teñan. De feito, é importante a reactivación de Nunca Máis tamén polo que significa nestes tempos de crise en que nos piden que aturemos todo de xeonllos. Nese sentido, Nunca Máis foi un exemplo para o mundo á hora de levantar a bandeira da dignidade dun pobo e do ecoloxismo, ademais cun xeito propio de mobilizarse, creativo e mesmo humorístico”.
Abordado polas previsíbeis acusacións de “electoralismo” que puidese ter esta convocatoria, Xurxo Souto lembrou que “a data do xuízo foi cousa do xuíz e dos que tardaron tanto, non a puxemos nós”. Pola súa banda, a actriz Isabel Risco tamén fixo referencia a que “moitos dos culpábeis da terríbel xestión da catástrofe agora ocupan cargos aínda máis altos que hai dez anos”. Así mesmo, asegurou que “os cativos avances acadados en seguridade marítima debéronse á mobilización deste pobo” e afirmou que a presente convocatoria tamén pretende lembrar que “nós somos do mar, o mar non é noso”. 
Os avogados denuncian a tardanza do proceso
Pola súa banda, os avogados da plataforma Miguel Anxo Fernández e Pedro Trepat acusaron o estado de “dilación indebida” perante os dez anos de adiamento da causa. Tamén celebraron que vaia comparecer o daquela ministro de Fomento e alto cargo do PP, Álvarez Cascos, “posto que intentaron usar a López Sors como dique con que poñer a salvo o resto de responsábeis do goberno”.
Fernández asegurou que as conversas desveladas na prensa segundo as cales Salvamento Marítimo intentou levar o buque á ría da Coruña para non danar toda a costa galega servirán de “atenuante”, entrementres Trepat dixo que “agora mesmo pode volver producirse un accidente como aquel, mais creo que a resposta popular conseguiu que nese caso agora farían caso aos técnicos á hora de tomar decisións”.
A confraría denuncia que persiste a falta de medios
Entre os asistentes á conferencia de prensa estivo o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, que sinalou que a ría da Coruña “non era o lugar máis axeitado para levar o Prestige”. En conversa informal ao remate do acto, lembrouse que a maioría de expertos apostaron por levar o 'Prestige' a Corcubión, que polas súas especiais características até podía ter evitado o afundimento do barco.
Cao confirmou que “os medios existentes agora para unha emerxencia como aquela seguen a ser escasos, case ningún”. Ademais, en contra dos argumentos utilizados no seu día polos gobernantes “o porto exterior da Coruña non pode ser un porto refuxio de ningunha das maneiras, aí non se pode meter un barco nesa situación, especialmente nos meses de inverno”

A CIG chama á mobilización a prol dos servizos públicos

Manifestacións, o luns 15 en todas as cidades, en defensa dos servizos públicos e contra as políticas antisociais do PP 



 A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, da que forma parte a Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) fixo  un chamamento a participar nas manifestacións convocadas en todas as comarcas para manifestar o rexeitamento ás políticas antisociais e regresivas que vén aplicando o PP, tanto para os servizos públicos, en xeral, como para a destrución de emprego público en particular. Medidas que constitúen un ataque sen precedentes aos dereitos individuais e colectivos das galegas e galegos, pero tamén das empregadas e empregados das distintas administracións públicas.

As horas e lugares de saída das manifestacións previstas son:
A Coruña : Praza de Pontevedra- 19:00 h
Compostela: Alameda- 19:00 h
Ferrol : Praza de España – 19:00 h
Lugo: Edificio Admtvo Xunta- 19:00 h
Ourense: Pavillón dos Remedios- 19:00 h
Pontevedra: Praza da Ferrería -20:00 h
Vigo: Vía Norte- 20:00 h

Acto Público do BNG en Escairón

A asamblea local do BNG do Saviñao ten o pracer de convidar a todos os veciños e veciñas do Saviñao ao acto público que se celebrará o vindeiro sábado 13 de outubro ás 20:30h no Auditorio Municipal de Escairón.
Contaremos coa presenza dos candidatos Cosme Pombo e Maribel Sánchez.

Para facerlles frente, gobernemos nós a nosa terra!



Chegaron as eleicións. E, coma cada vez que hai cita coas urnas, as comparecencias dividiranse en balances e promesas. Presumen no Partido Popular de que son moi austeros nesta época de crise, de que somos a autonomía que menos gasta, a que cumple o déficit..

Pero os vecinos e as veciñas do Saviñao coñecemos a realidade que nos toca vivir, nós sufrimos tres gobernos do Partido Popular: o municipal, o autonómico e o estatal.

Coñecemos ben as políticas que aplican: aumentaron os impostos, baixáronlle o soldo aos traballadores públicos, aumentaron as retencións do IRPF, agora temos que pagar os medicamentos, os libros de texto, aumentaron o recibo da auga, o prezo da gardería, o recibo da contribución, etc, esos son os recortes para o pobo, porque no Saviñao duplicáronse as decicacións exclusivas e agora 4 concelleiros do PP cobran do Concello. Esa é a súa austeridade!

En tres anos e medio Feijoo fixo retroceder a Galiza 10 anos, agora Galiza ten menos benestar, menos democracia e menos autogoberno. O goberno de Feijoo foi o goberno do paro e dos recortes sociais.

O BNG é unha forza sólida e solvente, con capacidade demostrada na defensa de Galiza e de políticas de esquerda tanto nas institucións como na rúa.

Galiza precisa un proxecto nacional para reorientar as súas políticas: hai que por a Galiza a producir, protexer os servizos públicos e avanzar en democracia e soberanía.


Votar ao PP é lexetimar os seus plans: máis recortes para os máis débiles.

O 21 de outubro é o momento de plantarlles cara a estas políticas inxustas, é o momento de cambiar as cousas. O 21 de outubro VOTA BNG. EN BLOQUE PODEMOS!

Cosme Pombo chama a “concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”


O Bloque Nacionalista Galego abríu  a campaña en Lugo das eleccións galegas do día 21 cun chamamento a “concentrar no BNG todo o voto nacionalista e de esquerdas” para “botar” ao PP da Xunta. O cabeza de lista pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, dixo que “Feijóo non exerce de presidente de Galiza, porque non é a voz do pobo galego, senón a voz de Rajoy”.
O candidato nacionalista dixo que “é posible botar ao peor presidente da historia de Galiza, que leva tres anos sen facer nada por este país” e afirmou que “para iso a chave pasa por concentrar todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”. “Se isto ocorre -dixo- o PP ten as eleccións perdidas”.
Na praza da Soidade da capital lucense e acompañado por membros da candidatura, militantes e cargos orgánicos e institucionais do BNG, Cosme Pombo acusou a Feijóo de ser “un mandado de Rajoy”. “Feijóo agocha o programa de recortes masivos que ten preparados os seu xefe Rajoy para despois das eleccións, cando pida o rescate”, denunciou. “Non é de fiar un candidato que agocha mesmo as siglas do seu propio partido, como fai Feijóo, para ver se así despista á xente e non o relacionan cos recortes do PP”, criticou o candidato nacionalista.
O PP reprime a voz dos cidadáns
No acto Cosme Pombo tamén alertou da “actitude dictatorial e antidemocrática do PP, que tentou reprimir a voz dos cidadáns, denunciando a manifestación desta tarde para que non se producira, igual que reprimíu as manifestacións pacíficas de cidadáns diante do Congreso dos Deputados a semana pasada”. Finalmente a Xunta Electoral non deu a razón ao PP e a manifestación convocada pola CIG percorreu as rúas de Lugo en protesta polos recortes dos Goberno do PP en Madrid e na Xunta.

O BNG potenciará o medio rural como elemento estratéxico para o crecimento económico de Galiza


O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometuse cos representantes das principais organizacións agrarias a traballar proactivamente dende o 21 de Outubro para atender as súas demandas e garantir así a potenciación do medio rural como elemento estratéxico da política de crecimento que precisa Galiza.
Jorquera asegurou que de ter responsabilidades de goberno, o BNG traballará nesta dirección pero advertiu que a actual Xunta ten que actuar xa, porque o sector está nunha situación límite, cos prezos do leite máis baixos do Estado, e precisa dunha intervención directa do goberno.
Inspección e sancións ás grandes distribuidoras
Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou as prácticas ilegais e fraudulentas que están realizando as grandes distribuidoras en detrimento do leite galego e lembrou que a administración ten mecanismos de inspección e de sanción para facerlles frente pero non os exerce.
Para Jorquera, a fixación de prezos por contrato obrigatorio ten que ser froito do acordo das partes “e se non hai acordo o goberno galego ten que arbitrar e garantir uns prezos xustos e ten ferramentas para facelo”, reiterou.
Sector estratéxico
O candidato do BNG lembrou que o sector primario é estratéxico para Galiza e advertiu que non hai País desenvolvido que construise o seu progreso dende o abandono do seu medio rural.
“Galiza pasou de ser a despensa de España, como adoitaban dicir, a que agora a maior parte dos productos que consumimos sexan productos importados”.
Jorquera explicou que cómpre invertir esta situación porque non só están en xogo máis de 12.000 explotacións senón tamén o futuro económico de comarcas enteiras.
“De non se corrixir tanto os problemas estructurais como os máis inmediatos que padece nestes momentos o rural, atoparémonos co peche de explotacións e coa desertización económica e humana de comarcas enteiras”.