Grazas ao BNG Galiza terá voz no Congreso

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, Vázquez afirmou que grazas “aos miles de galegos e galegas que hoxe deron o seu voto ao BNG, Galiza terá voz no Congreso”.
O portavoz nacional do BNG iniciou a súa avaliación dando as grazas “aos miles de galegos e galegas que hoxe deron o seu voto ao BNG”. Non esqueceu á militancia do BNG e así dixo que “mil grazas aos afiliados, aos amigos do BNG por ter feito un grande traballo do que se deben sentir orgullosos”. Asemade, tivo palabras de recoñecemento para a directora de campaña, Montse Prado.
Estaremos de lado do pobo e non dos banqueiros
Engadiu que o BNG “cumprirá a súa palabra punto por punto, traballaremos neste contexto de problemas, traballaremos por Galiza e pola democracia, polos dereitos das persoas como é a sanidade e a educación”. Guillerme Vázquez subliñou que o BNG “traballará de lado dos que padecen a crise e fronte á dereita”. Agradeceu a confianza e asegurou que “non fallaremos, traballaremos por un cambio de rumbo e estaremos de lado do pobo e non dos banqueiros. Traballaremos por unha saída galega e social á crise”.
Respeito á victoria do PP, Guillerme Vázquez afirmou “respectar o que elexiu o electorado”, máis advertiu que virá “unha etapa de profundización nas políticas de dereitas xa iniciadas polos Gobernos saíntes, haberá máis recortes para o pobo, máis beneficios para a banca e, desde logo, nada agardamos en relación ao respecto polos diferentes sectores produtivos, os dereitos de Galiza”. O BNG, asegurou, “respecta o resultado e estará en frente das políticas de dereitas”.
Saudou tamén a expansión do nacionalismo en Euskadi e en Catalunya. Indicou que “todas as forzas deben saber o punto de partida para poder avaliar o punto de chegada. Contra vento e marea, podemos dicer que obtivemos un magnífico resultado que evidencia a nosa recuperación. Hai confianza no BNG. Superamos o test con éxito grazas ao traballo entusiasta dos militantes e grazas á confianza da cidadanía”. Celebramos os resultados porque “Galiza seguirá a ter presenza nas Cortes. A partir de mañá seguiremos a traballar”.

"Somos a única forza alternativa con opcións de ter representación en Madrid para defender Galiza e un cambio de esquerdas"

“A campaña ten demostrado que se o BNG está, Galiza está; e se o BNG non está, Galiza non está”



 

 Lugo, 16 Novembro 11. O líder do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este serán no mitin de Lugo que “somos a única forza alternativa con opcións de ter representación en Madrid para defender a Galiza e un cambio de esquerdas”.
Está cada día máis claro que o PP só ten medo a unha cousa: a que votedes BNG. Todo o demais non lle importa. Non lle importa a abstención. Non lle importa o voto en branco. O voto nulo. O único voto que lle doe ao PP é o voto ao BNG”, salientou Guillerme.
O portavoz nacional chamou a concentrar “o voto galego e de esquerdas” nas candidaturas do BNG.
“Somos o voto verdadeiramente útil nesta campaña. Útil para que Galiza teña voz propia en Madrid. Útil para empurrar na dirección dun cambio de esquerdas. Útil tamén para ir rexenerando a democracia, para a facer máis participativa, máis real”, dixo.
Reflectiu Guillerme sobre o desenvolvimento da campaña, que enfrenta xa o sprint final. “As cousas están moi clariñas: ou BNG ou PP. Non hai máis. Ou se opta por máis do mesmo, por continuar coa política dos recortes, ou se aposta polo cambio de rumbo galego e de esquerdas que representa o Bloque Nacionalista Galego”.
A campaña tamén puxo de manifesto que “se o BNG está, Galiza está e que se o BNG non está, Galiza non está. Vístelo no debate bipartidista e viuse tamén en multitudes de debates esta lexislatura quer no Congreso quer no Senado. Quen fala de Galiza nas cámaras se non é o BNG? Quen defende os nosos intereses se non é o BNG?”.
Todo apunta a que o 20-N Catalunya e Euskadi incrementarán a súa representación directa no Parlamento do Estado, terán máis peso político e, portanto, se situarán “en mellores condicións” para saír da crise. “Debemos tomar nota e actuarmos en consecuencia. Debemos dar máis forza a Galiza en Madrid e iso pasa necesariamente por dar máis forza á representación do BNG nas Cortes Xerais do Estado. Necesitamos máis Jorqueras, máis Olaias, máis Pérez Bouza!”.
RAJOY É O RECAMBIO, PURO CONTINUISMO
Descualificou o lema eleitoral do PP, Súmate ao Cambio. “Cambio? O PP non representa ningún cambio. Rajoy non é o cambio, é o recambio. É puro continuismo. Que política económica vai facer Rajoy? Pois a que pactou co PSOE ao reformar a Constitución sen referendo. A política económica que consiste en antepor o pagamento da débeda á criación de emprego. A política económica que pon o acento en coidar dos intereses da banca, no canto de coidar dos intereses da xente”.
O cambio real non pasa polo PP, senón polo BNG. “O BNG si que representa o cambio, un cambio de rumbo galego e de esquerdas. E necesitamos o cambio como respirar. Non podemos continuar nin un minuto máis así. Non podemos continuar facendo políticas que só favorecen os especuladores e que destrúen miles de postos de traballo”, dixo.
Un cambio de rumbo galego que fixe como prioridade o desenvolvimento dos sectores produtivos do país. “Pero alguén pode pensar que se pode criar emprego se non se dá un impulso decidido ao sector lácteo, á pesca, ao naval, ás pequenas e medianas empresas, aos autónomos?”, perguntouse Guillerme, quen salientou que o tecido empresarial galego, basicamente conformado por pemes, é a principal vítima das políticas de dereita que desenvolveron PSOE desde o Estado e PP desde a Xunta.
“Para sobreviver, as pemes necesitan que haxa un alto nível de consumo e que o acceso ao crédito sexa doado. Pois ben, coas políticas de dereita, nin unha cousa nin a outra! Non se consome porque os salarios son baixos e a xente ten medo a perder o traballo, e non hai crédito porque os bancos destinan o capital non a financiar empresas, senón a especular coa débeda”, engadiu.

MARÍA XOSÉ VEGA
Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, María Xosé Vega, atacou con dureza ao PP por “estar ao servizo de intereses distintos dos da cidadanía, como se demostrou cando no Parlamento galego negou a comisión de investigación que lle pediu o BNG para depurar responsabilidades polas insultantes indemnizacións que se levaron os directivos das caixas. O PP prefire tapar todo cando curiosamente, a fiscalía anticorrupción si que vai a emprender o camiño que nós demandabamos”.
“Pouco a pouco imos descubrindo a axenda oculta do PP e de Mariano Rajoy, o mesmo que antes se queixaba de que o estado español era un protectorado da UE pero que agora xa fala por teléfono con Merkel para pedirlle papas e instrucións”, afirmou María Xosé Vega. “O PP está cheo de patriotas de folla de lata que atacan as peticións de autogoberno de cataláns, vascos ou galegos pero que non dubidan en axeonllarse ante os poderes económicos doutros países”, engadiu.
A candidata do BNG por Lugo solicitou o voto para o nacionalismo galego “porque somos a única alternativa útil, que loitará polas nosas infraestruturas, polos nosos sectores produtivos e polos nosos servizos sociais, coa mente no emprego e nas persoas, non nas regras da especulación”.

O BNG reclama axudas directas ao sector agrogandeiro, "igual que se gastan millóns de euros na banca"

María Xosé Vega destaca as propostas do BNG para crear un fondo lácteo de 150 ME que sufrague explotacións que teñen quen pagar cuota e desgravación e axudas fiscais

Guillerme Vázquez reclamou esta mañá nun encontro con representantes do sector agrogandeiro en Lugo políticas xustas para o sector agrogandeiro galego, castigado durante tantos anos e perguntou “por que se non se dan axudas directas a este sector igual que se dan millóns de euros á banca?”.
O líder nacionalisra dixo que a chave para que o sector teña futuro é “a súa defensa política” e insistiu en que só está garantida da man do BNG.
"Coas políticas de PP e PSOE o único que podemos facer é convertir o rural nunha especie de gran safari"O portavoz nacional fixo un repaso polas políticas de PP e PSOE neste eidoque “entregaron o sector agrogandeiro como se fose a cabeza do Bautista”, mentres o BNG “cre neste sector como estratéxico porque cremos en Galiza e nos galegos”.
“Defendimos o sector en solitario, mentres nos dicían que era antigo e obsoleto”, continuou, “pero é tan moderno facelo na Galiza como en Dinamarca”.
Guillerme explicou que a orixe dos problemas debemos buscala na integración española na UE, momento en que “PP e PSOE non pelexaron por modificar as condicións”. Como consecuencia disto chegamos á situación actual sobre a que o portavoz nacional se preguntou “por que os gandeiros galegos cobran prezos máis baixos que a media estatal e europea? Por que non se dan axudas directas ao sector mentres se dan centos de millóns á banca?”
O líder nacionalista dixo que a Ministra e o Conselleiro do ramo “teñen que explicar por que nin sinten nin padecen ante esta situación”, ao tempo que salientou que “chegar Feijóo e baixar os prezos foi todo un”.
“Segundo un estudo publicado hoxe, o 60% da poboación considera negativa a xestión do goberno Feijóo”, revelou Guillerme, “se é así, a única posibilidade é votar alternativa galega e de esquerdas”.
No coloquio posterior cos gandeiros e agricultores, Guillerme defendeu políticas alternativas e ironizou afirmando que coas políticas de PP e PSOe “podemos convertir a Galiza e o seu rural nunha especie de gran safari”.
MARÍA XOSÉ VEGA
A cabeza de lista por Lugo destacou o papel que xogará o vindeiro goberno do Estado na negociación da PAC (Política Agraria Común) e salientou a importancia de que o BNG teña forza en Madrid para lle dar a volta á situación actual na que en tres décadas Lugo perdeu o 15% da poboación e pode perder aínda un 5% até 2019.
“Mil explotacións lácteas pechan todos os anos en Galiza”, explicou, polo que reclamou o apoio ao BNG para presionar nas vindeiras Cortes estatais. “Xogámonos, por exemplo, 5.000 ME en axudas, explicou. Na actualidade, recibimos o 3% do total, mentres o sector supón o 10% do sector no Estado”.
Para conseguir cambiar esta situación, a candidata nacionalista destacou que “nin PP nin PSOE teñen unha soa proposta no seu programa electoral, pero o BNG si”. A primeira delas é crear un fondo lácteo de 150ME para sufragar as explotacións que teñen que pagar préstamos para sufragar a cuota que teñen. A segunda consiste en desgravacións e axudas fiscais. Con estas medidas, tal e como salientou, “queremos apoiar o rural porque os problemas do País son os problemas do BNG”.

"Votar BNG é votar por Galiza, pola defensa dos intereses de Galiza en Madrid", di Guillerme en Monforte


Guillerme Vázquez afirmou esta mañá nun mitin en Monforte de Lemos que “votar polo BNG é votar pola defensa dos intereses de Galiza en Madrid”
“Votar BNG é votar por Galiza”, afirmou Guillerme, “para que Galiza teña peso, para facernos respectar e facer políticas xustas. É votar pola reforma fiscal xusta, por unha banca pública, polo traballo, pola democracia”.
O portavoz nacional chamou a apoiar ao BNG porque “se o BNG non está Galiza non está”, así se viu no “famosísimo debate cara a cara Rubalcaba-Rajoy. Onde estivo Galiza nese debate?” perguntou, “Galiza ten que estar e por iso pedimos o voto”.
O líder nacionalista denunciou que Rajoy non fala de reformas fiscais pero xa anuncia que baixará os impostos ás rendas altas “e non tardará en subir o IVE, que grava a todos e todas por igual”.
Fronte a estas políticas, o portavoz nacional chamou ás máis de 200 persoas asistentes a apostar pola “alternativa galega e de esquerdas que é o BNG”.
Lembrou tamén o líder nacionalista o aniversario da catástrofe do Prestige e enfatizou que “os dirixentes do PP durante esta catástrofe foron de caza, outro de viños e outros, como o señor Rajoy, viron hilillos de plastilina, mentres os galegos e as galeas viamos unha marea negra”.
O líder do BNG advertiu de que “ou votamos BNG ou gaña a dereita. Ao PP non lle doe que non se vote ou se vote en branco, dóelle o voto ao BNG. Non votar é inútil porque non cambia as cousas”.

MARÍA XOSÉ VEGA
Pola súa banda, a cabeza de lista por Lugo, María Xosé Vega, chamou a todos os monfortinos e monfortinas a apoiar ao BNG e advertiulles de que “Rajoy trata aos electores como se fosen nenos. Di que van ser felices, pero quere que teñan a felicidade da ignorancia e por iso non lles conta o que vai facer”.
A candidata nacionalista criticou duramente a “non xestión da Xunta” e reclamou que se faga co 51% de Novagalicia banco ao tempo que insistiu en que, “se usan os cartos de todos para salvar os bancos, non se pode deixar a xestión en mans de quen os levou ao desastre”.
A cabeza de lista por Lugo insistiu en que, ao contrario do que afirma Rajoy, “hai que cambiar as políticas non só ás persoas, porque coas políticas de dereitas do PP non vai mellorar nada”.

Máis de 130 persoalidades da cultura galega piden o voto para o BNG para "ter voz no Congreso e no Senado"

Máis de 130 representantes da cultura galega solicitan o voto para o BNG nas eleccións do próximo domingo nun manifesto chamado “A Cultura Galega Precisa do BNG no Congreso e no Senado” que está aberto a novas adhesións no sitio http://bngeculturagalega.wordpress.com. O seu contido foi presentado en Santiago nunha conferencia de imprensa na que tomaron a palabra o divulgador Uxío Novoneyra Rei, o director teatral Arturo López, o escritor e teólogo Victorino Pérez Prieto, a profesora María Pilar García Negro e a escritora e candidata do BNG ao Senado por A Coruña Teresa Moure.
Segundo Pilar García Negro, que presentou aos participantes, “a listaxe está chea de nomes fecundos que proseguen coa tradición de compromiso que antes amosaron todos aqueles aos que lles doe este país como Otero Pedrayo ou Rosalía de Castro”. “Non é unha listaxe de vougo oroupel senón que representa o mundo do traballo, nacionalista ou non, que reivindica que os galegos e as galegas queremos existir á luz do día e que sabe que a cultura é unha necesidade dos humanos para non converternos en simples números”, engadiu.
Pola súa parte, a escritora Teresa Moure recordou que o manifesto trátase dunha valiosa achega “dun importante sector produtivo que ante un forte acoso négase a deixar de ser galego”.
No manifesto están representados todos os sectores da cultura galega e nel participan persoalidades da literatura, fotografía, artes escénicas, música, ensino, comunicación, crítica ou banda deseñada.

Todos estes persoeiros da cultura galega aseguran no manifesto que piden “o voto para o BNG nas súas candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado porque a súa presenza nestas cámaras garantirá, como até agora, que a cultura galega exista en todo o que depende da política estatal e europea. É vital que a voz galega siga a facer valer que existimos. Desde 1996, esta voz ten un nome: Bloque Nacionalista Galego. Votémolo. Pola conta que nos ten”.
O manifesto completo e a lista de asinantes, que segue aberta a novas incorporacións, pódese ler neste sitio web.

O voto ao BNG é o voto útil en Galiza

"Hai que votar a quen te defende, hai que votar a quen te representa"

O pasado mércores celebrouse o mítin no Auditorio Municipal de Escairón. Ante un auditorio co aforo completo interviron Antía Nieves, e os candidatos ao Congreso e ao Senado Mar Pérez Fra  e Cosme Pombo.
Quedounos claro que si Galiza ten voz na política estatal é através do BNG “porque cantos asuntos afectan ao noso pobo estiveron presentes por boca do BNG”.
Achégase o momento de decidir. Ou o continuismo dos recortes ou o cambio de rumbo. Ou continuar pola vía do axuste duro do gasto público -coas inevitábeis secuelas de máis paro e máis crise- ou mudar a orientación das políticas públicas para pór o acento na criación de emprego e na reactivación da economía. Ou PP ou BNG. Ou ir aínda máis á dereita ou concentrar o voto “galego e de esquerdas” no Bloque Nacionalista Galego.
Protagonismo do sector público, reforma fiscal integral, redución dos gastos burocráticos, impulso aos servizos sociais, vitais non só para protexer aos máis castigados pola crise, senón tamén para impulsar a economía e criar emprego. “Estas son algunhas das propostas alternativas do BNG. Niso estamos a centrar a campaña, en divulgar propostas que dan corpo á nosa alternativa”
Non é desde logo o momento nin de resignarse nin de ficar pasivo frente ao previsíbel avanzo da dereita centralista no Estado. “Galiza ten que gañar peso na política estatal e iso só pode vir da man do Bloque Nacionalista Galego. Catalunya e Euskadi presumibelmente van incrementar a súa forza e iso vainos colocar nunha mellor situación para saír da crise. Galiza ten que tomar nota e actuar en consecuencia

O noso programa


Olla, comparte e descarga o noso programa electoral.
Programa electoral das Eleccións Xerais de 2011 

Anuncio electoral do BNG


Mitin do BNG en Escairón. Agardámoste!


Candidaturas do BNG en Lugo

CANDIDATURA AO CONGRESO
1.- MARÍA XOSÉ VEGA
2.- MAR PÉREZ FRA
3.- FEDERICO GUTIÉRREZ ESTOA
4.- ANTÓN SOMOZA CAXATO
SUPLENTES
1.- SUSANA RIVEIRA FERNÁNDEZ
2.- XOSÉ MANUEL BECERRA PARDO
3.- DORES FERNÁNDEZ ABEL
4.- XESÚS MAZAIRA VARELA

CANDIDATURA AO SENADO
1.- COSME POMBO RODRÍGUEZ
SUPLENTES:
CRISTINA FERREIRO LÓPEZ
EMILIO RAJO LÓPEZ
2.- TERESA BURGO GARCÍA
SUPLENTES:
ELVA CARRERA GONZÁLEZ
XOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

3.- BERNARDO FRAGA GALDO
SUPLENTES:
ANA BELÉN ERMIDA IGREXAS
XOSÉ MANUEL LÓPEZ HERMIDA

BNG, a alternativa que te defende

O BNG é a garantía de que Galiza estea presente na política estatal. Se está o BNG, está Galiza. O BNG é garantía tamén doutras políticas frente á crise. A estas alturas xa ninguén pode cuestionar que as políticas de PP e PSOE fracasaron: trouxeron máis paro e paralizaron a actividade económica. É preciso apoiar unha alternativa galega e de esquerdas.  É preciso darlle máis forza a Galiza en Madrid.

A Alternativa do BNG pasa por:
  1. Atacar o problema do paro desde a raíz,promovendo o desenvolvimento dos sectores produtivos de Galiza (lácteo, naval, pesqueiro, eólico, a conserva…) desde a convicción de que só desde o apoio á economía produtiva se poderá voltar a criar emprego de calidade.
  2. Unha reforma fiscal xustaque parta do principio de que pague máis quen máis ten e que combata sen cuartel a fraude fiscal.
  3. A criación dunha banca públicaque permita que o crédito chegue aos particulares e ás empresas. Neste sentido, propomos a modificación dos decretos que permitiron a privatización de Novacaixagalicia, isto é, o espolio do aforro galego. Defendemos que a Xunta teña dereito a mercar o 51 por cento das accións do FROB para se converter no principal accionista de NCG Banco.
  4. Asegurar a devolución das axudas concedidas á banca privada, para que ditos fondos se destinen ao financiamento de pequenas e medianas empresas e de autónomos.
  5. Eliminar o gasto burocrático innecesario, suprimindo as Deputacións e recortando o gasto militar.
  6. Avanzar no autogoberno de Galiza,impulsando unha reforma constitucional que recoñeza o dereito das galegas e dos galegos a decidir sobre o seu futuro.
  7. Defender os dereitos das traballadoras e dos traballadores, pondo o acento na defensa da estabilidade no emprego e prohibindo os expedientes de regulación de emprego en empresas con beneficios.
  8. Rexeitar calquera conxelación das pensiónse calquera extensión na idade de xubilación.
  9. Alentar unha democracia participativa de máis calidade, cun sistema eleitoral verdadeiramente proporcional e unha lei sobre consultas públicas para a convocatoria de referendos vinculantes.