UN DÍA DA PATRIA MASIVO

Era o que o País necesitaba: un Día da Patria Galega masivo para patentizar que esta nación continúa viva e que non vai renunciar a defender os seus dereitos. Unhas 20.000 persoas -algún meio de comunicación sinalou esta como a manifestación máis numerosa dos últimos anos- rebordaron as rúas do casco vello e desbordaron os límites da Praza da Quintana. Unha resposta cívica, festiva e moi emotiva ante as agresións que o Goberno Feijóo en apenas 100 días de exercicio ten perpetrado contra a nación galega e os seus sinais de identidade, a comezar pola lingua.
O BNG ofreceu a imaxe dunha organización que, unha vez feitos os deberes internos, ten folgos de abondo para construír a alternativa ao Partido Popular e derrotar en catro anos o proxecto reaccionario e anti-galego de Núñez Feijóo.
Como adoita dicir o portavoz nacional, "hai pobo, hai vida, hai esperanza".


DOUS ALICERCES BÁSICOS
O discurso de Guillerme Vázquez na Quintana construíuse sobre dous alicerces básicos: primeiro, transmitir a idea de que o BNG está aquí e non vai claudicar, perante o conformismo dos partidos españois en Galiza, que xa andan a argallar unha reforma do Estatuto para consolidar a presenza do noso País na Segunda División do Estado; segundo, espallar coa mesma enerxía a determinación do BNG de combater e vencer o Partido Popular e o que este significa tanto no eixo da política nacional como no plano da política social.

Galiza vive unha dupla crise, económica e política, pero claro que hai solucións: pasan por camiñar cara a un Novo Estatuto de Nación e por desenvolver desde o poder político galego políticas socieconómicas que favorezan ás maiorías sociais.

Pasan, portanto, por que o nacionalismo, cohesionado e reilusionado, traballe duro estes catro anos para persuadir ao conxunto da sociedade de que as solucións aos nosos problemas non pode vir dun partido da dereita españolista, senón dunha forza política propia do País e claramente comprometida cun modelo social favorábel ás maiorías.

ACCESO A INTERNET, XA!

O Consello Comarcal do BNG de Lugo-Sul, non comprende nin acepta á decisión de anular o previsto servizo de Banda Larga para as comarcas de Lemos e Chantada. As recentes declaracións da Delegada Territorial da Xunta de Galicia sobre a ineficacia desta tecnoloxía, correxindo a explicación anterior que se basaba en supostos incumprimentos da empresa adxudicataria, non fan máis que confirmar que estamos a padecer medidas pouco meditadas de quen semella descoñecer do que está a falar e o que é pior, as consecuencias das decisións que toma.
O acceso a internet no 2009 non é un luxo. Esiximos que non se nos despoxe dun instrumento fundamental para o desenvolvemento rural, vital para as empresas, autónomos, estudantes, demandantes de emprego, para o Turismo, así como para un servizo de teleasistencia aos nosos maiores, nesta zona economicamente deprimida e cunha alta taxa de envellecemento poboacional.
Non nos vale o recurso a un futurible plan non concreto de Banda Larga para toda Galicia fronte ao que xa era unha realidade con dotación orzamentaria dispoñíbel e comprometida e, ademais, cunha experiencia práctica que avala o funcionamento deste sistema.

Por este motivo, o luns 27 de Xullo, ás 12:00 horas, no portelo único do Concello de Monforte de Lemos, procedeuse ao rexistro dunha carta (previamente enviada por fax) dirixida á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, que se fai pública unha vez enviada. Acceso á carta aquí.

FESTIGAL 2009


Santiago.Campus Universitario Sul

Músicas, cultura, tendencias e diversidade.

Dous días de actividades.

Máis de 30 carpas para todos os públicos

Programación continua dende o día 24 ás 12:00h.

Entrada de balde.Zona de AcampadaPostos para xantar e cear os dous días con oferta gastronómica variada. Café Concerto / debates / libros e editoriais / audiovisual / xogos e animación / exposicións / software libre/ tendas e artesanía / cultura tradicional / radio en directo / feira de asociacións /...

Movámonos! pola nosa lingua, polo emprego"

A secretaria de Imaxe e Propaganda, Ana Pontón, e a secretaria de Organización, Montse Prado, presentaron en rolda de prensa a campaña do BNG para o Día da Patria, que levará por lema “Movámonos! Polo noso idioma, polo emprego” e na que se prevé unha participación masiva.

Ana Pontón asegurou que a campaña do BNG para o 25 de Xullo “está centrada en dúas preocupacións de gran importancia para a sociedade galega, e tamén para o BNG, como son a defensa do idioma e a defensa do emprego neste momento de crise”.

Neste sentido, a responsábel de Imaxe e Propaganda da Executiva do BNG denunciou que “o Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza, está a levar a campaña máis agresiva contra a lingua galega nos últimos trinta anos”. Ademais, criticou “a ausencia total por parte do Goberno de Feijóo de medidas para facer fronte á crise económica, á destrucción de postos de traballo e ao retroceso que estamos a sofrer na corbertura de servizos sociais”.

Ana Pontón salientou que o cartaz do BNG para o Día da Patria “quer simbolizar un BNG con ilusión, que saliu fortalecido da Asemblea Nacional e tamén un BNG plural que é capaz de camiñar unido na mesma dirección”. O BNG ten programados máis de 100 actos con motivo do Día da Patria.

“Utilizan a Castelao como escaparate pero non cren nel”
Pola súa parte, a secretaria de Organización do BNG explicou que a inclusión no cartaz da frase “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, do libro Sempre en Galiza, “é acaída nun momento no que se está a manipular a figura de Castelao”.

“Non deixa de ser un paradoxo -criticou- que os mesmos que conceden as Medallas Castelao son os mesmos que atacan o noso idioma e utilizan a Castelao como un esparate, sen acreditar para nada no seu pensamento”.

Ademais, Montse Prado subliñou que “a defensa da lingua vai unida a defensa dun maior político para Galiza e á densa da nosa economia”. A este respeito, criticou que “a negativa de Feijóo a que Galiza contara cun Estatuto de Nación fai que teñamos moito menor peso político no debate sobre o financiamento autonómico”.

Por último, a secretaria de Organización, Montse Prado, reiterou que a Mesa pola Normalización Lingüística “ten dereito a axudas públicas, tanto polo número de socios e socias, con case 4.000, como polas múltiples actividades que leva a cabo”.

“A Mesa ten dereito a axudas públicas, goberne quen goberne”, aseverou Montse Prado.