UN DÍA DA PATRIA MASIVO

Era o que o País necesitaba: un Día da Patria Galega masivo para patentizar que esta nación continúa viva e que non vai renunciar a defender os seus dereitos. Unhas 20.000 persoas -algún meio de comunicación sinalou esta como a manifestación máis numerosa dos últimos anos- rebordaron as rúas do casco vello e desbordaron os límites da Praza da Quintana. Unha resposta cívica, festiva e moi emotiva ante as agresións que o Goberno Feijóo en apenas 100 días de exercicio ten perpetrado contra a nación galega e os seus sinais de identidade, a comezar pola lingua.
O BNG ofreceu a imaxe dunha organización que, unha vez feitos os deberes internos, ten folgos de abondo para construír a alternativa ao Partido Popular e derrotar en catro anos o proxecto reaccionario e anti-galego de Núñez Feijóo.
Como adoita dicir o portavoz nacional, "hai pobo, hai vida, hai esperanza".


DOUS ALICERCES BÁSICOS
O discurso de Guillerme Vázquez na Quintana construíuse sobre dous alicerces básicos: primeiro, transmitir a idea de que o BNG está aquí e non vai claudicar, perante o conformismo dos partidos españois en Galiza, que xa andan a argallar unha reforma do Estatuto para consolidar a presenza do noso País na Segunda División do Estado; segundo, espallar coa mesma enerxía a determinación do BNG de combater e vencer o Partido Popular e o que este significa tanto no eixo da política nacional como no plano da política social.

Galiza vive unha dupla crise, económica e política, pero claro que hai solucións: pasan por camiñar cara a un Novo Estatuto de Nación e por desenvolver desde o poder político galego políticas socieconómicas que favorezan ás maiorías sociais.

Pasan, portanto, por que o nacionalismo, cohesionado e reilusionado, traballe duro estes catro anos para persuadir ao conxunto da sociedade de que as solucións aos nosos problemas non pode vir dun partido da dereita españolista, senón dunha forza política propia do País e claramente comprometida cun modelo social favorábel ás maiorías.

ACCESO A INTERNET, XA!

O Consello Comarcal do BNG de Lugo-Sul, non comprende nin acepta á decisión de anular o previsto servizo de Banda Larga para as comarcas de Lemos e Chantada. As recentes declaracións da Delegada Territorial da Xunta de Galicia sobre a ineficacia desta tecnoloxía, correxindo a explicación anterior que se basaba en supostos incumprimentos da empresa adxudicataria, non fan máis que confirmar que estamos a padecer medidas pouco meditadas de quen semella descoñecer do que está a falar e o que é pior, as consecuencias das decisións que toma.
O acceso a internet no 2009 non é un luxo. Esiximos que non se nos despoxe dun instrumento fundamental para o desenvolvemento rural, vital para as empresas, autónomos, estudantes, demandantes de emprego, para o Turismo, así como para un servizo de teleasistencia aos nosos maiores, nesta zona economicamente deprimida e cunha alta taxa de envellecemento poboacional.
Non nos vale o recurso a un futurible plan non concreto de Banda Larga para toda Galicia fronte ao que xa era unha realidade con dotación orzamentaria dispoñíbel e comprometida e, ademais, cunha experiencia práctica que avala o funcionamento deste sistema.

Por este motivo, o luns 27 de Xullo, ás 12:00 horas, no portelo único do Concello de Monforte de Lemos, procedeuse ao rexistro dunha carta (previamente enviada por fax) dirixida á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, que se fai pública unha vez enviada. Acceso á carta aquí.

FESTIGAL 2009


Santiago.Campus Universitario Sul

Músicas, cultura, tendencias e diversidade.

Dous días de actividades.

Máis de 30 carpas para todos os públicos

Programación continua dende o día 24 ás 12:00h.

Entrada de balde.Zona de AcampadaPostos para xantar e cear os dous días con oferta gastronómica variada. Café Concerto / debates / libros e editoriais / audiovisual / xogos e animación / exposicións / software libre/ tendas e artesanía / cultura tradicional / radio en directo / feira de asociacións /...

Movámonos! pola nosa lingua, polo emprego"

A secretaria de Imaxe e Propaganda, Ana Pontón, e a secretaria de Organización, Montse Prado, presentaron en rolda de prensa a campaña do BNG para o Día da Patria, que levará por lema “Movámonos! Polo noso idioma, polo emprego” e na que se prevé unha participación masiva.

Ana Pontón asegurou que a campaña do BNG para o 25 de Xullo “está centrada en dúas preocupacións de gran importancia para a sociedade galega, e tamén para o BNG, como son a defensa do idioma e a defensa do emprego neste momento de crise”.

Neste sentido, a responsábel de Imaxe e Propaganda da Executiva do BNG denunciou que “o Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza, está a levar a campaña máis agresiva contra a lingua galega nos últimos trinta anos”. Ademais, criticou “a ausencia total por parte do Goberno de Feijóo de medidas para facer fronte á crise económica, á destrucción de postos de traballo e ao retroceso que estamos a sofrer na corbertura de servizos sociais”.

Ana Pontón salientou que o cartaz do BNG para o Día da Patria “quer simbolizar un BNG con ilusión, que saliu fortalecido da Asemblea Nacional e tamén un BNG plural que é capaz de camiñar unido na mesma dirección”. O BNG ten programados máis de 100 actos con motivo do Día da Patria.

“Utilizan a Castelao como escaparate pero non cren nel”
Pola súa parte, a secretaria de Organización do BNG explicou que a inclusión no cartaz da frase “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, do libro Sempre en Galiza, “é acaída nun momento no que se está a manipular a figura de Castelao”.

“Non deixa de ser un paradoxo -criticou- que os mesmos que conceden as Medallas Castelao son os mesmos que atacan o noso idioma e utilizan a Castelao como un esparate, sen acreditar para nada no seu pensamento”.

Ademais, Montse Prado subliñou que “a defensa da lingua vai unida a defensa dun maior político para Galiza e á densa da nosa economia”. A este respeito, criticou que “a negativa de Feijóo a que Galiza contara cun Estatuto de Nación fai que teñamos moito menor peso político no debate sobre o financiamento autonómico”.

Por último, a secretaria de Organización, Montse Prado, reiterou que a Mesa pola Normalización Lingüística “ten dereito a axudas públicas, tanto polo número de socios e socias, con case 4.000, como polas múltiples actividades que leva a cabo”.

“A Mesa ten dereito a axudas públicas, goberne quen goberne”, aseverou Montse Prado.

Guillerme Vázquez pide a intervención pública para o sector lácteo e para Pascual

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou nun mitin no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo que o que quere o BNG "é que ao noso país se lle dea en Europa o mesmo trato que se lles dá aos demais".
"Cando se adican milleiros de millóns de euros a salvar sectores como o da banca ou para salvar Opel ou General Motors implícanse os gobernos e se busca a unha empresa que se faga cargo e se meten miles de millóns de euros, nós temos que solicitar un trato semellante para o noso país", afirmou.
"É difícil de explicar que se actúe asi neses casos e non para salvar o sector lácteo e, por exemplo no caso da factoría de Pascual en Castro de Rei, aos gobernos nin se lles ve, nin se lles espera", dixo durante un mitin no que tamén falaron Ana Miranda, cabeza de lista do BNG, Cosme Pombo e a concelleira Paz Abraira.

Sector lácteo
Nesa liña, o portavoz nacional do BNG esixiu que o goberno español "renegocie a actual asignación de cotas entre os distintos Estados membros da UE, de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles Estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galiza, que necesitan máis cota para ser viábeis".


Menos coches e avións e máis Galiza
A candidata número un do BNG acusou durante a súa intervención aos candidatos de PP e PSOE de "non falar dos problemas da xente". "Vemos como os candidatos do PP e do PSOE se enzarzan nunha serie de descualificacións sobre avións e coches oficiais, mentres que o BNG si está a falar do que significa a Unión Europea para Galiza e para a súa economía", afirmou.
Segundo Ana Miranda, "o PP e o PSOE culpan á crise global dos problemas dos nosos sectores produtivos, mais ignoran deliberadamente que moitos veñen derivados da mala inserción de Galiza na Unión, da que tamén foron responsábeis os gobernos centrais que xestionaron ambas as dúas forzas políticas".
"O BNG está a facer unha campaña na que defende outro modelo de Europa e na que está a facer propostas concretas para os nosos produtores de leite ou para o sector da pesca", concluíu a candidata do BNG.

Mitin do BNG no Saviñao


Guillerme Vázquez esixe en Monforte axudas directas ao lácteo "porque atravesa unha situación de emerxencia"

“A Xunta debe actuar para, en coordinación co Estado, garantir aos produtores prezos dignos e asegurar que as industrias lles recollan o leite”
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou esta tarde á Xunta a que, en coordinación co Goberno do Estado, destine “axudas directas” ao sector lácteo galego porque “atravesa unha situación de emerxencia socialmente moi preocupante”.
Guillerme Vázquez pronunciouse nestes termos durante o mítin que se celebrou esta tarde en Monforte de Lemos no que tamén interviron o alcalde, Severino Rodríguez, o candidato Cosme Eladio Pombo, e a número un do BNG na lista ás Eleccións Europeas, Ana Miranda. “

A Xunta non pode continuar en actitude pasiva. Debe actuar e debe facelo xa, porque nos estamos a xogar a futuro do campo galego”, afirmou Guillerme Vázquez. “Hai que facer dúas cousas e facelas xa. Primeira, intervir para que os gandeiros reciban un prezo xusto polo leite, sempre por enriba dos custos de produción. Segundo, hai que garantir que as empresas, que as industrias, recollan o leite aos produtores”.

A non recollida de leite está a colocar o sector nunha situación extremadamente delicada e socialmente explosiva, avaliou Guillerme Vázquez. “Non podemos ficar de brazos cruzados mentres Pascual rescinde unilateralmente o seu contrato coa cooperativa Melisanto, ou cando se producen conflitos puntuais entre industrias e produtores como os que se están a vivir na Mariña luguesa. A Xunta debe actuar. E debe facelo para garantir que o traballo dos produtores sexa dignamente retribuido e para garantir, por suposto, que se lles recolla o leite”, engadíu.

O derrotismo do PP
O líder do nacionalismo galego acusou ao PP de ter unha posición “derrotista” perante esta situación. “Co PP volven as políticas do abandono e do derrotismo ao campo galego. O PP non é capaz de ofrecer nengunha alternativa aos gandeiros que producen leite a 37 centimos e se ven obrigados a vendelo a 25”, denunciou Guillerme Vázquez.
“Si que hai solución para o campo galego, pero esa solución debe ser política e iso pasa por que o Goberno da Xunta teña vontade de actuar en sentido positivo”, alegou.
“Con vontade política se pode mesmo presionar á Comisión Europea para que adopte medidas que garantan a elevación dos prezos do leite, tal ecomo se ten feito co aceite. O problema é que o PP non ten vontade política. O problema é que o PP non acredita no campo galego”, proclamou o número un do BNG.

Defensa do galego
O portavoz nacional defendeu na súa intervención a proposta nacionalista de “outra Europa”, fronte á Europa dos “Berlusconis e Sarkozys que avala esa Constitución Europea á que millóns de cidadáns dixeron que non”.
Por iso, o líder nacionalista apuntou que o BNG é “o único que está a facer propostas en campaña electoral, fronte ao silencio de PP e PSOE. Somos unha nación europea con lingua propia, a lingua dos nosos pais e avós que será tamén a dos nosos fillos, queiran ou non”.
Neste sentido, Vázquez ironizou co odio que determinados sectores reaccionarios amosan contra o galego, “se puideran faríanse a cirurxía estética para extirparse calquera rastro de galego, mesmo o seu acento”.

“Defenderemos en Europa aos viticultores da Ribeira Sacra”
Pola súa parte, a candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, amosou o compromiso do BNG para defender en Bruxelas “o modelo de viticultura galega, un modelo baseado na calidade e amparado polas denominacións de Orixe, como o que se practica na Ribeira Sacra”.
Neste sentido, Ana Miranda subliñou que “os próximos anos van ser decisivos para a viticultura galega, xa que en Bruxelas vaise negociar a reforma da OCM do Viño”. Así, lembrou que “no ano 2015 está previsto que se liberalicen os dereitos de plantación, algo que prexudicaría ao modelo de Denominacións de Orixe, como a da Ribeira Sacra·”. Por iso, insistiu na necesidade de que “o BNG estea presente no Parlamento Europeo para que os intereses dos nosos viticultores e viticultoras tamén sexan defendidos”·.

MITIN DO BNG EN ESCAIRÓN

O SÁBADO 30 DE MAIO ÁS 21:30h NO AUDITORIO DE ESCAIRON
ANTÍA RODRÍGUEZ
responsábel local do BNG
MARIBEL SANCHEZ
deputada no Parlamento de Galiza
COSME POMBO
candidato do BNG ao Parlamento Europeo

Guillerme Vázquez pide ao Estado que dea o mesmo trato ao sector do leite que ao do aceite

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a número un da lista nacionalista ás Eleccións Europeas, Ana Miranda, realizaron esta mañá unha visita ás instalacións da factoría de Feiraco. Alí o líder nacionalista denunciou que o Estado está a pedir a Bruxelas axudas para elevar o prezo do aceite, mentres esquece ao noso sector lácteo.
Nese sentido, o líder nacionalista reclamou ao Goberno do Estado que "defenda en Europa ao sector lácteo como está a facer como o aceite".
Deste xeito, o portavoz nacional referiuse ás informacións publicadas hoxe na prensa sobre a decisión adoptada pola Comisión Europea pola que se conceden axudas aos produtores para o almacenamento de aceite, de tal xeito que se evite a caída dos prezos.
A adopción desta decisión, a instancias do goberno do Estado demostra, tal e como explicou Vázquez, "que si hai marxe de manobra para a intervención pública. O que veñen a dicir é que temos razón cando defendemos a necesidade de adoptar medidas públicas de protección do sector lácteo".
Guillerme Vázquez lamentou, neste sentido, que, até o momento, o goberno do Estado "tirase a toalla" nos problemas referidos a Galiza na Unión Europea e instouno a actuar como está a facer co sector do aceite.
O número un do BNG afirmou que a cooperativa de Feiraco é unha mostra da importancia que ten en Galiza o sector lácteo "un tema no que traballou de sempre o nacionalismo galego e, neste momento é moi evidente que esta problemática pasa por unha solución política".
"É necesario un cambio de status quo do sector leiteiro galego na Unión Europea", afirmou o portavoz nacional, ao tempo que lembrou a "obriga do goberno español e da Xunta de Galiza conseguir esa modificación de status e tomar medidas concretas poidan saír do afogo no que están milleiros de explotacións gandeiras".

Guillerme Vázquez: "se a banca e o sector do automóbil reciben axudas, por que llas negan ao sector lácteo?"



Reunión da delegación do BNG cos representantes de AGACA


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe a “falla de acción política das distintas administracións” para defender ao sector lácteo galego ante a “dramática situación” que está a sufrir. “Da a sensación –criticou- de que tiraron a toalla escusándose en que estamos no libro mercado e que a Unión Europea impide dar axudas ao sector”.

Guillerme Vázquez fixo estas declaracións en rolda de prensa tras manter unha reunión coa directiva da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), que lle transmitiu a crítica situación que está a atravesar un sector que “constitúe a espiña dorsal do agro galego”.


“Se se dan axudas á banca e ao sector do automóbil, con máis razón se lle deben dar aos agricultores”

A este respeito, Guillerme Vázquez afirmou que “para calquera cidadán é moi difícil de entender que, cos impostos de todos, se lle estean a dar miles de millóns á banca, causante en parte da crise, e ao sector do automóbil e sen embargo se diga que aos productores lácteos non é posíbel darlles axudas”.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG subliñou que “é o Goberno Central e o da Xunta de Galiza a quen lles corresponde cambiar o chip respecto á defensa do sector lácteo na UE”. En concreto, subliñou que “non é de recibo que moitos estados a UE sexan excedentarios en cota láctea, mentres que o Estado español é claramente deficitario”, unha marxinación que provoca “fortísimos desequilibrios no mercado que levan á situación actual”.

“Pódese regular para cambiar en positivo a política agraria europea se hai vontade política, porque tamén a Unión Europea regulou para impedir a ASTANO construír barcos ou para reducir as cotas de pesca da nosa flota”, incidiu.

O portavoz nacional do BNG concluíu subliñando que “hai que cambiar a política agraria na UE para que deixe de estar ao servizo das grandes corporacións e para que a xente poida vivir dignamente do traballo na terra”.

"Se o BNG non está, Galiza non vai estar"

Ana Miranda ocupa o segundo posto na lista da coalición Europa dos Pobos-Os Verdes, aínda que nas papeletas en Galiza van aparecer como BNG. A reivindicación do galego como lingua universal ocupa boa parte desta entrevista, que se produce horas antes do Día das Letras e da manifestación en defensa do noso idioma na capital do país. "É que todo vai unido. A defensa de Galiza alí en Bruxelas, sen ter que pasar por Madrid, e facelo en galego", asegura a candidata do Bloque, que recoñece a sorte de poder utilizalo dende o primeiro día "simplesmente com uma pequena modificação do sotaque". Trae consigo unha carpeta case tan grande como ela, rebordante de informes, documentos e propostas, porque como lle gusta salientar "as ideas non poden quedar só en boas palabras". Falamos con Ana Miranda, unha muller todo sorriso, todo optimismo, mais, como din os que a coñecen ben, con tamén moito fundamento.

Que Europa propón o BNG?
Partindo da situación de crise tan intensa que temos actualmente, defendemos un modelo alternativo ao neoliberal, un baseado na economía produtiva e enfocado no empuxe social. Imos ir a Europa defender os nosos sectores económicos, defender Galiza -e en galego- calquera informe do Parlamento Europeo sen intermediarios. Precisamos alguén con voz galega -e con voto, a voz soa non chega- que presente emendas, negociacións, que fale directamente coa Comisión Europea (CE) cando ten que falar, ...

Porén, despois prodúcense situacións como cando o ex conselleiro de Industria Fernando Blanco foi a Bruxelas pedir que Ferrolterra puidese volver á construción naval civil, e Bruxelas remitiuno ao Estado ...
Precisamente, o BNG o que está pedindo é iso, que a política europea sexa xestionada directamente en Bruxelas por Galiza, e non pola vía do Estado, ao igual que a aplicación dos Fondos Estruturais, que asigna directamente Madrid. O que exiximos é que sexamos nós como nación, como Comunidade Autónoma legalmente constituída, quen teñamos esa competencia directa.

A propósito, como ve a situación actual da nosa lingua en Europa?
Tanto a CE como o Parlamento Europeo negaron as teses dos que rexeitan as políticas de multilingüísmo. Ben o vimos naquel informe que deixou en evidencia a credibilidade de todo o PP. Para todas esas persoas que din que o galego sobra, que só é unha lingua de tres millóns de persoas, eu teño un exemplo na casa. Unha meniña de cinco anos que fala galego en Bruxelas, que fala castelán e francés, que aprende neerlandés e inglés ... todo iso suma sen complexos. Aos nenos non se lles pode impor a idea de que hai linguas que son máis importantes ca outras. Todas son igual de importantes porque van coa identidade.

Realmente, na sociedade semella que hai un desinterese xeneralizado pola política europea e mesmo a sensación de que as institucións da UE non serven para nada, non cre? Ademais, o comportamento absentista dalgúns europedutados non axuda ...
É que tradicionalmente quen vai alí dos outros partidos? Quen vai? Non vai xente como foi Camilo Nogueira, que foi un eurodeputado extremadamente traballador, non. Quen vai é xente como Mayor Oreja. Vai xente que, ademais, cando se lle pregunta polo seu absentismo di que foi para facer lobby europeo. Mire, perdoe, lobby europeo fíxeno eu, que sen ter escano nin representación oficial defendín alí durante cinco todos os nosos sectores produtivos.

Que visión se ten de Galiza en Europa e que papel xoga nisto a Fundación Galicia Europa?
Ás veces é escasa, aínda que o BNG fixo un intenso traballo dende que chegamos. A Fundación Galicia Europa é a oficina encargada de defender os intereses galegos en Bruxelas. É unha entidade semipública. Con participación de capital privado. E dende logo non está a facer as funcións dunha delegación exterior. É máis, con moi pouca transparencia, con escaseza de plantexamentos preventivos para se asesorar en determinadas materias.
Por exemplo, nestes momentos de crise no sector leiteiro, o que tiñamos era que ter unha serie de propostas preparadas para defendelas diante da CE, nos comités sectoriais, con reunións co sector. Ese é un traballo que facía o BNG mesmo sen ter escano e que a Fundación Galicia Europa non fai, aínda por riba movéndose cunha profunda opacidade e non sempre usando a nosa lingua.

Nese senso, no das relacións internacionais, o BNG está integrado na Alianza Libre Europea (partido político, formado por 40 formacións de nacións europeas sen Estado propio). Que valoración fai o BNG desta entente?
Abrimos un marco de traballo enorme que ademais fai que cando cheguemos oficialmente ao Parlamento Europeo dentro de dous meses, xa teñamos uns compañeiros. Non imos ter só unha eurodeputada galega, imos ter un grupo parlamentario que ten posicións moi claras en determinadas materias. O grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea foi o que presentou a emenda á directiva das 65 horas, impedindo a ampliación da xornada laboral semanal. Que ademais ten unha visión moi progresista e que é chave para as negociacións entre os grandes grupos europeos.

Manifestación histórica en defensa da lingua

"Agora tócalle a Núñez Feijoo mover ficha", dixo Carlos Callón ao remate dunha manifestación histórica e masiva que reuniu en Compostela a ducias de milleiros de persoas, "non menos de cincuenta mil". Parece que neste 17 de maio vén de comezar unha batalla para defender os dereitos dos galegofalantes a usar a súa lingua, unha batalla que durará moito e que terá episodios intensos, na rúa, nos medios e nas institucións. "O importante é que esta mensaxe lle chegue ao presidente da Xunta, e que se decida a cumprir a lei. Agora tócalle mover ficha ao señor Núñez Feijoo, e estaremos moi atentos nos vindeiros meses, e se non modifica a súa actitude, volveremos saír á rúa, e xa non será na Quintana, senón no Obradoiro. E non imos dar nin un paso atrás" advertiu Callón.


Choveu, escampou, volveu chover e mesmo brillaron raiolas de sol nesta mañá en Compostela. O tempo parecía aquel poema de Xosé María Díaz Castro de Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Un pouco como a normalización da lingua, ameazada dende a vitoria do PP no 1 de marzo polas ameazas de Núñez Feijoo que cumprir os compromisos adquiridos con grupos de presión como Galicia Bilingüe, como por exemplo anular o decreto do ensino aprobado pola Xunta bipartita. Xente, moita xente, tanta que as peaxes da AP9 sufriron retencións de máis dun quilómetro na entrada de Santiago, e tanta que cando a manifestación estaba chegando á Quintana, aínda había moita xente que non saíra da Alameda. Nenos, moitos nenos, que abrían a marcha e que foron os grandes protagonistas até que comezaron os discursos.


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou o acto como "un aviso de milleiros de persoas que lle din ao PP que ten que dar marcha atrás nesa política de acabar definitivamente co idioma galego", polo que lle pediu ao PPdeG que "modere esas posicións radicais que adoptou desde un primeiro momento".

O BNG fará unha campaña intensa e participativa nas eleccións ao Parlamento Europeo

A lista do BNG estará formada por Ana Miranda, Alberte Souto, Encarna Otero, Cosme Pombo, Iolanda Veloso, Marga Vázquez Veras, Iván Area, Helena Veiguela, Marga Caldas e Xavier Vence. Como suplente estará Edelmiro López Iglesias.



“Galiza, nación europea, ten tanto dereito a existir e estar representado nas institucións europeas como calquera outra nación”, asegurou Ana Miranda. “E ademais a estar representada en galego”, asegurou a candidata nacionalista, quen lembrou que a súa filla fala galego, castelán, francés e neerlandés, e que “as linguas suman e non restan”.

Para Ana Miranda, o BNG preséntase a estas eleccións tamén para defender outra idea de Europa. “Onde está Europa neste tempo de crise, no que mesmo Estados Unidos está facendo políticas máis progresistas que as propias institucións comunitarias”, dixo.
A que foi até agora representante “oficiosa” do BNG ante as institucións europeas e asistente parlamentar de Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 prometeu facer unha campaña intensa, “percorrendo o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste”. Asegurou así mesmo que os nacionalistas “faremos unha campaña tal e como somos nós: humilde, relacionada coa xente, directamente co pobo e desde logo, participativa”. O lema será "Imos a Europa, vés?".
“Seremos nós os que defenderemos o noso aire, mar e terra, defendendo tamén un país sustentábel”, aclarou.

Galiza non existiu para o PP e o PSOE

Asegurou, por outra parte, que o BNG non é “nin euroescéptico, nin eurooptimista” e reivindicou que o noso país defenda directamente os seus dereitos na Eurocámara. Nesa liña, fixo referencia ao período 1999-2004, no cal o BNG estivo representado através do eurodeputado Camilo Nogueira e tamén á lexislatura 2004-2009, na cal os nacionalistas galegos presentaron iniciativas mediante os partidos cos que foran coaligados.
“Hai que destacar un feito, que é que Galiza apenas existiu para os eurodeputados galegos do PP e do PSOE”, dixo. “Non lembro intervencións nas que falaran das nosas realidades: dos incendios, do textil, da pizarra, das conservas, do agro, do leite”, dixo.
Renegociación dos fondos estruturais
Miranda lembrou que no Parlamento Europeo se renegociarán os fondos estruturais apartir do 2010 “e nós imos estar alí para defender os nosos intereses sen intermediarios, como fan os partidos que teñen a súa sede central en Madrid”. De feito, a candidata nacionalista asegurou que “a nosa sede central é esta, nós queremos relacionarnos directamente de Galiza para Bruxelas, sen pasar por Madrid”.
Lembrou que en Europa se van decidir cuestións moi importantes “que afectan ás nosas vidas, como o Plan Boloña no ensino, a directiva de Servizos, ”. E así mesmo, lembrou que o BNG non estará só no Parlamento Europeo, senón que intervirá através da súa “familia política” da Alianza Libre Europea -partido no que están integrados os nacionalismos progresistas do continente-, que forma grupo parlamentar cos Verdes.

Guillerme Vázquez
O portavoz nacional do BNG asegurou que esta forza política cre “na Europa da cohexión social, pero de verdade, non coma un enunciado abstracto” e reclamou políticas “que favorezan a converxencia real”.
Vázquez lembrou a oposición do BNG ao tratado constitucional europeo, e que “ser crítico coas institucións comunitarias non significa ser antieuropeo”. Nesa liña, apuntou o déficit democrático que teñen as institucións de Bruxelas, ao cal mostraron o seu rexeitamento os pobos de Francia e Holanda votando non ao tratado constitucional europeo. Nesa liña, recordou a oposición do BNG a este tratado.
“Cremos na Europa da cohexión territorial social, pero a de verdade, non como un enunciado abstracto sen nengunha concreción práctica”, enfatizou. E nesa liña, reclamou que se permitan desenvolver “as capacidades produtivas do noso país nos sectores naval, lácteo e pesqueiro”.
Por último, Vázquez sinalou que o BNG “defende unha Europa que xogue outro papel na política internacional, que sexa favorábel á paz e non siga as políticas militaristas e defenda por tanto a libre determinación dos pobos”.

O GALEGO, A NOSA COLUMNA VERTEBRAL. O IDIOMA QUE NOS UNE!

O vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela producirase unha manifestación histórica en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos. Para reivindicarmos o dereito básico a podermos vivir no noso idioma propio, o cal debe ser garantido polos poderes públicos.
Vemos con preocupación como o PP, desde a Xunta de Galiza, pretende desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como o amparo xurídico en aspectos tan fundamentais como o ensino. Levar a cabo medidas de ataque contra o galego supón un perigo de confrontación indesexábel e de fractura social, ademais de ir contra acordos unánimes do Parlamento e vulnerar o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.
Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o sistema educativo, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación.

"Debemos saír desta Asemblea coma un só BNG"


O novo portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, deu o seu primeiro discurso ante o pleno da Asemblea Nacional, no que enfatizou que “unha vez que conclúe o debate actuemos ante a sociedade unidos como un bloque, como un só BNG”. “Así nos quere ver a sociedade galega e así nos vai ver apartir de agora, porque todos e todas somos o Bloque Nacionalista Galego”, asegurou.
Así mesmo, Vázquez asegurou que esta era “a Asamblea máis participativa da historia do BNG”, na que os militantes nacionalistas debateron a liña política a seguir. “Aquí non sobra ninguén e aínda fala moita xente”, afirmou, e asegurou que “os afiliados e afiliadas deben ser actores do BNG”.
Guillerme Vázquez amosouse convencido de que “entre todos conquistaremos a unidade, a lealdade e a confianza dentro do BNG, que segue sendo a mellor ferramenta para conquistar a emancipación social e nacional de Galiza”.


Tempos difíciles
“Vivimos tempos difíciles para o noso país e para o conxunto da humanidade”, asegurou Vázquez, quen criticou a ideoloxía implantada na “revolución conservadora de Reagan e Thatcher”, segundo a cal “a globalización vai traír a felicidade a toda a humanidade, co mercado convertido nun deus, nun becerro de ouro ao que adorar, no que o mellor sector público era o que non existía”.
Nesa liña, explicou que “vinte anos despois, esa política está hoxe en bancarrota e levou ao mundo á peor crise desde o 1929”. Criticou, xa que logo, a idea da fin das ideoloxías e lembrou que o imperialismo segue funcionando, “ocupando nacións soberanas, como Iraq, ou Afganistán, e negando os dereitos de pobos como o palestiniano, o sahariano”
Así, asegurou que o nacionalismo propón un modelo alternativo ao neoliberal, que defenda os dereitos dos traballadores e aposte pola economía produtiva.
De cara ao goberno central, Vázquez afirmou que o BNG estará disposto a apoiar o goberno central sempre cando varía a súa estratexia e apoie ás maiorías sociais. “O BNG ten claro quen provocou a crise”, asegurou.


Goberno galego
“A presenza do BNG no goberno galego tivo máis luces que sombras, levando a cabo un proxecto transformador, que se molestou a alguén foi aos que sempre se consideraron poder por riba dos cidadáns”, dixo, ao tempo que sinalou que a súa primeira preocupación será “recuperar a sintonía cos milleiros de cidadáns que nos retiraron o seu apoio”.

“O PP non ten programa para Galiza”
“O PP non ten un programa en positivo para este país, ten un programa en negativo”, afirmou Vázquez. “Non lles di á xente o que queren, dilles o que non queren: non queren que os nosos nenos aprendan a lingua nas galescolas, nin grupo lácteo galego, nin rede galega de servizos sociais, nin que as concesións eólicas redunden no interese público, explicou.
Nesa liña, afirmou que o PP “non ten nada de tecnocrático nin de neutro, veñen facer política pura e dura”, e acusounos de seren “a dereita máis reaccionaria de Europa”. Criticou que os populares galegos avalen teorías como “a da imposición do galego” e afirmou que Galiza non será plenamente democrática até que a nosa lingua teña os mesmos dereitos que o castelán.
Guillerme lembrou que o PP non acredita no autogoberno galego e que para eles Galiza será unha moeda de cambio para poñer “aos pes de Mariano Rajoy”.
Segundo Guillerme Vázquez, o PP “é derrotable en catro anos se facemos ben o noso traballo”. Para o novo portavoz nacional do BNG, a verdadeira dialéctica da política galega durante os 27 anos de existencia desta organización se estabeleceu entre os nacionalistas galegos e a “dereita españolista do Partido Popular”.

Eleccións ao Parlamento Europeo
Segundo Guillerme Vázquez, o BNG contrapoñerá nas eleccións europeas “o modelo neoliberal da UE co noso modelo social e democrático” e asegurou que é a Unión Europea a que impide a Astano construír barcos ou afecta ao noso sector lácteo.

Humildade
Vázquez asegurou estar disposto a traballar con “humildade e realismo” porque “eu só son un máis dos afiliados do BNG” e comprometeuse a visitar todas as asambleas comarcais e “poñer a orella” para escoitar as preocupacións da xente.
Rematou o seu discurso asegurando que “cumpriremos o soño dos devanceiros que xa no século XIX soñaban cunha Galiza máis xusta e soberana” e citando un poema de Uxío Novoneyra: “Sabemos que ti podes ser máis/sabemos que o home (e engado eu, a muller) pode ser máis”. “Tentarei non defraudarvos”, rematou.

O Consello Nacional do BNG convoca a Asemblea Nacional Extraordinaria para o 10 de Maio

O Consello Nacional do BNG aprobou convocar unha Asamblea Extraordinario da formación frentista para o próximo 10 de Maio, a proposta do Portavoz Nacional, Anxo Quintana, e da Executiva Nacional.

A Asamblea Extraordinaria analizará os resultados electorais, a situación política e as orientacións políticas que o nacionalismo debe asumir para o futuro. Asemade, elexirá unha nova dirección, un novo Consello Nacional, unha nova Executiva e un novo Portavoz Nacional.

Transparencia e verdade frente á campaña de difamación e mentiras do PP

Transparencia e verdade frente á campaña de difamación e mentiras do PP
A campaña de difamación e mentiras impulsada polo PP e a súa plataforma mediática contra o BNG non cesa e ten como obxectivo a desmobilización dos sectores sociais obxectivamente interesados en que se aprofunden as políticas transformadoras impulsadas polo nacionalismo desde a súa chegada ao Goberno en 2005.

É preciso estar armados de argumentos para, no contacto social, desvendar as mentiras do PP e da súa plataforma mediática.

É moi útil termos en conta todos e todas as seguintes informacións:

Encontro cos maiores en Oia.
A plataforma mediática do PP presenta este encontro como un mítin organizado polo BNG. Primeira falsedade. Foi un acto organizado pola Confederación Galega de Maiores. A seguir dise que os maiores foron levados a Oia enganados polo BNG. Segunda falsedade. Só un 5 por cento dos maiores que se desprazaron a Oia non coñecían que no seu programa de actividades estaba contemplada unha charla de Anxo Quintana. A responsabilidade dese descoñecemento só se lle pode imputar aos organizadores do acto, a Confederación Galega de Maiores, e nunca ao BNG como as plataformas mediáticas e o PP fan sistematicamente.
Anxo Quintana, aínda que o BNG non tiña nengunha responsabilidade na organización do evento, non tivo o menor reparo en apresentar as súas desculpas ás persoas, moi poucas, que se puidesen sentir incomodadas pola súa presenza.

Fotografía de Anxo Quintana con Jacinto Rey.
Esta fotografía foi apresentada fraudulentamente polas plataformas mediáticas do PP como tomada no verán pasado. Falsedade absoluta. A fotografía ten máis de catro anos e xa fora publicada en 2005 polo Correo Gallego sen que daquela producise o menor balbordo. É obvio que o líder do nacionalismo galego ten non o dereito, senón a obriga de se relacionar cos empresarios máis relevantes do País co obxectivo de os comprometer a criar riqueza en Galiza. Jacinto Rey foi cualificado polo candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta como �amizade perigosa�. Ese criterio non o comparten o Goberno do Estado nen o concello nen a comunidade de Madrid que acaban de adxudicar á empresa de Jacinto Rey a operación urbanística de maior orzamento da historia.

Fraude do gabinete de prensa do PP
Para máis inri, as fotografías de Anxo Quintana con Jacinto Rey foron transmitidas a todos os medios de comunicación por un xornalista do gabinete de prensa do PP. Este xornalista elaborou un power point con esas fotografías, mais cometeu un erro: non eliminou o seu nome do documento (ficou gravado nas propiedades do power point). E non contento con iso criou fraudulentamente un correo en gmail usurpando o nome da nosa organización: enviou o power point desde un bng.madrid@gmail.com. Sobre este asunto, o gabinete xurídico do BNG está a estudar a adopción das iniciativas legais ás que houber lugar.

Accidente de Anxo Quintana
A suxa campaña do PP contra o BNG alcanzou o paroxismo o mércores, cando fontaneiros dese partido hackearon a páxina web de Europa Press para pendurar unha noticia falsa, a de que Anxo Quintana sufrira un accidente e, consecuentemente, se vira obrigado a suspender a súa axenda matinal, que incluía un encontro con mozos. Pretendíase así sabotar a participación dos xóvenes neste encontro. Europa Press nunca sufrira a sabotaxe da súa páxina web.

É de interese que vexades a seguinte entrevista que lle fixeron ao Portavo Nacional, hoxe venres en �La Mirada Crítica� de Tele 5, onde enriquece e amplía a información que se proporciona neste documento.

"Agora os galegos e galegas temos o reto de dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo"


O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin no pavillón dos Remedios no que tamén interviron o tenente de alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, a número dous, Tereixa Paz, e o cabeza de lista por Ourense, Alfredo Suárez Canal.
O número un nacionalista iniciou a súa intervención na súa “querida cidade de Ourense” pedindo o voto para o BNG e animou a todos e todas a enfrontar o reto do día 1, “dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo”.
O candidato lamentou que Galiza fose desde sempre un país “con dúas velocidades” no que o interior “non ía a unha velocidade inferior, senón marcha atrás” e anunciou que o BNG naceu “para cambiar a historia do país en beneficio dos cidadáns, fomos fideis á nosa historia”.

“Somos o produto dunha xente que sabía que para un país é necesaria unha forza política propia, para ser nación, un país ten que ter unha forza política propia como instrumento de defensa de benestar e de avance”, dixo.
O número un do BNG aludíu na súa intervención a Florentino Cuevillas, cabeza da xeración Nós, cando afirmaba que “Galiza ten unha certa vocación ao suicidio” en alusión ao feito de que “nunha terra coma ésta o caciquismo tiña o apoio de moita xente e Florentino non podía crer aquelo. Hoxe estaría contente porque se decataría de que o seu soño é certo e hoxe é realidade unha Galiza emerxente, un país novo, cheo de futuro, o que el soñou é o que hoxe lle damos”.

Agora, Quintana indicou que hai que “seguir avanzando, polos que loitaron e polos que veñen despois, os nosos fillos, os que terán que habitar Galiza”.
Apostou pola necesidade de que unha nova xeración orgullosa de si mesma “medre para ter un país orgulloso de selo porque cando iso suceda seremos indestructíbeis”.
O número un do Bloque afirmou que os preto de tres mil asistentes eran “unha representación desa inmensa marea de simpatía cara o BNG que existe no país. Galegos que levan a Galiza no corazón, que saben que Galiza ten que ser o primeiro. Estamos como unha marea de cambio, progreso e benestar. Esa marea é a que lle vai facer frente á mentira, á difamación. Construímos entre todos e todas un gran equipo que ten capacidade de xogo, que sabe como facelo, ten alternativas. Todos van cara o mesmo obxectivo, a marcar gol e a gañar. Cando hai un equipo que xoga ben, ás veces tense que enfrentar a un equipo en decadencia que recurre ás peores artimañas, embarra o campo e saca aos seus hooligans e pintan a cara para meter medo”, mais advertíu que non van acadar o seu obxectivo.
“Derrotamos a Fraga e vengouse de nós deixándonos aqui a Baltar”, explicou, “agora o enviado do señor Feijóo anda polos pobos como alma en pena convertido nun hooligan dedicado á mentira e á difamación porque queren destruír, non gañar, non lles importa destruír ás persoas chegando aos extremos da difamación persoal máis asquerosa”. Quintana advertíu a Feijóo de que “non pode esconderse detrás do seu empecinado de aqui porque sabemos que é o que pretende e non imos caer na súa trampa. Xa non pasará á hsitoria como ese pequeno cacique bonachón e aldeano que fai favores, pasará como a peor cara da política da estrema dereita, a peor cara da difamación, da mentira”.
Quintana lanzou unha promesa solemne entre os aplausos dos asistentes: “empeñei boa parte da miña vida en acabar co caciquismo no meu pobo e quero prometervos hoxe que non me van dobrar e que empeño o resto da miña vida en acabar co caciquismo en Ourense e en Galiza”.
Todo vale contra o BNG e Quintana”, afirmou o candidato, ao tempo que relatou a sorpresa dun xornalista portugués que o entrevistou esta semana ante esta “campaña suxa” e que lle perguntou “se eu era o presidente e o BNG é a forza maioritaria da Galiza, díxenlle que aínda non”, relatou, e, daquela, o xornalista perguntou “como é píbel que nesta campaña só haxa o Bloco ou o PP e eu xa non souben que dicirlle”.
O cartel nacionalista indicou que agora lle toca ao BNG a campaña da difamación “porque xa non somos unha cuestión simpática, folclórica para colocar nun testo, é unha forza política para colocar a Galiza no mundo e iso dálles medo. Están acostumados a aturar a Euscadi e Cataluña pero, outro máis, iso baixo ningún concepto!”
Quintana aludíu ao labor feito para chegar até aqui e animou a levar adiante un último esforzo, ao tempo que lembrou que “un día os galegos conseguimos pór as mesmas pedras para que Aznar acabara desaloxado da Moncloa. Agora temos o reto de que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo”.

Fernando Blanco asegura que "non imos permitir que a crise dos especuladores a paguen os traballadores"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, afirmou hoxe en Monterroso, en relación á actual situación económica, que “o BNG non vai permitir que a crise dos especuladores a paguen os traballadores”. Nun mitin no Centro Socio-Cultural da localidade xunto á número 2 da lista, Isabel Sánchez Montenegro, o candidato nacionalista contrapuxo “os modelos do BNG e o PP para saír da crise”, o do BNG, dixo, “baseado no mantemento do emprego e o incremento da protección social dos traballadores”, e o do PP, “que defende a baixada de salarios e a flexibilización do despido”, criticou Fernando Blanco.
O candidato nacionalista defendeu as propostas que está a facer o BNG diante da actual situación de crise económica, centradas en dous campos: “o apoio ás empresas para que manteñan actividade económica e emprego e a defensa dos traballadores e traballadoras e as prestacións sociais”. No primeiro eido Fernando Blanco situou a creación dun Instituto de Crédito Oficial galego que permita resolver o problema de financiamento das pequenas e medianas empresas e do sector do comercio, “unha banca pública que apoie aos sectores produtivos e asuma os riscos que os bancos non queren asumir neste momento”. No segundo dos campos, o da protección social, o candidato nacionalista defendeu a proposta do BNG para crear un complemento autonómico ao desemprego que complemente o poder adquisitivo dos traballadores que se queden no paro, igual que o que se puxo en marcha nesta lexislatura dende a Vicepresidencia da Xunta de Galiza para as pensións máis baixas.
“O BNG goberna para todos”
Fernando Blanco insistiu de novo hoxe en Monterroso en que “o BNG goberna para todos, tanto para os que son nacionalistas como para os que non”. Neste sentido, pediu o voto para o BNG “a todos os que queren que a provincia de Lugo teña máis peso no próximo Goberno galego”. Ademais, Fernando Blanco dixo que “nestes catro anos cando alguén nos pedía axuda para algunha actuación concreta nunca miramos de quen viña, senón que ese proxecto beneficiara aos veciños e veciñas”.

MITIN DO BNG EN MONFORTE

O próximo xoves día 19, ás 20:30h no pavillón da Pinguela, o BNG fará o mítin centarl da comarca, falarán:

Severino Rodríguez, Alcalde de Monforte
Isabel Sánchez, candidata nº 2 por Lugo
Fernando Blanco, Conselleiro de Industria e candidato nº 1 por Lugo
Anxo Quintana, Candidato á Presidencia da Xunta.

MITIN DO BNG EN ESCAIRON


"Fixemos cambios transformadores, e a xente quere máis: nós tamén"

O cambio transformador é unha realidade", subliñou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante a súa intervención na medianoite deste xoves no acto co que os nacionalistas abriron a conta atrás cara á cita coas urnas o 1 de marzo. Aproveitou Quintana para resumir traxecto de goberno do Bloque os últimos tres anos e medio, expresando a súa convicción de que o nacionalismo foi quen de demostrar na práctica "que é útil para este país". Ao fío, apelou á mobilización cidadá en favor da súa formación, asegurando que o Bloque saberá darlle resposta ás "reclamacións" que chegan da cidadanía.

"Colocamos os alicerces", indicou Quintana, receitando "firmeza" e "paciencia" e apelando á "realidade" dos cambios que, na súa opinión responderon ás demandas da maioría social do país e fronte aos que, advertiu, reaccionou "unha minoría". "Agora non podemos dar pasos atrás", insistiu o candidato, "depende de todos que o proxecto de cambio transformador non se pare". Foi nese sentido que alertou contra a herdanza de cando Galiza, afirmou, "tiña un Goberno que eludía os problemas e escapaba da realidade". Ao fío, reclamou o apoio do electorado para que "non volva a Galiza escura, de antes, sen futuro, sen debates".

O voceiro nacional do BNG e candidato da formación á presidencia da Xunta, insistiu así na idea de que a súa formación "sabe escoitar a xente" e, na convicción de que a xente "quere máis cambios" prometeu que un "voto masivo" ao proxecto que lidera será un aval para afondar en "máis cambios". "Nós usamos o autogoberno para xerar benestar", afirmou recuperando unha das máximas máis escoitadas xa ao candidato durante a propia precampaña. "Pido o voto para ter un país máis forte e un Goberno para a xente", subliñou, "cada voto ao BNG é un paso adiante, tamén para que Galiza sexa recoñecida como nación".

O acto comezara, nas aforas da capital, no Multiusos do Sar, coa particular pedagoxía cómica ensaiada pola formación nesta precampaña, con entrega audiovisual tripla. Abriu a atención do auditorio unha brincadeira arredor da autoestrada AP9: "A culpa é nosa por deixar para os demais o que podería ser noso", desafiaba un dos actores. Seguiu o xa internauticamente exitoso produto "Eu (tamén) son Anxo Quintana" e pechou o reggaeton Quintana. De seguido, e atrás do atril desde onde falaría o candidato do BNG á presidencia da Xunta, unha pantalla decoraba o escenario coa imaxe de Quintana á beira dos principais cabezas de lista da formación nesta cita electoral, dos que a segunda na circunscrición d'A Coruña, Ana Pontón, acompañaba nesta noite o líder do Bloque. A pé da imaxe dos cinco protagonistas, os lemas elixidos para a esta pegada "virtual" de carteis electorais: "A vosa forza" e "Vota BNG".

EXITO NACIONALISTA NA REDE

A campaña de vídeo viral "Eu son Anxo Quintana" está a ser un éxito sen precedentes. Dende que se lanzou á rede o 16 de xaneiro, en só cinco días superou 25.000 visualizacións, das cales máis de 15.000 foron a través da páxina Quin.TV e as 10.000 restantes foron grazas á difusión que deron os propios internautas a través dos seus blogs, perfís en Facebook e en Youtube, plataformas como Zappinternet ou Milinkito, prensa dixital, ou a canle TeleBNG.

Un bo indicador do seu éxito é que xa foi obxecto de parodias, a favor e en contra, que se poden atopar no Youtube. O vídeo reinterpreta, con moito sentido do humor, unha coñecida escea do filme Spartacus, dirixido por Stanley Kubrick, con Kirk Douglas no papel principal. Foi dirixido por Antón Reixa e nel aparecen actores como Isabel Martínez, Manuel Oliveira, ou José Manuel Rodríguez “Isi”

Máis de 40.000 mulleres se beneficiarán do complemento autonómico do paro

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, pechou hoxe en Santiago de Compostela o Acto Nacional da Igualdade do BNG nesta precampaña ao que asistiron máis de 1.300 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, procedentes de todos os rincóns de Galiza.
Neste acto, no que participaron tamén as candidatas Carme Adán, Ana Pontón e Teresa Táboas, Quintana detallou algunhas das desigualdades ás que se teñen que enfrontar as mulleres do noso país e que o BNG quer atallar desde o seu labor no goberno.

Nomeadamente, o candidato nacionalista destacou o complemento autonómico para o desemprego que o nacionalismo quer poñer en marcha e que beneficiará a máis de 60.000 persoas en todo o país, “este complemento beneficiará a máis de 42.000 mulleres que precisan un esforzo suplementar, porque as mulleres tamén padecen máis o paro que os homes”.

Asi, Quintana apostou por un Novo Estatuto “que debe ser unha carta de dereitos e deberes e por iso proporemos que figure en el o complemento autonómico das pensións e do paro como unha medida universal que ninguén poderá negar ás mulleres e homes deste país”. Nesta liña lembrou que o salario da liberdade tense establecido “con rango de lei tamén para que non dependera da vontade do goberno de turno”.

O cartel nacionalista amosouse especialmente emocionado neste acto que iniciou lembrando que o nacionalismo “é igualdade entre as persoas, igualdade de dereitos e oportunidades e por iso, cando o BNG chegou ao goberno o primeiro que fixo foi ubicar na vicepresidencia as responsabilidades de igualdade porque queriamos que comprometeran ao conxunto do goberno”. Asi, indicou que “grazas ao labor feito polo BNG, convertimos á Xunta nun dos gobernos europeos máis comprometidos coa igualdade”.

Precísase feminismo na política e non só presenza de mulleres”

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, centrou o seu discurso da loita pola igualdade das mulleres no nivel político: “A paridade debe ter a súa traslación na política. Precísase feminismo, non só presenza de mulleres. As mulleres que facemos política temos límites pero tamén oportunidades. Podemos comportarnos cos roles do machismo, pero tamén podemos aportar outra sensibilidade, aportando unha política máis humanizada”. Para Táboas, “as cotas teñen o seu sentido, pero cómpre actuar con sensibilidade para levar a paridade aos niveis intermedios”. Ademais, avogou por “dar prestixio e visibilidade ás mullerea s nos medios de comunicación”.
Segundo a candidata nacionalista, “debemos lembrar sempre que a sociedade está formada por homes e mulleres e desde a acción política debemos dotar á sociedade das ferramentas que permitan a conciliación entre vida persoal e laboral”.

“O nacionalismo é igualdade entre homes e mulleres”

Pola súa parte a candidata número dous do BNG pola provincia da Coruña, Ana Pontón, salientou que “se algo é o nacionalismo é defensa da igualdade, queremos que homes e mulleres teñamos os mesmos dereitos e oportunidades”.
Neste sentido, Pontón subliñou “que os dereitos das mulleres tiveron por primeira vez un aliado na Xunta de Galiza” coa chegada do BNG ao Goberno galego hai tres anos e medio.
“Tivo que chegar o nacionalismo á Xunta de Galiza para que cambios importantes para as mulleres, como que accedan á propiedade das explotacións agrarias, establecendo axudas para que cotizaran á seguridade social, para que as redeiras melloraran as súas condicións de traballo, para aprobar unha Lei Galega contra a Violencia de Xénero”, asegurou Ana Pontón.
Por iso, a candidata do BNG pediu que o vindeiro 1 de marzo “é fundamental un maior apoio para o nacionalismo e poder así consolidar e avanzar nunha maior igualdade e dereitos para as mulleres”.

O BNG XA TEN CANDIDATURAS

O Consello Nacional do BNG aprobou as listas e o programa para as vindeiras eleccións autonómicas. As candidaturas nacionalistas irán encabezadas por Anxo Quintana (A Coruña), Teresa Táboas (Pontevedra), Fernando Blanco (Lugo) e Alfredo Suárez Canal (Ourense). Ana Pontón será número dous pola Coruña.

O portavoz nacional e candidato á presidencia, Anxo Quintana, asegurou na rolda de prensa tras o Consello Nacional que o BNG encara as vindeiras eleccións “dirixíndose a todos os cidadáns galegos, aos que son nacionalistas e aos que non o son; aos que falan galego e aos que falan castelán”. “Contamos con todos para pedirlles o seu apoio a unha alternativa nacional, de progreso, de benestar e orgullosa do noso idioma”, asegurou. Para o candidato, os nacionalista son “unha forza política en ascenso”. “Estamos en condicións de obter un resultado histórico e imos ser a forza política que marque a diferenza nesta campaña electoral”, asegurou.


CANDIDATURA DA PROVINCIA DE LUGO

1.- FERNANDO BLANCO ÁLVAREZ
Lugo Centro. Conselleiro de Innovación e Industria. Membro do Consello Nacional.
2.- ISABEL SÁNCHEZ MONTENEGRO
Lugo Sul. Concelleira en Monforte de Lemos.
3.- MANUEL PARGA NÚÑEZ
A Mariña. Deputado no Parlamento de Galiza. Membro do Consello Nacional.
4.- ESTHER LÓPEZ RODRÍGUEZ
Lugo Centro. Pastoriza. Membro do Consello Nacional. Graduada Social.
5.- BALBINO FERNÁNDEZ LÓPEZ
A Mariña. Concelleiro en Foz.
6.- CRISTINA FERREIRO LÓPEZ
Lugo Centro. Deputada no Parlamento de Galiza.
7.- XOSÉ MANUEL BECERRA PARDO
Lugo Centro. Portavoz municipal en Baralla.
8.- DORES FERNÁNDEZ ABEL
A Mariña. Ribadeo. Sindicalista da CIG. Presidenta da A.C. Francisco Lanza.
9.- XOSÉ ANTÓN LEDO PAN
Lugo Sul. Portavoz municipal en Taboada.
10.- LUCÍA LÓPEZ SOBRADO
Lugo Centro. Sarria. Responsábel comarcal de Galiza Nova.
11.- XERARDO LÓPEZ HENRÍQUEZ
A Mariña. Director do CEIP de Cervo.
12.- PILAR PRIETO PITA
Lugo Centro. Mestra en Vilalba.
13.- XOSÉ CHORÉN VÁZQUEZ
Lugo Centro. Concelleiro en Lugo. Membro do Consello Nacional.
14.- PILAR LÓPEZ MARTÍNEZ
Lugo Sul. Militante en Monforte.
15.- FRANCISCO LUÍS RODRÍGUEZ GUERREIRO
A Mariña. Viveiro. Membro da Executiva comarcal. Presidente de Mariña Patrimonio.

ACTO EN CHANTADA