ALTERNATIVAS DO BNG ANTE A CRISE E A PASIVIDADE DO GOBERNO ESTATAL

O Goberno do Estado continúa a eludir teimudamente o emprego da palabra crise para designar o que xa ameaza con se converter nunha profunda recesión económica. Esa resistencia do goberno español explícase porque o PSOE non quer asumir a responsabilidade política de ter concorrido ás pasadas eleccións xerais coa negación da crise como bandeira. Negación que era tanto como negar a evidencia. E explícase tamén porque admitir que estamos nunha crise levaría aparellada necesariamente unha reflexión crítica sobre as políticas económicas seguidas até o de agora, por ser estas en parte as causantes do cambio de ciclo na economía. O que o PSOE non quer facer baixo nengún conceito é mudar de política económica, unha política substancialmente continuista a respecto das directrices marcadas por Rodrigo Rato durante os 8 anos de Goberno Aznar.

O BNG si ten alternativas. O BNG si ten unha política económica substancialmente distinta da que preconizan as forzas políticas estatais, a mesma que está na orixe da crise actual.

O PSOE, como antes o PP, teñen practicado unha política orzamentaria e fiscal de carácter neoliberal, profundamente regresiva ao privilexiar a tributación indirecta sobre a directa (co cal no se cumpre o principio de que paguen máis os que máis gañan) e claramente antisocial ao traducirse na perda de posicións das rendas salariais fronte ás rendas do capital.

O Goberno do Estado, con Solbes ou con Rato como ministros de Economía, non tomou nengunha medida para previr o colapso da burbulla inmobiliaria e, polo contrario, teñen promovido un modelo de desenvolvimento baseado no ladrillo e non no investimento en actividades produtivas de alto valor engadido. A consecuencia é o maior déficit comercial do planeta, por enriba do dos Estados Unidos, e consecuentemente unha perda de competitividade da economía do Estado no mundo.

Fronte á crise, as medidas que agora propón o Goberno do Estado –400 euros, supresión do imposto do patrimonio, veladas ameazas de privatización das pensións públicas, incremento das tarifas eléctricas- son claramente contraproducentes. E sono porque, lonxe de ir á raíz da crise, pódena agravar ao reducir a capacidade de intervención do sector público na economía vía recortes fiscais e ao empobrecer aínda máis ás clases traballadoras, que son as principais vítimas do incremento dos prezos e do deterioro dos servizos públicos. Se tedes dúbidas sobre o efecto que sobre as economías domésticas teñen as medidas adoptadas polo Goberno do Estado, non vaciledes en recorrer ao simulador da tarifa eléctrica que ten posto en marcha o Inega: http://www.inega.es/simulador_factura/simulador_luz.php.

Fronte á crise, o que cómpre é levantar un modelo alternativo. Un modelo que pase polo fortalecimento da política social e polo desenvolvimento de políticas públicas ambiciosas. Cómpre unha política orzamentaria expansiva que permita investir máis en educación, en I+D+I e na mellora dos servizos públicos.

Isto non é retórica. É posíbel facelo. É xusto o que está a facer o nacionalismo desde o Goberno galego, con programas como a construción de 45.000 vivendas protexidas no noso país, a posta en marcha dun concurso eólico autocentrado e con participación pública, o reforzo dos servizos públicos de calidade ou a mobilización de recursos produtivos que outros gobernos tiñan ociosos no agro galego através do Banco de Terras.

Ante a crise hai dúas respostas posíbeis. A escapista e irresponsábel dun Goberno do Estado que finxe non ver a realidade e que está a velas vir e a capear o temporal. E a responsábel, a do nacionalismo galego, consistente en apostar por unha economía produtiva e autocentrada desde a utilización de todos os recursos do sector público.

O BNG VOTA EN CONTRA DO TRATADO DE LISBOA E PEDE "UN CAMBIO DE RUMBO NA UE"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, explicou esta mañá no Pleno da Cámara Baixa as razóns fundamentais da oposición dos nacionalistas galegos ao Tratado de Lisboa e pediu “un cambio de rumbo da UE”.

“Precisamente para facer posíbel ese cambio de rumbo votaremos non á ratificación deste Tratado”, argumentou o deputado do BNG.

O portavoz nacionalista fixo a súa intervención despois de escoitar a pouco estensa presentación do Tratado por parte do Ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos.

Francisco Jorquera comezou cunha breve referencia ás últimas decisións da UE en materia de inmigración e en materia laboral para sinalar que “son síntomas que engadidos a outros fan que a Europa social se bata en retirada”. Subliñou que “é preciso discernir entre a Europa virtual e a real. O BNG está a favor dunha Europa social, dunha Europa máis democrática, dunha Europa que se constrúa desde o respecto e o artellamento de toda a súa diversidade nacional”.

Cidadáns supeditados á economía
Porén, subliñou, o Tratado de Lisboa vai noutra dirección e “por iso coidamos que é preciso un cambio de rumbo”. Criticou o feito de que a construción europea estea supeditada á defensa dun modelo económico “obsesionado por supeditar calquer outra consideración ás reglas da competencia”. “Non estamos a favor do sometimento das persoas ao mercado, pensamos que a economía ten que estar ao servizo das persoas”.

Ataque aos dereitos sociais
Censurou o Tratado porque supón un “novo avance no ataque aos dereitos laborais” da que é boa mostra a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE que “progresa nunha dirección de desprotección dos traballadores como é o despido sen causa xusta”.

Défices democráticos
Ademáis, indicou Jorquera, “este Tratado posúe importantes défices democráticos porque pretende retomar o Tratado Constitucional derrotado polos resultados dos referéndums en Franza e Holanda”. Asemade, afirmou que concede un papel menor ao Parlamento Europeo ao “transferir como norma a iniciativa lexislativa á Comisión en detrimento do Parlamento”. O outro défice sitúase tamén na Carta de Dereitos Fundamentais que “está a anos luz non só da Declaración Universal dos Dereitos dos Homes senón da propia Constitución española e da Carta Europea de Dereitos Sociais”.

De costas á diversidade nacional
Sen esquecer, que o BNG aspira a unha Europa que recoñeza toda a diversidade nacional, lingüística e cultural que a conforma. “Unha Europa dos pobos e non dos Estados”. Pero o Tratado só recoñece aos Estados como suxeitos de dereitos políticos, non se recoñecen os dereitos dos pobos”.

No lingüístico, a UE “ignora a Carta europea de Linguas Minoritarias ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”. Criticou que só se asuman como linguas oficiais as dos Estados.

No que atinxe á OTAN, salientou que no Tratado se establece que “a OTAN é o fundamento para a defensa colectiva dos seus Estados membros e a instancia apropiada para concretala o que condena a Europa a una papel subalterno”.

O SENADO APROBA UNHA MOCIÓN DO BNG SOLICITANDO AO GOBERNO QUE NON SUPRIMA A TARIFA NOCTURNA

A iniciativa de Xosé Manuel Pérez Bouza foi apoiada por todos os grupos políticos, agás o PSOE
A Comisión de Industria do Senado aprobou esta mañá unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza pola que se lle demanda ao Goberno que non suprima a tarifa eléctrica nocturna “debido á negativa repercusión económica que tería sobre os consumidores”.

A moción do BNG foi apoiada por todos os grupos da Cámara Alta (PP, CiU, PNV, Entesa Catalana e Mixto) e só contou co voto en contra do PSOE.

En concreto, a moción do BNG aprobada hoxe insta ao Goberno a que “derrogue a nova modalidade tarifaria de discriminación horaria e reimplante a tarifa eléctrica nocturna, de forma as economías domésticas non sufran unha suba desproporcionada na tarifa eléctrica”:
“Non é de recibo pretender aplicar neste momento un cambio de tarifa que sería lesivo para as economías domésticas”

Pérez Bouza subliñou que “o Goberno ten que ter en conta que o contexto económico actual de crise non é o máis idóneo para proceder a realizar cambios normativos que, indirectamente, supoñan un incremento da tarifa eléctrica inasumíbel e lesivo para as economías domésticas”, xa que poderían incrementar o recibo da luz entre un 20 e un 70%.

Ademais, advertiu de que “a supresión da tarifa eléctrica nocturna prexudicaría gravemente a máis dun millón de familias que están subscritas a este contrato en todo o Estado, dos que unha boa parte (160.000 fogares) en Galiza ”.

Neste sentido, alertou de que a maioría destes abonados á tarifa nocturna “non poderían aboarse á tarifa social que propón como alternativa o Ministerio, xa que terían que contratar unha potencia superior ao umbral máximo que plantexa o goberno (3 kw)”.

Por último, o senador do BNG agradeceu o apoio das restantes forzas políticas e lamentou que o PSOE votase en contra dunha iniciativa “que só persegue que as reformas que se fagan no recibo da luz non prexudiquen aos sectores sociais máis necesitados de axuda”.

FESTIGAL 08


O Festigal consolídase coa súa sétima edición, que terá lugar os días 24 e 25 de Xullo, coincidindo co Día da Patria Galega e tamén festivo local na capital, Santiago de Compostela.

Está concebido como un escaparate cultural, onde a cultura galega e a internacional (tradicionalmente cunha especial atención aos países da lusofonía), manteñen un frutífero diálogo. Vai máis alá dun simple festival de música, xa que conta con charlas, mesas redondas e presentacións de libros -galería das ideas-, actuacións de maxia, tendas de artesanía, de libros, estreos audiovisuais...

O programa musical aposta polos autores e grupos internacionais, así como polos grupos galegos. Outras novidades salientábeis son a presenza, por primeira vez dunha galería dedicada á cultura tradicional galega e a emisión en directo por parte da emisora Radiofusión do Festigal.

En base aos anos anteriores, está previsto que pasen 20.000 persoas ao longo dos dous días que dura o Festigal. Na organización participarán 200 persoas, contando os voluntarios. O Festigal contará con 40 postos de artesanía e tendas, 6 exposicións e 15 postos de xantar e bares.

AVANZO PROGRAMA MUSICAL
En continuidade cos criterios de programación de anos anteriores combinarase a presenza preferente de músicos galegos con doutras procedencias caracterizados pola innovación das súas creacións.


XOVES 24

O concerto do 24 vai preferentemente dirixido á xente máis nova e contará con 4 actuacións:

· Nao (Galiza)





VENRES 25

O día 25 programarase outro concerto con 4 actuacións para un público máis familiar e diverso.


· Quempallou. (Galiza)




Así mesmo, os días 24 e 25 pola tarde haberá Café Concerto con actuacións de jazz, humor, música tradicional e semellantes.

ACTO PUBLICO EN PANTON


Informámosvos do acto público,que se celebrará en Pantón este venres, 6 de xuño ás 20:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Pantón.

Intervirán na mesma:

- Suso Alvarez, Portavoz Municipal do BNG no Concello de Pantón.
- Tereixa Paz, Vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galiza.
- Emilio López, Delegado Provincial de Lugo de Medio Rural

TI QUE OPINAS?

NO BNG DO SAVIÑAO TÉMOLO CLARO, E POR ESO, CANDO NOS ENTERAMOS DAS INTENCIÓNS DA EQUIPA DE GOBERNO DE POÑER UNHA CARPA NA PRAZA DE ESPAÑA DE ESCAIRON PRESENTAMOS UNHA MOCION PARA EXPRESAR A NOSA OPOSICIÓN.

· ESTA OCURRENCIA DO PP VAI SUPOÑER OUTRA AGRESIÓN MÁIS AO ENTORNO DA DEVESA.

· NON CONSIDERAMOS NECESARIO TAL UTENSILIO, XA QUE TEMOS ESPAZOS EN ESCAIRÓN COMO O PAVILLÓN OU A PISTA CUBERTA DO COLEXIO QUE SIRVEN PARA FACER CALQUERA DOS ACTOS QUE SE TEÑAN PENSADO FACER NA CARPA

· ESTE GASTO, AO REDOR DE 59.000€, PODERÍA TER MAIORES RENDEMENTOS NOUTRAS INFRAESTRUCTURAS MAIS NECESARIAS, POR EXEMPLO NA GARDERÍA OU NO CENTRO DE DÍA.