O BNG PRESENTA UN PLAN DE DINAMIZACIÓN CON INVESTIMENTOS POR 212 MILLÓNS PARA CONVERTER O RURAL NIN DOS EIXOS DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe polo medio rural como “un eixo central das políticas de reactivación e impulso económico para facer fronte á desaceleración”. O vicepresidente presentou hoxe, xunto co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o Plan de Dinamización Económica do Medio Rural, unha estratexia deseñada dende a Consellería que pretende capitalizar o medio rural para fortalecer o conxunto da economía galega comprometendo un volume de recursos públicos de 212,4 millóns de euros para o 2008.
Segundo explicou, este modelo está fundamentado na idea que de que Galiza “é un país con potencia produtiva”, polo que é preciso “traballar en rede para consolidar as condicións e o ambiente propicio para materializar esta potencia produtiva en fórmulas sólidas de economía produtiva, dando o salto dende a economía con pés de barro á economía con valor social”.
En segundo termo, Quintana amosou o seu convencemento en que “contamos co territorio como un aliado esencial para dar densidade a este traballo en rede”. Trátase, segundo dixo, de combinar harmonicamente as capacidades dos espazos urbanos coas oportunidades que se presentan no medio rural, “para que os dous escenarios tiren da economía do país”. “Temos que saberlle dar valor positivo á nosa configuración física, á nosa localización e á nosa articulación política, económica e social no eixe europeo”, engadiu. En palabras de Anxo Quintana, “o medio rural non pode ser o cadrante ausente na definición de respostas que contribúan a sortear as inquedanzas económicas actuais”. Neste senso, asegurou non estar de acordo coa afirmación de que cando hai crise no medio rural vai haber máis crise. Lonxe deste argumento, asegurou que dende o Goberno Galego “cremos nas potencialidades do medio rural: económicas, ambientais, identitarias, sociais, e por iso estamos articulando unha estratexia que aproveita todo o seu potencial endóxeno para facer del un espazo vivo, emprendedor e valente, en constante renovación, ilusionante, moderno e eficaz”.

Programa de actuacións
As liñas de acción se traballa dende a Consellería do Medio Rural, e que supoñen un plan de investimentos de máis de 212 millóns canalízase a través dunha estratexia dobre. Trátase, por unha banda, de acelerar o investimento en obra pública como mecanismo de contención do desemprego e de impulso á actividade económica nas comarcas rurais. Por outro lado, búscase mobilizar recursos para apoiar e fortalecer a iniciativa privada de emprendedores e pequenas empresas na dinamización económica do rural en Galiza.
Así, explicou que incidirá no impulso das dinámicas de fixación demográfica e relevo xeracional nas actividades produtivas; na diversificación da economía rural, para xerar novas oportunidades de emprego e fontes de renda; na mellora dotación de servizos, infraestruturas e equipamentos para incrementar a calidade de vida nas áreas rurais, reforzar o tecido social e crear un entorno máis favorable para o repunte das actividades produtivas; permitirá o mellor aproveitamento das potencialidades múltiples que se derivan da posta en valor dos recursos naturais e da ordenación integral do monte; e redundará no fortalecemento da composición do tecido produtivo, impulsando a cultura emprendedora e apoiando a implantación de novas actividades económicas.

Xestión forestal sustentable e rendible
En canto aos ámbitos de actuación do Plan, Quintana sinalou en primeiro lugar o impulso da xestión forestal sustentable e rendible, un obxectivo ao que se destinan 75,5 millóns de euros en investimentos. O vicepresidente apuntou que no marco da política de prevención de incendios forestais, valorización e diversificación do monte, estanse poñendo en marcha diferentes obras e actuacións de repoboación, tratamentos silvícolas, creación de infraestruturas, mellora da accesibilidade en camiños forestais e control da biomasa forestal. “Trátase de aproveitar as oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece a ordenación integral da cuberta forestal galega”.

Infraestruturas e estruturas
O segundo campo de acción refírese a infraestruturas e equipamentos no rural, ao que se destinan 116,6 millóns de euros. Quintana sinalou que se está a realizar un esforzo sen precedentes no incremento das infraestruturas e equipamentos no rural, como puntais de modernización produtiva e transformación económica do territorio, impulsando a competitividade, o emprego, a calidade de vida e a accesibilidade económica e física no País. Nesta liña específica de actuación invístense máis de 56,8 millóns.
Quintana recalcou que o Plan tamén quere incidir na optimización das infraestruturas do sector vitivinícola galego, con actuacións que impliquen melloras na rede de acceso a viñas, o impulso da mecanización e a introdución de tecnoloxías e o redimensionamento das explotacións vitícolas. Nestas actuacións investirase un total de 12 millóns de euros, con liñas de acción nas 5 Denominacións de Orixe, para “corrixir o déficit histórico que arrastra un sector tan decisivo para Galiza como é o do viño”.
Outra das actuacións céntrase na mobilización do capital territorial, co obxectivo de incrementar a dimensión das explotacións agrogandeiras e mellorar a vertebración territorial e socioeconómica de Galiza. Ao longo de 2008, o vicepresidente explicou que se van acelerar e dinamizar os procesos de concentración parcelaria, incidindo de forma especialmente intensa naquelas zonas que presentan maiores dificultades para a súa materialización. A intervención abranguerá 165 zonas de concentración parcelaria nun total de 87 concellos galegos (270 actuacións) e terá un investimento de 47,8 millóns.

Incentivar o emprendemento
O terceiro alicerce no Plan deseñado pola Consellería do Medio Rural busca incentivar os proxectos económicos de dinamización, emprendemento e a diversificación económica no rural, para o que se prevé un orzamento de 20,2 millóns. Trátase de apoiar de forma decidida aos proxectos emprendedores que partan da iniciativa privada e do tecido asociativo galego e que teñan como obxectivo contribuír á revitalización demográfica, á diversificación económica, á creación de emprego e a mellorar a calidade de vida nas áreas rurais.

Outros fondos
Quintana explicou que á marxe destes créditos, consignados nos Orzamentos da Consellería do Medio Rural, Galiza dispón doutros fondos públicos (fondos comunitarios) que inciden no desenvolvemento económico do Medio Rural en Galiza. Supoñen un total de 87,3 millóns para o impulso de dúas actuacións, a liña de axudas ao tecido agroindustrial galego tanto para a implantación de novas empresas como para a mellora e o impulso das existentes, con máis de 24 millóns no 2008, e o enfoque Leader e Agader.

Ao termo da súa intervención, Quintana asegurou que “este Plan de investimentos vai ser o carburante que mova a maquinaria da economía rural en Galiza, un novo compromiso co medio rural de Galiza, co benestar dos galegos e galegas, e unha proba de axilidade e anticipación para minimizar o impacto e os síntomas da desaceleración económica”.

Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel

A Confederación Intersindical Galega conmemora este 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, coa convocatoria de manifestacións en todas as comarcas do país, baixo o lema “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel”.

MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS
VIGO. Ás 12:00 horas, con saída da Doblada.
PONTEVEDRA. Ás 12:30 horas, da Praza da Ferrería
OURENSE. Ás 12:00 horas do Pavillón dos Remedios.
A CORUÑA. Ás 12:00 horas da Praza de Vigo
FERROL. Ás 12:00 horas da Avda. de Esteiro (diante do local do sindicato)
SANTIAGO. Ás 12:30 con saída da Praza Roxa
LUGO. Ás 12:30 horas da Ronda da Muralla (diante do local do sindicato)
A MARIÑA. Ás 12:30 horas de Arcadio Pardiñas (diante do local da CIG)

O BNG QUER QUE A RELACIÓN DE GALIZA CO ESTADO SE IGUALE Á DE EUSCADI E CATALUÑA

O vicepresidente considerou necesaria esta reforma ante os novos retos que se presentan, como o financiamento autonómico, as medidas fronte á desaceleración económica ou o seguimento das infraestruturas

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe pola colaboración institucional co novo Goberno do Estado dende unha relación bilateral. No Pleno da Cámara galega, Quintana anunciou que fará unha proposta a todos os grupos parlamentares para que se modifique o regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación, de xeito que, entre outras cousas “poida ser útil non só para facer un seguimento das infraestruturas, no mellor sentido da colaboración e non da fiscalización, senón tamén para que se poidan abordar conxuntamente co Estado os retos que se aveciñan diante da nova situación económica, ou para que poidamos facer propostas conxuntas ante temas como o do financiamento autonómico”. O vicepresidente galego afirmou que ese é o camiño, entre outras cousas, que permitirá igualar a Galiza con Euskadi e Cataluña, que contan xa con este instrumento, e engadiu que “estes son os grandes consensos aos que estamos chamados para fortalecer a posición de Galiza como país”.

En resposta a unha pregunta do Grupo do Partido Popular sobre a designación de Magdalena Álvarez ao fronte da carteira de Fomento, o vicepresidente dixo que a súa misión no Goberno galego “non é facer unha defensa dos ministros do Goberno central, senón ter sempre que sexa posible a mellor colaboración institucional con novo Executivo, ao igual que se fixo co anterior”.

Malia isto, pediu “xustiza equitativa” por parte dos populares “que só se acordan do Plan Galiza para facer propaganda” pero que logo o seu líder esquece durante os discursos máis importantes, como os debates televisivos da campaña. No mesmo sentido de falta de equidade, lembrou que no ano 2003 “o Goberno do Estado investiu en Galiza 762 millóns de euros, un esforzo inxente que o Executivo Fraga premiou coa concesión da Medalla de Galicia a Cascos”. Agora, no 2008, cunha consignación orzamentaria de 2.005 millóns, “pretenden inhabilitar cando antes daban medallas”, apostilou. Fronte a isto, Quintana chamou á colaboración institucional ante o novo nomeamento, indicando que “polos seus feitos os coñeceremos”.

Quintana apuntou que os deputados do BNG “tiveron oportunidade de censurar unha ministra, a un mes de rematar a lexislatura e por feitos acontecidos en Cataluña e non en Galiza, ou aproveitar a oportunidade para mellorar o autogoberno de Galiza e empezar a construír unha rede pública de benestar en todo o país, e optamos polo segundo”. Neste senso, debullou os froitos desta decisión que, segundo dixo, ten servido para que se estean a rematar e se liciten centros de día en todo o país, “polo que o PP non debería desprezar os resultados”.

Na mesma liña, Quintana tamén asegurou ao voceiro popular que “do que pode estar seguro é de que dende a humilde representación do BNG e cada vez que teñamos oportunidade de que os nosos votos sirvan para decidir, iso repercutirá en beneficios para Galiza de xeito directo”.

O BNG ENTREGA NA PONENCIA UNHA PROPOSTA DE REFORMA DO VOTO EMIGRANTE

Os representantes do BNG na ponencia de reforma do voto emigrante entregaron aos representantes de PP e PSOE esta mañá unha proposta de texto articulado para a reforma da lexislación vixente no eido para poder comezar a traballar en profundidade.
Cómpre lembrar que foi tamén o grupo parlamentar nacionalista o primeiro en entregar, xa en outono pasado, un texto inicial de proposta de reforma que agora desenvolve de xeito pormenorizado neste novo documento.
No texto recóllense aspeitos como a regulación dos actos e a publicidade electorais en campaña para os residentes no exterior, asi como todos os aspeitos relativos ao voto en urna.
A ponencia retomará o seu labor para elaborar unha proposición de lei na vindeira semana

O BNG ACORDA EN LUGO AS DEMANDAS QUE FARÁN NO CONGRESO E NO SENADO PARA A PROVINCIA

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe en Lugo os obxectivos e eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid relativos á provincia nos vindeiros catro anos no Congreso e no Senado, que estarán centrados en “poñer sobre a mesa do Goberno do Estado os problemas e necesidades da provincia de Lugo e aproveitar o actual escenario sen maiorías absolutas no Estado para facer valer os intereses de Galiza en Madrid”, segundo explicaron o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, e o representante do Bloque no Senado, Xosé Manuel Pérez Bouza.

Cinco eixos fundamentais

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, detallou os cinco eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid nesta lexislatura relativos á provincia de Lugo. En primeiro lugar, que “a política do Estado non free o autogoberno de Galiza e non perxudique os intereses do noso país, demandando ademais novas competencias como o tráfico, o traspaso dos portos de interese xeral, como o de San Cibrao, ou o salvamento marítimo, para crear unha base estable na Mariña dotada dos medios materiais e humanos necesarios para poder actuar en caso dun accidente fronte ás nosas costas”.

A continuación, Jorquera demandou que “se incremente o investimento do Estado en Galiza para correxir os déficits actuais en infraestrutura, de xeito que nesta lexislatura se acometa a modernización do ferrocarril na provincia e a chegada do AVE a Lugo, así como para rematar a rede viaria na provincia a través das autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense”. Ademais, sinalou como obxectivo que “se favorezan os sectores produtivos galegos, entre eles o sector agrogandeiro, a través dun aumento da cota láctea asignada aos gandeiros galegos como corrección dunha situación de inxustiza histórica derivada dunha nefasta negociación para os intereses galegos da entrada na UE, algo fundamental na provincia de Lugo, que produce o 16% do total da cota láctea de todo o Estado”.

Así mesmo, demandou que “se logren avances sociais e democráticos, como unha reforma do voto emigrante que garanta a limpeza e transparencia do proceso a través do voto en urna, ou unha lei de prazos do aborto que garanta o dereito das mulleres lucenses a abortar nos tres hospitais públicos da provincia, os de Burela, Lugo e Monforte”. Por último marcou como obxectivo que “o Estado destine a Galiza o 10% dos investimentos en Servizos Sociais para poder atender á poboación dunha provincia como Lugo, moi envellecida e dispersa e que concentra unha taxa moi elevada de persoas de pendentes (11.200 en toda a provincia).

Francisco Jorquera anunciou tamén que serán presentadas iniciativas contra o decreto de Correos e o que suprime a tarifa eléctrica nocturna, dous decretos estatais moi perxudiciais para Galiza, así como para garantir o acceso a internet no rural.


Un equipo de traballo estábel

Jorquera e Pérez Bouza reuníronse hoxe en Lugo con membros da Executiva Comarcal do BNG para deseñar a estratexia para a provincia de Lugo no Congreso e no Senado, na que Paz Abraira será “o nexo da provincia de Lugo cos deputados e senadores do BNG en Madrid e vai coordenar o equipo de traballo encargado de trasladar a Madrid as demandas e necesidades da provincia de Lugo”, tal como explicou Francisco Jorquera. Sobre este novo papel da que fora cabeza de lista do BNG nas pasadas eleccións xerais o responsábel comarcal do BNG e vicepresidente da Deputación, Antón Bao, explicou que “o BNG deseñou unha estrutura que lle vai permitir á provincia de Lugo ter voz directa en Madrid”.

O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza anunciou, pola súa banda, que o BNG pretende facer un “traballo de proximidade” e comprometeuse a “vir á provincia de Lugo a reunirse cos veciños para recoller directamente as súas demandas ao Estado”. “A partir de hoxe verédesnos moito por aquí”, anunciou aos medios de comunicación.


Dereitos Civís convoca concentracións diante das emisoras da COPE pola súa actitude en contra o galego

Por mor das últimas actitudes belixerantes que a nosa lingua vén de sufrir, o Movemento polos Dereitos Civís convoca para o vindeiro mércores 23 de abril a toda a sociedade a concentrarse diante das sedes que a COPE ten nas sete cidades, baixo o lema "A Cope quere amordazar a nosa lingua. Non llo imos permitir". Con este acto quérese manifestar un claro rexeitamento contra a política de agresión ao galego practicada polo grupo mediático da Conferencia Episcopal.
Hai unhas semanas Radio Popular, S.A. (propietaria da Cadena Cope, a emisora da retrógrada Conferencia Episcopal) denunciaba perante o Consello Xeral do Poder Xudicial a unha maxistrada galega, a titular do Xulgado do Social núm. 2 de Santiago de Compostela. A acusación dos servizos xurídicos da radio dos Bispos –acusación que acabou sendo arquivada- baseábase na suposta parcialidade da xuíza por permitir a utilización do galego nun xuízo contra a emisora e por emitir tamén en galego a sentenza do devandito xuízo. A denuncia da Cope, que parece ignorar o carácter oficial que na actualidade posúe a lingua galega, é reveladora do ánimo vingativo da emisora ao recibir unha sentenza contraria aos seus intereses empresariais e tamén dos seus fondos prexuízos contra o galego, unha lingua que dista moito de ser de uso normal na Administración de Xustiza, o que fai aínda máis valioso o compromiso e esforzo individual de xuíces como a denunciada pola emisora episcopal. Por estas razóns, Dereitos Civís convoca a toda a sociedade galega a participar nas concentración que se van realizar diante das emisoras que a COPE ten nas sete cidades galegas e anima ás asociacións e colectivos a rexeitar de xeito unánime actitudes como a da radio dos bispos. Ao final do acto darase lectura o manifesto “A COPE quere amordazar o galego. Non llo imos permitir”. Pregamos a maior difusión posible deste acto, pois canta máis xente participe na convocatoria máis claro chegará a nosa mensaxe.

Lembra: Concentración contra a actitude belixerante de Radio Popular S.A. en contra do galego.

Lugar: Emisoras da COPE das sete cidades galegas.

Día: mérores 23 de abril.Hora: 20:00 h.

Estas son as direcciós da COPE nas sete cidades:

Santiago 97.1 FMXeneral Pardiñas, 14-16, 1ºA Coruña 96.9 FMLinares Rivas 6-7, 7º

Ferrol 873 AMPraza de España, 5-6, 1º

Lugo 1224 AM / 88.9 FMValiño, s/n. - 27008 Lugo

Ourense 1143 AMProgreso, 89-5º

Pontevedra 106.6 FMJoaquín Costa, 1, 1º

Vigo 900 AM / 87.8 FMPríncipe, 57-1º

A POLEMICA DA LEI DO HABITAT

NESTA LIGAZON ATOPARÁS UNHA ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE VIVENDA TERESA TABOAS: http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/contidos/novas/teletipos/nova_0251.html?uri=/BNG/global/seccions/portada/index.html

A PRIMEIRA PROPOSICIÓN DE LEI DO BNG NESTA LEXISLATURA É PARA UNHA LEI DE PRAZOS DO ABORTO


A necesidade de modificar a actual lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo e aprobar unha lei de prazos do aborto, é a primeira proposición de lei que o BNG leva ao Congreso dos Deputados nesta recén estreada lexislatura.

Fundamentalmente, o BNG defende a aprobación dunha lei de prazos e que se garanta o dereito a interrumpir voluntariamente o embarazo nos centros sanitarios públicos.


Máis urxente que nunca dada a persecución a mulleres


Neste sentido, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, “ve máis urxente que nunca a modificación da lei actual despois da persecución dos últimos meses a mulleres que no seu día decidiron abortar. É urxente pola situación xenerada na que se produciu unha auténtica vulneración do dereito á intimidade destas mulleres, o seu dereito á privacidade”. “Precisamente, para evitar este tipo de situacións é imprescindíbel proceder a un cambio da lei actual e apostar por unha lei de prazos da interrupción voluntaria do embarazo”, sinala Davila.


Na rede sanitaria pública e dentro das 16 semanas


Na súa proposición de lei, o BNG propón que “non constitúa delito a interrupción do embarazo sempre que concurra o consentimento libre e voluntario da interesada” e que “se practique dentro das dezaséis primeiras semanas de xestación”.

Ademáis, de que se poida practicar na rede sanitaria pública de “xeito totalmente gratuito”. Os nacionalistas galegos tamén demandan que os centros sanitarios públicos conten cos medios técnicos, humanos e facultativos necesarios para a realización das interrupcións voluntarias do embarazo.

É preciso lembrar que o actual Código Penal, aprobado mediante a Lei Orgánica 10/1995, consolidou a regulación da interrupción do embarazo dada pola Lei Orgánica 9/1985, despenalizándoo só nos tres supostos extremos. Trátase dunha lexislación restrictiva e alonxada da maioría dos Estados avanzados. “O aborto segue a ser unha carga penosa e a súa criminalización, ou a despenalización hipócrita e restrictiva, un problema grave para moitas mulleres”.

O BNG ANTE AS NORMAS DO HÁBITAT GALEGO


A aprobación das Normas do Hábitat Galego -que entraron en vigor o xoves 17 abril- determinará unha serie de obrigas para os construtores de vivendas. O BNG, desde a súa responsabilidade de goberno, aposta por situar ao noso país na vangarda da calidade arquitectónica a nivel de Estado, así como garantir o dereito á vivenda que asiste a todos os galegos e galegas para facer efectivo o cambio galego polo que tantos cidadáns apostaron nas pasadas eleccións autonómicas.

Destacan dentro das medidas o aumento da superficie mínima de 26 a 40 metros cadrados; a obriga de que todas as estancias sexan exteriores, con excepcións definidas; ou o incremento de anchura nos corredores e nas portas, así como o espazo entre teito e solo, entre outras. Esta normativa, promovida pola consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, está suscitando a oposición de algúns representantes dos construtores e tamén da Fegamp, presidida por Carlos Fernández, do PSOE, dando lugar unha pinza PP-PSOE contra a consellaría dirixida polo BNG.

O BNG considera que esta lexislación dá forma a unha política de vivenda progresista e avanzada, acorde coas demandas da sociedade galega e aproveitando ao máximo o noso autogoberno. Por iso, está recibindo apoios de sectores como a Cogami, os colectivos ecoloxistas ou a directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. O BNG aposta por unha política de vivenda pensada no interese colectivo. O obxectivo dos nacionalistas galegos é gobernar para todos, pero somos conscientes de que ás veces non se pode contentar todos.

O NACIONALISMO UNE, artigo de Anxo Quintana

Esta semana deume unha das maiores satisfacións que pode ter un político nacionalista. A aprobación unánime no Parlamento galego da proposición de lei orgánica para a transferencia do tráfico e da seguranza viaria demostrou, non só, necesidade e máis a utilidade do nacionalismo, senón o seu carácter conciliador e de unión. A pór o País po riba das desputas políticas o nacionalismo foi que de unir aos galegos neste obxectivo.

No debate do Estado da Autonomía do pasado outubro propuxen que fose o propio Parlamento, como representante do pobo galego, o que liderase esta reivindicación. Buscaba así a complicidade común que nace de pertencer ao mesmo pobo. E o tempo deume a razón. Podemos, pois, sentirnos ledos e orgullosos por ter conciliado e unido nesta proposta tamén a socialistas e populares. E velaí temos xa a proposición de lei pendente de se debater no Congreso dos Deputados de Madrid. Escoitaredes a algúns que isto de reclamarmos as competencias de tráfico é un capricho. Que o importante é xestionalas ben, fór dende Galiza ou dende Madrid.

Non é certo. As transferencias de tráfico e seguranza viaria permitirán atender as nosas necesidades propias (temos unha rede viaria alongadísima no territorio e máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado) desde un maior coñecemento da nosa realidade. Gobernar a propia casa sempre é rendíbel. Catalunya e Euskadi son os únicos territorios que autoxestionan estas competencias e teñen menores índices de siniestralidade que a media estatal. E foi particularmente salientábel a baixa de siniestralidade que tivo Catalunya desque asumiu as competencias viarias. A transferencia do tráfico será, pois, un instrumento para xerar máis benestar e calidade de vida.


Pero a transferencia do tráfico non se explica só por mellorar e achegar a xestión, por incrementar o noso benestar. O autogoberno non só consiste en xestionar un maior ou menor ámbito de competencias, senón nunha actitude colectiva, como pobo, de nos autoresponsabilizar da xestión dos seus problemas. Esta actitude colectiva é comparábel a das persoas cando chegamos á idade e circunstancias vitais de sermos autónomos. Entón, percuramos gobernarmos a nosa vida, sen que deixemos de manter as máis estreitas relacións coa familia. E supoño que todos e todas estamos dacordo en que as persoas que dan ese paso no seu xusto tempo gañan en autoestima, en autonomía persoal e en madurez. Por iso o autogoberno é, en grande medida, unha cuestión de autoestima e autoresponsabilización. En xuño do 2007 aprobamos a creación da Policía galega. Esta nova transferencia vai permitir que a nosa Policía xestione o tráfico nas nosas estradas. Estaremos, deste xeito, ao mesmo nível ca Euskadi e Catalunya. Melloraremos a xestión, reduciremos progresivamente a siniestralidade e, por iso, xeraremos máis benestar. E tamén faremos visíbel en todos os recunchos do País un símbolo nacional: a Policía galega. Porque para construirmos a Nación precisamos da vontade das persoas que a componen, pero tamén do recoñecemento común dos nosos símbolos nacionais. E un dos caracteres e símbolos dunha Nación é ter unha Policía de seu. Nación e Policía propia van sempre xuntos.

JORQUERA: "AGARDAMOS QUE A ESTRUTURA DO NOVO GOBERNO NON SIGNIFIQUE A PERDA DE IMPORTANCIA DO AGRO E DA PESCA"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera afirmou este mediodía que “agardamos que o novo Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño, non signifique a perda de importanza política do agro e da pesca para ficaren diluidas en políticas medioambientais”.

Esta era a avaliación que realizaba o parlamentar do BNG despois de coñecer a composición do novo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero dado a coñecer esta mañá polo Presidente do Goberno español.

Advertencias sobre o novo Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño

O deputado do BNG detívose especialmente na unión nun mesmo Ministerio das materias agro-pesqueiras e o medio ambiente: o Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño. Jorquera afirmou que “observamos que por unha banda, o PSOE copia o esquema implantado polos nacionalistas galegos no Goberno da Xunta ó concebir as políticas para o medio rural como políticas integrais”. Máis, advertiu, “vemos elementos perigosos no feito de que se aúne o agro, a pesca e o medio ambiente. Pode ser sintomático da pouca importanza que se lle vai dar ás políticas pesqueiras e agrarias”. Salientou o feito da “desaparición da denominación específica de Pesca”.
“Temos moitas reservas no feito de que o agro e a pesca estean subsumidas no medio ambiente. Poden perder peso as políticas económicas de sectores tan importantes para Galiza como o agro e a pesca”. Engadiu que “agardamos que non se conciba o agro e a pesca só como políticas medioambientais”. E puxo de manifesto que se deben respectar as competencias autonómicas.

Discrepancia no mantemento de Cultura e Vivenda

Ademáis, o parlamentar nacionalista manifestou “a nosa discrepancia respeito ao mantemento dos departamentos ministeriais de Cultura e Vivenda xa que estas materias están transferidas en boa medidas ás Comunidades Autónomas”.
Francisco Jorquera salientou tamén que se trata dun “Goberno continuista respeito ao anterior e cun perfil moi técnico”. Saudou como elemento positivo a aposta pola igualdade e respeito á creación do Ministerio de Ciencia e Innovación, sinalou que “esperamos que se traduza en un incremento das políticas en I+D+I, en outorgar más importanza ás políticas centradas na productividade e nas melloras económicas, sempre e candos se respecten as competencias autonómicas”, advertiu.

O BNG RATIFÍCASE NA ABSTENCIÓN PORQUE "NON HOUBO CAMBIOS" NO DISCURSO DE ZAPATERO

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, expresou, na súa intervención na segunda volta da sesión de investidura de José Luis Rodríguez Zapatero á Presidencia do Goberno español, que o BNG se “ratifica na posición que mantivemos na primeira votación da súa investidura: a abstención, dado que non houbo nengún cambio con respeito á anterior sesión que xustifique unha modificación do noso voto”.

Estratexia errada do PSOE
Jorquera dirixiuse a Zapatero para manifestarlle a consideración do BNG respeito á estratexia dos socialistas. “Cremos que o PSOE, sinceramente, se equivoca ao optar por unha estratexia na que pretende enfatizar a autonomía do seu proxecto sen esforzarse en chegar a acordos con outras forzas para sair investido Presidente do Goberno cun máis amplo aval desta Cámara sobre todo cando existen plantexamento tan razonábeis como os expostos polo BNG”. Engadiu que “para nós chegar a acordos non é someterse a hipotecas é demostrar capacidade de diálogo e integración” e considera que “un candidato á Presidencia do Goberno debe mostra vontade e predisposición ao diálogo”.

Tres cuestións fundamentais para o BNG
O parlamentar nacionalista explicou ao candidato á Presidencia do Goberno español que, para o BNG, están sobre a mesa tres cuestións que “consideramos esenciais”. E a continuación pasou a enumeralas:
Un compromiso co autogoberno de Galiza, non só á hora de completar o cadro de transferencias pendentes”, senón tamén á hora de asumir “posicións unánimes” que emanan do Parlamento Galego como é a solicitude de transferencia a Galiza da materia de tráfico e seguridade vial”.
En segundo termo, subliñou a “vontade de diálogo para estudar mecanismos que permitan recuperar o estaleiro de Navantia Fene para a construción naval civil”. E en terceiro lugar, Jorquera fixo alusión á necesidade de reformar o sistema de voto dos residentes ausentes. “É importante que a emigración poida votar en urna para asegurar ao carácter segredo do voto” sinalando que se trata “do mínimo exixíbel”.
Vontade de diálogo
O portavoz do BNG no Congreso rematou a súa intervención nesta segunda sesión de investidura afirmando que “reitero o noso agradecemento polo tón e a vontade de diálogo”, remarcando ao mesmo tempo que o BNG tamén mantén aberta a súa disposición ao diálogo. Asemade, anticipou “a nosa felicitación pola súa segura eleción como Presidente do Goberno”.

O BNG ABSTENSE NA INVESTIDURA DE ZAPATERO PORQUE NON CONCRETA OS COMPROMISOS CON GALIZA



O candidato á Presidencia do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, non se pronunciou, tal e como lle pedía o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, sobre a transferencia da materia de tráfico e seguridade vial a Galiza.
Jorquera agradeceu o compromiso de Zapatero de completar as competencias pendentes pero esta “Cámara vai ter que pronunciarse sobre unha proposición de lei orgánica do Parlamento galego que reclama as competencias para Galiza en materia de tráfico e seguridade vial e lle agradecería unha resposta máis concreta. “Senón, o BNG mantén ese dispor ó diálogo pero teño que adiantar que nos absteremos na votación da investidura”.
Navantia Fene igual
Zapatero iniciou a súa réplica ao portavoz do BNG cunha serie de loubanzas ó medre de Galiza desde o goberno compartido entre o BNG e o PSOE. Sinalou o compromiso de continuar a investir na Galiza o 8% do investimento do conxunto do Estado. No tema da volta de Navantia Fene á construción naval civil demandada longamente polo BNG, Zapatero escudouse nas limitacións da UE sobre o sector naval: “temos unhas restricións marcadas pola UE que debemos cumprir e atender” engadindo que “somos favorábeis a refrotar o sector pero nos límites que marca a UE”.
Sen compromisos concretos no voto dos residentes ausentes
Respeito ó voto dos residentes ausentes, deixou todo á creación dunha ponencia de estudo no seno da Comisión Constitucional para a reforma da Lei Eleitoral pero insistindo en que “non é tan doado”.
Na cuestión competencial, o candidato limitouse a sinalar que “imos cumprir os compromisos asumidos en materia de transferencia de competencias” pero non dixo nada sobre o traspaso de tráfico.
No relativo á reforma da lei de interrupción do embarazo para estabelecer unha auténtica lei de prazos plantexada por Jorquera, o candidato á Presidencia do Goberno español, tamén propuxo a creación dun grupo de traballo para a avaliación da vixente lei.
Resposta non satisfactoria ao BNG
No turno da contraréplica, Jorquera deixou claro que a resposta de Zapatero á algunhas das cuestións plantexadas polo BNG “non é satisfactoria”. “Estamos dispostos a discutir un cambio de modelo profundo de todo o relativo ó voto dos residentes ausentes pero non hai razón que xustifiquen que a día de hoxe os emigrantes non poidan votar en urna, e nun sistema homologado aos residentes no interior”. “Entendemos que outro tipo de reformas son complexas e que deben ser dialogadas pero hai uns mínimos de calidade democrática que xa son exixíbeis e polo tanto o que hai que manifestar é vontade política”.
O candidato á Presidencia do Goberno español non entrou en compromisos concretos e só manifestou o seu acordo na necesidade de avaliar e facer os esforzos posíbeis para mellorar o voto dos residentes ausentes, e insistiu na fórmula dunha ponencia de estudo na Comisión Constitucional como “o mellor método para abordalo”.
Infraestruturas
En segundo termo, o portavoz do BNG recoñeceu o esforzo que se fixo na pasada lexislatura para correxir esa situación “á que o BNG contribuiu de xeito decisivo”. E afirmou que “é básico redoblar ese esforzo para que Galiza teña asegurada a conexión por AVE coa Meseta no 2012, a conexión con AVE con Portugal no 2013 e para que se modernicen as redes ferroviarias e viarias interiores.
No relativo ás infraestruturas, afirmou que “os compromisos nas grandes infraestruturas, na alta velocidade, ímolos manter, é unha prioridade absoluta no que atinxe á toda a planificación da alta velocidade”. Díxenlle que estamos dispostos a facer todos os esforzos nos estaleiros pero reiterou as limitacións da UE e sentenciou que “é unha tarefa moi difícil, hai que ser realistas”.
Reiterou a vontade de diálogo co BNG independentemente do sentido do voto na investidura

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSICIÓN DE LEI DE TRAPASO DE TRÁFICO QUE QUINTANA DEFENDERÁ EN MADRID

O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, felicitou hoxe no pleno a todos os membros da Cámara polo consenso acadado para a elaboración e aprobación da proposición de lei que tres deputados galegos levarán ás Cortes do Estado para a transferencia a Galiza das competencias de Tráfico e Seguridade Viaria.
Segundo se aprobou tamén por asentimento de todos os membros do Parlamento, o portavoz nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, impulsor desta iniciativa, será un dos tres deputados encargados de defender o texto en Madrid.
Tal e como enfatizou o deputado nacionalista, o de hoxe, “é o primeiro paso e aínda quedan moitos por dar, pero estamos no camiño correcto”, continuou, “se, no canto de vetar iniciativas que interesan a Galiza, buscamos o que nos une e levamos esa unidade ás Cortes Xerais, a este país non vai haber quen o pare”.
Aymerich destacou o feito de que o texto que se aprobou hoxe sexa “o acordado nas reunións mantidas no pasado mes de novembro a instancias da Vicepresidencia da Xunta, sen modificacións”, ao tempo que amosou a vontade inequívoca do BNG de apoiar o texto, tal cal, no Congreso e no Senado e amosou a súa esperanza de que “todos os deputados galegos en Madrid poñan por diante os intereses de Galiza” nesta ocasión.
Despregamento da Policía Galega
Para o deputado nacionalista, un dos pontos máis significativos desta iniciativa é o feito de que “este proxecto de lei pon as bases para o despregamento da Policía Galega”.
Neste sentido, Aymerich lembrou que un dos “feitos diferenciais galegos” é o grande número de galegos e galegas que forman parte das Forzas de Seguridade do Estado e que, en grande número, xa teñen amosado a súa disposición a integrarse na vixianza do tráfico no noso país.
O portavoz nacionalista destacou a aposta pola redución da sinistralidade nas estradas que supón este proxecto de lei e lembrou que “aínda que estamos a falar dun problema complexo, que non terá unha solución simple, hai cuestións que si podemos atender como o número de axentes por quilómetros de estrada, a maior densidade viaria do noso país ou os escasos investimentos estatais no mantemento e conservación das nosas vías”.
Radares recadatorios
O BNG critica tamén a ubicación de moitos dos radares fixos situados en Galiza, “que non se colocan nos pontos negros, senón en lugares onde se garante unha alta recadación”.
A elevada sinistralidade nas estradas secundarias, o alto número de atropelos e a especificidade de comarcas como a da Costa da Morte, que rexistrou xa 200 accidentes no que vai de ano, son algunhas das “peculiaridades da nosa rede viaria que podemos atender e que deberían ter sido atendidas xa desde a Direción Xeral de Tráfico”.
“Estamos diante dunha decisión histórica”, engadíu o portavoz nacionalista, ao tempo que apuntou que o camiño de hoxe pode ser o que se tome para retomar o labor pendente tras a frustrada aprobación do Novo Estatuto.

O BNG CONSEGUE O SEU OBXECTIVO DE FACER MÁIS OPERATIVO O GRUPO MIXTO

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, anunciou esta tarde nunha rolda de prensa na Cámara Baixa que “ante a actitude intransixente do PSOE, o BNG decide facilitar a formación do grupo parlamentar de ERC-IU-ICV”.
Jorquera explicou que “unha vez constatada a falta de vontade política do grupo maioritario da Cámara, o BNG decidiu prestar os seus deputados para que IU-ICV e ERC poidan conformar grupo parlamentar propio no Congreso”. Recalcou que coa aportación do BNG, este grupo terá “máis do 5% estatal exixido, é indiscutíbel que dese xeito reúnen todas as condicións regulamentarias”. Enfatizou que o “BNG dá este paso para contribuir a mellorar o funcionamento da Cámara e contribuir ao respecto polo pluralismo político”.
Fixo especial fincapé na falta de vontade política por parte do PSOE porque “forzas políticas que hai catro anos reunían o 4,97%, a tres centésimas da porcentaxe do 5%, puideron formar grupo daquela. Ante a rixidez do PSOE nesta ocasión, o BNG decide dar un paso ó fronte e contribuir a que formen grupo parlamentar”. Dese xeito, puntualizou, “logramos o obxectivo marcado de que o Grupo Mixto se subdivida en máis dun grupo parlamentar”.

O BNG continuará adscrito ó Grupo Mixto
Subliñou que se trata dunha solución técnica para “acadar o obxectivo fixado” pero non “significa unha alianza política coas forzas do grupo. Non é vontade do BNG permanecer no grupo parlamentar con ERC e IU-ICV senón que a nosa vontade é a de continuar adscritos ó Grupo Mixto nos vindeiros catro anos”. “Damos este paso pero sen vontade de permanencia no grupo”, afirmou.


Obxectivo básico do BNG cumprido
Francisco Jorquera remarcou que para o BNG era un obxectivo básico lograr a subdivisión do Grupo Mixto “convencidos de que esa división mellorará o traballo parlamentar e o funcionamento da Cámara que estará mais dacorde co pluralismo político existente”.
Explicou que o BNG estudou nestes días fórmulas xurídicas e tivo contactos con outras forzas políticas. “Consultamos a posibilidade de constituir grupo conxunto con CC ou con Nafarroa Bai, e seguimos convencidos de que esta opción tiña plena validez xurídica e cabida no Regulamento”, e engadiu que “igual que tiña soporte que IU-ICV puidera facer grupo”.

Constatamos que se existen dificuldades non están no Regulamento senón na ausencia de vontade política por parte das forzas políticas maioritarias”, en alusión ao PSOE, “forzas que incluso incorren en contradicións respeito ás decisións tomadas en pasadas lexislaturas nas que se permitiu a formación de grupos parlamentares cando non chegaban ao 5% no ámbito estatal”.
Acusou ao PSOE de “total e absoluta falta de vontade política á hora de interpretar dun xeito flexíbel o Regulamento da Cámara. Desexamos que o talante que tanto se invocou non se converta agora nunha actitude ríxida”.
Agradeceu a CIU e PNV a súa disposición para co BNG, “unha colaboración que incluso se traduciu no oferecemento de deputados para formar grupo co BNG”.

O BNG SÓ VOTARÁ A FAVOR DE ZAPATERO SE MOSTRA "VONTADE A TER EN CONTA AS CUESTIÓNS PLANTEXADAS"

O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, explicou hoxe tras reunirse co secretario de Organización do PSOE, José Blanco, e co Secretario do grupo socialista, Ramón Jáuregui, que o Bloque baralla como opcións de votación na investidura de Zapatero, a abstención ou o voto favorábel. Con todo, advertiu que os dous deputados nacionalistas só daran o ‘si’ “se Zapatero amosa a súa disposición e vontade a ter en conta as cuestións plantexadas polo BNG na xunta de hoxe para os catro anos de lexislatura”.
Así pois, Jorquera deixou claro que a posición do BNG na investidura se vai decidir no último momento, dependendo da intervención de José Luis Rodríguez Zapatero. “Vai depender da vontade que amose Zapatero aos requerimentos plantexados polo BNG. Da súa resposta a todas as nosas cuestións, veremos se votamos a favor ou nos abstemos”, sentenciou Jorquera, quen estivo acompañado na reunión pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila.

Ademáis, Francisco Jorquera recalcou que “a miña impresión é que o BNG vai ser unha forza política decisiva nestes catro anos de lexislatura. Creo que o PSOE ve no BNG a un socio de preferencia para esta lexislatura. Estamos convencidos de que imos ser decisivos en moitos momentos e que o PSOE é moi consciente do papel que o BNG vai ter nesta lexislatura”.

O deputado nacionalista engadiu que na reunión de hoxe quedou claro que o “PSOE non vai facer acordos pechados antes da investidura nin con nós nin con ningún outro grupo político”. Jorquera tamén explicou que no encontro non se falou só sobre o voto para a investidura de Zapatero. “Fomos máis alá e realizamos un diálogo para coñecer a posición de ambos de cara ós vindeiros catro anos”, dixo o nacionalista.

Non ao bipartidismo
O parlamentar nacionalista explicou as cuestións principais que o BNG puxo enriba da mesa, que xiran sobre ideas xa explicas polos nacionalistas nos últimos días. En primeiro lugar, “o BNG considera que o diálogo sobre os grandes asuntos do Estado non pode estar protagonizado en exclusiva polo PP e polo PSOE, temos que ser partícipes as demáis forzas políticas”, e advertiu que “nós non entenderíamos que se producise un duplo xogo na lexislatura que consistiría en practicar pactos de Estado co PP, e logo atender o día a día da gobernabilidade con forzas políticas como o BNG. Iso non o entenderíamos”, asegurou.

Jorquera sinalou que en segundo termo “Galiza ten que ter a oportunidade de continuar avanzando no autogoberno, temos que completar o cadro das competencias pendentes e avanzar nas transferencias”. Neste sentido, mencionou especialmente o traspaso da competencia de tráfico e a vindeira sesión no Parlamento Galego que “previsibelmente aprobará a transferencia desta materia. Logo será trasladada ás Cortes Xerais”.

En terceiro lugar, enumerou a necesidade de asegurar “o ritmo inversor do Estado na Galiza para paliar o défice que temos, sobre todo en infraestruturas”. En cuarto lugar, “emprazamos ó PSOE a entablar un diálogo para correxir determinadas políticas estatais que son un freo ó desenvolvemento dos sectores produtivos e económicos básicos para Galiza”. Así, mencionou a importanza de “recuperar para a construción naval civil un estaleiro punteiro en Europa, o de Fene”.

Por último, “puxemos enriba da mesa, a urxencia de acometer unha reforma en profundidade do voto dos residentes ausentes. Lembrou que “non é de recibo que o futuro político de Galiza estea condicionado por un censo de 300.000 eleitores que residen no exterior” e puxo de manifesto as deficiencias do sistema de voto: “é un feito que aínda seguen votando persoas falecidas, é un auténtico escándalo”. Demandou garantías democráticas para o voto dos emigrantes e que “se votan que conten á hora de determinar os escanos”.

O BNG ABSTENSE NA VOTACIÓN DE BONO PORQUE "POLO DE AGORA NON VEMOS UNHA ACTITUDE FLEXÍBEL NO PSOE"

O BNG decidiu absterse na votación de José Bono como Presidente do Congreso dos Deputados, mentras que votaba a favor dos candidatos de CIU (Jordi Jané) e PNV (Joseba Belloqui) como membros da Mesa da Cámara.

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, explicou en declaracións aos medios de comunicación que “a nosa decisión de nos abster, no canto de votar en contra, é unha mostra de boa vontade porque continuamos abertos ao diálogo co PSOE, máis temos que dicer que polo de agora non nos consideramos satisfeitos coas respostas do PSOE aos plantexamentos realizados polo BNG”, en referencia á solicitude do BNG e doutros grupos para que o Grupo Mixto se subdivida.

Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila tomaban posesión das súas actas de deputados na sesión de Constitución das Cortes Xerais que tiña lugar esta mañá no Congreso dos Deputados, onde tamén se votaban os órgaos da Cámara: a Presidencia e a Mesa do Congreso. Jorquera subliñou que o BNG votou favorabelmente ó candidato de CIU, Jordi Jané, á vicepresidencia da Mesa do Congreso, e tamén ao candidato do PNV, Joseba Belloqui, a secretario da Mesa para “ter unha Mesa da Cámara plural e que teña presenza nacionalista”.

Discrepancia coa figura de Bono

Jorquera sinalou que “o noso voto en branco a Bono é tamén unha manifestación da nosa discrepancia coa figura de Bono, un home sectario e moi hostil aos nacionalismos que nunca se caracterizou pola súa prudencia nen polo seu equilibrio á hora de buscar consensos, que é precisamente o que se agarda dun Presidente do Congreso”.

Neste sentido, Jorquera salientou que “é a primeira vez que un Presidente é eleito nunha segunda volta e incluso non tivo o voto dalgúns deputados da súa forza política. En primeira votación tivo 168 votos, e na segunda votación 170 cando votaron a favor CC e IU, iso quer dicer que incluso houbo deputados do PSOE que se inhibiron de votar”. Desexamos que Bono faga realidade o seu discurso xa que se comprometeu a ser un Presidente de todos. Nese sentido, ten a man tendida do BNG para que con feitos demostre que vai ser un bón Presidente”.

Investidura e negociacións para formar grupo parlamentar

Recalcou que “de cara á sesión de investidura, seguiremos negociando co grupo socialista aínda que debemos advertir que en ningures está escrito que teñamos que apoiar a José Luis Rodríguez Zapatero. O BNG continuará aberto á negociación con espíritu construtivo”. Resaltou que teremos moi presente a actitude do PSOE respeito ao tema de partillar o Grupo Mixto e “imos entablar unha negociación de carácter político e programático co PSOE, na que poremos sobre a mesa aspeitos que deben ser abordados na axenda política desta lexislatura”.

Así enumerou a necesidade de que Galiza incremente o seu autogoberno, que se aseguren os investimentos do Estado para Galiza para saldar a débeda histórica que o Estado ten co noso pais, especialmente en infraestruturas, a atención a sectores económicos básicos do noso pais e “acometer reformar legais que consideremos necesarias por saúde democrática como é a do voto dos residentes ausentes. Se estas cuestións son atendidas por parte do grupo socialista e existe un compromiso de abordalas nestes catro anos o BNG ten a mellor disposición a poder votar favorabelmente”.

Respeito ó estado das conversas para que o Grupo Mixto se subdivida, o parlamentar nacionalista enfatizou que “esta semán será decisiva para coñecer o desenlace das consultas e as negociacións en curso” aínda que recalcou que “non estamos observando unha actitude flexíbel por parte do PSOE á hora de propiciar que o Grupo Mixto se poida dividir e formar grupos parlamentares”.