A CONTRACORRENTE


Resulta abafante e sintomático o empeño informativo e dos economistas académicos oficiais en manter a sociedade galega na ignorancia e/ou manipulación a respecto dun tema tan crucial como o financiamento da comunidade autónoma. Preténdese xustificar que o mellor dos mundos posíbeis para Galiza é o da actual dependencia e subordinación respecto do Estado Español. A ideoloxía da españolidade e da unidade de España inspiran as manipulacións académicas e o correlato divulgador informativo. Axitan sempre a bandeira dunha suposta “solidariedade” do estado con Galiza, que se manifestaría empiricamente nos resultados da aplicación do sistema de financiamento vixente. Tinxen o seu discurso analítico, de pretensións progresistas, con dados parciais, ocultacións sonoras e conclusións predeterminadas. Unha delas, a fundamental, que somos incapaces por nós mesmos. Só a unidade de España nos garante o noso actual estado de benestar.


Porén, nin o Ministerio de Economía e Facenda nin o Sr. Solbes se atreven a tanto, se teñen que confrontarse directamente cos razoamentos, fundamentados nos propios dados da liquidación do sistema de financiamento que se fai cada dous anos, en concreto o último en maio de 2008 sobre o 2006. Tiven a ocasión de comprobar como a resposta do Sr. Solbes a un meu posicionamento claro a este respecto foi: “No por Dios, no se puede decir que Galicia viva gracias a España”. Nin siquer nas publicacións oficiais últimas do Ministerio de Economía e Facenda se afirma que a aplicación do sistema de financiamento actual provoque solidariedade e nivelación. Foi o nacionalismo en solitario, especialmente grazas aos traballos do economista Xosé Díaz Díaz, quen se atreveu a replicar demostrando a ignorancia, a ocultación e a manipulación que subxacen nos discursos do academicismo sustentador as proclamas axitativas das dereita e esquerda española na Galiza. Son uns auténticos vendedores de propaganda.


O debate na Galiza adiantou en clareza grazas a que tiveron que confrontarse con informacións que nunca ofreceron os que tiñan capacidade e medios para facelo. Felizmente agora sabemos que a carga tributaria soportada polos galegos, como consecuencia do sistema fiscal español, chegou en 2006 á cantidade de 9.041 millóns de euros polos impostos integrados no sistema de financiamento, máis outros 2.584 millóns de euros por impostos non integrados no sistema de financiamento. En total, a cantidade de 11.625 millóns de euros. Unha cantidade que está moi enriba dos 7.592 millóns de euros que lle foron entregados por Galiza na liquidación de 2006 para facer fronte aos gastos por competencias transferidas (Ensino, Sanidade, Benestar Social, fundamentalmente).


A posición do españolismo foi contumaz, perseverante. Visto que a propaganda manipuladora sobre o sistema de financiamento era desvendábel e rigorosamente atacábel, apareceron as Balanzas Fiscais. Máis barullo e complexidade cos dados e co método de análise. Pero tamén aquí as teses conclusivas, na mesma dirección de incapacitar a Galiza para que non acrediten en que vive do seu esforzo, estaban premeditadas antes de elaborar as análises. Novamente hai un clarificador traballo de Xosé Díaz Díaz, denominado “Miseria da Solidariedade”, de próxima aparición en Terra e Tempo, que demostra como unha cousa son os gastos que se nos imputan e outra moi diferente os realmente realizados. O método utilizado para elaborar as Balanzas Fiscais pola Fundación do BBVA para o período 1991-2005, publicadas no ano 2007, representan o exemplo prototípico dunha tese predeterminada. Tan predeterminada que deben saber que, por de pronto, para acadar o resultado oportuno, se nos imputan, en nome dun denominado principio de beneficio, gastos localizados en Madrid como os gastos xerais das administracións públicas, defensa, orde e seguranza pública, ou de organismos como Holding Olímpico, Centro de Arte Reina Sofía, Museo Nacional del Prado, Fundación Thynssen Bornemisza, Fundación Museo Sorolla, Fundación Teatro Lírico... O que se fai para reivindicar a españolidade e anular a capacidade real de Galiza!!!!. Auténtico terrorismo científico, como di Xosé Díaz Díaz.

O PSOE OPONSE Á DEMANDA DO BNG DE REVISAR OS ACORDOS COA IGREXA CATÓLICA "POR RAZÓNS DE OPORTUNIDADE POLÍTICA"

O PSOE opúxose esta tarde no Pleno á proposición non de lei do BNG que solicitaba a revisión dos Acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1979 para “adecualos ao carácter aconfesional do Estado español”. O portavoz socialista, Señor Quijano, afirmou que “non somos partidarios de abordar a revisión destes Acordos deste forma e neste momento”. Ademáis engadiu que “as razóns principais da nosa posición teñen que ver coa oportunidade e a lóxica política”. A proposición non de lei do BNG ficou rexeitada na votación.
A laicidade, asignatura pendente no Estado español
Na súa intervención perante a sesión plenaria, Jorquera manifestou que “unha das grandes asignaturas pendentes da democracia española é facer efectiva a laicidade do Estado, o seu carácter aconfesional e neutral en materia de crenzas”. Para o parlamentar nacionalista é un tema que non se debe demorar máis despois “dunha lexislatura pasada marcada pola intromisión sistemática da xerarquía eclesiástica católica no debate político”.
O deputado do BNG preguntouse se é lóxico que sigan inalterados uns acordos de hai trinta anos, e que aseguran o financiamento público da Igrexa, e tamén reprochou o feito de que exista un marco Estado-Igrexa católica privilexiado “distinto aos das outras confesións, sendo vinculante para o Estado e coa blindaxe duns Acordos Internacionais”. Amosou o respecto dos nacionalistas galegos a todas as crenzas e confesións relixiosas, “entre elas a católica á que pertencen moitos dos nosos militantes”.
Non á educación relixiosa no ensino público
Criticou o feito de que nun Estado democrático e aconfesional a Igrexa católica “siga gozando de privilexios e de ámbitos de decisión alleos ao control estatal, incluso cando ten encomendadas labores en servizos públicos como é o da educación relixiosa”. Aproveitou para deixar claro que o BNG considera que un sistema público debe educar no coñecemento das diferentes crenzas. “A transmisión dun sistema de crenzas non debe estar incluida na oferta obrigatoria do ensino público, debe impartirse fóra dos centros ou no seu caso fóra das horas lectivas”.
Aludiu ao caso do profesorado de relixión. “Non é de recibo que a Igrexa controle o ensino relixioso e aos profesores pero é o Estado quen asume plenamente o seu custe económico e a responsabilidade do seu nomeamento e cese”. Sinalou que isto “da lugar a todo tipo de arbitrariedades e a conculcación dos dereitos contemplados no Estatuto dos Traballadores”.
Concúlcase o principio de igualdade
Francisco Jorquera puxo de relieve a dificuldade de conciliar o principio de igualdade co feito de que a Igrexa se financie con fondos públicos. De igual xeito, “é igualdade que os contribuíntes que decidan marcar a casilla no IRPF destinada á Igrexa católica, detraigan cantidades do fondo común, polo tanto, teñen que facer un menor esforzo fiscal para custear os servizos de todos?”.
Finalmente, mencionou o traballo do profesor Dionisio Llamazares sobre os Acordos do Estado español coa Santa Sede cuxa leitura recomendou especialmente aos deputados do grupo socialista porque precisamente se pode baixar da páxina web do Partido Socialista. Subliñou que o BNG pretende coa súa iniciativa “perfilar o carácter laico do Estado separando o público do privado”, o que debería recibir o respaldo do PSOE.

O PSOE REXEITA NO SENADO UNHA EMENDA DO BNG PARA QUE O GOBERNO REDUZA ESTE ANO A CARGA FISCAL PARA O VACÚN DE LEITE

O Pleno do Senado rexeitou hoxe, cos votos do PSOE, unha emenda do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, na que se pedía que o Goberno reducise a carga fiscal para o sector de vacún de leite, ao igual que xa fixo co resto de sectores agrogandeiros.

A emenda do BNG, presentada a unha moción do Grupo Popular sobre a adopción de medidas en relación coa suba xeneralizada dos prezos dos alimentos básicos, instaba ao Goberno a “estender ao sector de vacún de leite a redución dos índices de rendemento neto para o período impositivo 2007, medidas que deben manterse para o exercicio 2008, dado que a situación de suba dos custos de produción para o sector agrogandeiro, lonxe de mellorar, están a empeorar”.

“Incomprensíbel que o Goberno deixe fóra das reducións fiscais ao vacún de leite”
Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza cualificou durante a súa intervención de “incomprensíbel que o Goberno deixara ao vacún de leite fóra da Orde do 30 de abril pola que se reducen para o período impositivo 2007 os índices de rendemento neto aplicábeis polo método de estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras”.

Bouza subliñou que “precisamente é o sector lácteo o que soporta a maior carga impositiva, cun índice do 0,42, e un dos que máis está a sufrir o fortísimo incremento dos custos de produción”, con subas no último ano de máis do 30% no prezo do gasóleo agrícola, do 45% nos fertilizantes ou por enriba do 30% nos cereais para pensos.

Ademais, advertiu do impacto moi positivo que tería en Galiza esta medida, onde se concentran máis do 50% das explotacións lácteas do Estado.

A representante do PSOE xustificou a súa oposición alegando que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño xa dispón dun plan de apoio específico para o sector lácteo.
“Os gandeiros o que queren é solucións concretas, como esta, que lle resolvan a difícil situación económica que están a padecer e eviten o peche de explotacións, non de grandes plans que se está a demostrar que non funcionan”, retrucoulle o senador do BNG.

Por último, Xosé Manuel Pérez Bouza adiantou que o BNG volverá a presentar estas emendas como moción en comisión “dado que son medidas urxentes que se deberían aplicar na Declaración da Renda deste ano”.

GALIZA: A FALACIA DA "COMUNIDADE" POBRE

REPRODUCIMOS AQUÍ UN ARTIGO MOI INTERESANTE PUBLICADO EN http://www.gznacion.com/


O sistema de financiamento autonómico e a súa reformulación está enriba da mesa. Ou debería. Así se desprende dun informe elaborado pos Xosé Díaz e ao que tivo acceso GzNación, un completo estudo do sistema de financiamento estatal que aborda as cifras do exercicio do 2005, último ano do cal se posúen datos. Devandito sistema, critica Díaz, é unha resulta “do peculiar modelo de descentralización do estado español, consecuencia directa da nunca ben ponderada, inequívoca, incontestábel e incombustíbel Constitución de 1978”. Que contempla este mecanismo de distribución tributaria? Pois que, tendo en conta o carácter de nación do Estado Español na Carta Magna, tanto o texto xurídico como o sistema de financiamento non recolle a “realidade plurinacional” española.

Cómpre dicir, neste punto, que estamos a falar dun financiamento, no caso do sistema en vigor, que se realiza “por medio dos ingresos tributarios procedentes dunha cesta tributaria que integra unha parte dos impostos estatais dos que os principais en termos cuantitativos son cedidos ou territorializados, tamén de maneira parcial, nunhas porcentaxes iguais para todas as CCAAs do réxime común”.


Que é o Fondo de Suficiencia?

O Fondo de Suficiencia cobre a diferenza entre o que custa ter unha competencia e os ingresos recibidos do Estado. Isto é, este fondo implica que debe existir unha correspondencia entre o custo dos servizos públicos (transferencias, por exemplo Educación) e os recursos dos que dispón un goberno autonómico. Por esta razón, os territorios do Estado co fondo de suficiencia positivo (máis positivo) son as que máis transferencias soportan -e máis gasto-. Un exemplo, se Galiza obtén a transferencia de tráfico, todo o dispositivo institucional, policías, coches, etc deberá ser sufragado pola Xunta, algo que o Executivo Central deberá ter en conta á hora do 'reparto' territorializado do sistema de financiamento público.

Segundo se recolle no estudo de Díaz, “todas as CCAAs teñen un Fondo de Suficiencia positivo agás os casos das Illes Balears e de Madrid”. Isto, polo explicado anteriormente, significaría que Madrid e as Baleares teñen menos competencias transferidas polo Goberno. “Así”, di o informe, “a identificación de CCAA pobre como aquela que precisa de Fundo de Suficiencia para completar os recursos cos que financiar as competencias e servizos transferidos (educación, sanidade, xustiza, servizos sociais, ...) remata nun auténtico desatino”. “Cataluña, que percibe en termos absolutos un Fondo de Suficiencia (2.392 M€) que equivale ao 75% do galego sería segundo esta teoría unha das máis pobres do Estado Español”.

Segundo estes datos, Galiza (3.207,7 de f. Suficiencia) sería menos pobre que Madrid (co que iso implica no 'reparto')

En base a isto, Díaz continúa co análise. “A recadación nas Delegacións galegas por todos os impostos do sistema fiscal español achega soamente 4990.6 M€. A través disto, queda evidente que fronte a unhas necesidades de gasto de 6839.7 M€, a recadación nas delegacións galegas é unicamente de 4990.6 M€. E máis aínda, se Galiza aporta 10.396 millóns de euros ao Estado e recibe só 6839.7 en base a ese fondo de suficiencia (o que necesitamos gastar para cubrir as nosas competencias), Galiza fica cunha perda de 3.556,5 M€. Onde está, daquela, a solidariedade para co noso país?


Para Xosé Díaz, sería necesario un principio de suficiencia que garantise os recursos necesarios para ofrecer uns servizos públicos do mesmo (o máis parecido posíbel) nivel e calidade, cuxo custe de subministro é moi diferente en cada CCAA



O BNG SOLICITA AO GOBERNO QUE REPOÑA AS REDUCCIÓNS AOS AGRICULTORES E GANDEIROS NA DECLARACIÓN DA RENDA PARA PALIAR A BAIXADA DE INGRESOS

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar dúas iniciativas polas que lle solicita ao Goberno Central que repoña as reduccións que nos últimos exercicios lles viña aplicando a agricultores e gandeiros na Declaración da Renda.
Pérez Bouza lembra que estas desgravacións “recoñecían e compensaban, en parte, o impacto dos notables incrementos dos prezos dos derivados do petróleo nas economías do sector primario”.
En concreto, aos agricultores e gandeiros que tributaban polo método de estimación obxectivo (módulos) a Axencia Tributaria aplicáballes na declaración do IRPF unha reducción do 35% pola adquisición de gasóleo agrícola e do 15% pola compra de plásticos e fertilizantes.
“Porén, de forma inexplicábel, o Ministerio de Economía e Facenda suprimiu estas reduccións na declaración do IRPF do exercicio 2007”, denuncia o senador nacionalista.
“O momento é totalmente inoportuno para castigar ao sector cun incremento da carga fiscal”
O senador do BNG considera que “non resulta máis inoportuno e erróneo castigar agora aos agricultores e gandeiros cun incremento da carga impositiva que soportan xusto no momento no que o sector sufre un descenso da rendibilidade motivado, en boa parte pola forte suba dos derivados do petróleo”.
Así, por exemplo, no último ano o prezo do gasóleo agrícola encareceuse máis dun 30%; os fertilizantes subiron por enriba do 30% e o prezo dos cereais para concentrados subiron por riba do 30%.
Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza presentou unha pregunta e unha moción pola que insta ao Goberno a que “repoña as reduccións por adquisición de gasóleo agrícola, plásticos e fertilizantes que se viñan aplicando na declaración do IRPF aos agricultores que tributan polo método de estimación obxectiva”.
“Esta reposición –precisa- deberá ser realizada polo goberno con carácter de urxencia a fin de que se aplique na Declaración da Renda correspondente ao exercicio 2007”.