VOCEIRO DO BNG DO SAVIÑAO



Xa está na imprenta o novo voceiro do BNG do Saviñao, dentro duns días estará nas casas de todos os veciños e veciñas do noso concello.


Neste primeiro número do BLOQUE tratamos temas tan interesantes como o Plan de Infraestructuras da Ribeira Sacra que acaba de aprobar a Consellería de Medio Rural, as eleccións xerais do 9 de marzo, a gardería e a miniresidencia de Escairón....


Esperamos que vos guste, e agardamos as vosas suxerencias e colaboracións para os seguintes números que publiquemos.

MITIN DO BNG NO SAVIÑAO


O SÁBADO 1 DE MARZO, ÁS 20:30H NO AUDITORIO DE ESCAIRÓN.

FALARÁN:

ANTÍA RODRÍGUEZ, Responsable Local do BNG
SEVERINO RODRÍGUEZ, Alcalde de Monforte
RUBEN CELA, Director Xeral de Xuventude
PAZ ABRAIRA, Candidata ao Congreso por Lugo


esperámoste!

DECALOGO PARA LUGO SUR

REPRODUCIMOS AQUÍ AS 10 PRINCIPAIS DEMANDAS DO BNG Ó ESTADO PARA LUGO SUR ESTA LEXISLATURA

1. Autovías: Lugo-Ourense. A-76. Monforte Chantada.

2. Ferrocarril: Monforte como centro de redistribución de mercadorías e tren de cercanías dos concellos do sur de Lugo con Lugo e Ourense.

3. Competencias para xestionar a UNED e o Fomento do Deporte.

4. Confederación Hidrográfica Miño-Sil e regadío.

5. Política enerxética propia en enerxías renovables.

6. Mellora de pensións e salarios.

7. Reparto da cota láctea acorde cas necesidades de Galicia.

8. Maior financiamento para os concellos dosur de Lugo.

9. Creación dun Xulgado do Social e máis servizos administrativos na zona.

10. Saneamento dos nosos ríos e desenvolvemento das zonas naturais protexidas.

"Os galegos non deben confiar no PP de Rajoy e de Núñez Feijóo porque o que pretenden é anularnos como pobo"


REPRODUCIMOS AQUÍ UNHA ENTREVISTA QUE PAZ ABRAIRA CONCEDEU AO XORNAL GZNACIÓN


Paz Abraira é cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego por Lugo para as eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo. Tras unha longa traxectoria no concello lucense, Abraira aspira a representar a súa provincia no Congreso, xa que conta cun aumento nos votos que faga que logre a súa presenza na Cámara Baixa. Uns días antes de meterse de cheo na campaña, dende Gznación falamos con ela sobre diversos temas de actualidade.


-Hai uns días dicía vostede que con 2.000 votos máis que nas eleccións municipais, o BNG obtería un deputado por Lugo nas xerais do 9 de marzo. Ve posíbel e factíbel lograr esa representación no Congreso?

-Evidentemente que si. Se extrapolamos os resultados das municipais, con 2.000 ou 2.500 votos máis o BNG pode obter representación e ese é o obxectivo que nos marcamos, o de incrementar o número de votos e obter esa representación por Lugo. Ademais, é o único cambio que se pode dar na provincia de Lugo porque nin o PP é nin PSOE van subir. A única forza política que ten posibilidades de modificar o reparto actual é o Bloque Nacionalista Galego se obtén ese deputado.


-Vostede propón aumentar a cota láctea de Galiza. Como se pode encadrar esta petición se a Unión Europea pretende acabar co sistema de cotas no 2015 e incluso hai uns días o Comité de Rexións daba o visto e prace a esta iniciativa?

-A idea é que mentres non se remate coa cota láctea, o que non pode haber é un reparto lineal, xa que non é igual a situación que se dá en Estremadura ou en Murcia coa que se dá en Galiza. Non é a mesma función social a que cumpren as explotacións noutras comunidades autónomas que a que se cumpre en Galiza. Cada vez hai máis mozos no noso país que se incorporan á actividade agraria e polo tanto nos necesitamos esa cota láctea, porque ademais é o único modo de fixar poboación no rural. Nos queremos que o reparto non sexa lineal, senón que se faga segundo as función sociais e económicas.

-E que se pode facer ante a posíbel desaparición das cotas no 2015?

-A situación que se adopte naquel momento, vai depender tamén da situación económico do sector nese momento e tamén vai depender de que poidamos desenvolver políticas dende o goberno da Xunta de Galiza. O BNG reclama competencias plenas en materia agraria porque somos os únicos, somos os que mellor coñecemos o tema e os que máis e mellores solucións podemos aportar. Polo tanto, precisamos ter esas competencias plenas en materia agraria para definir eses modelos. Nós o que queremos é poder contar en Madrid e poder contar tamén na Unión Europea. Queremos que Galiza poida ter voz propia tamén nos debates a nivel europeo, porque somos unha grande potencia leiteira, que producimos máis que o resto do Estado. Teñen que recoñecernos esa realidade e recoñecernos o dereito a defender os nosos intereses


-Outra das grans reclamacións que fai vostede en relación con Lugo é o tema do transporte. Cales son as principais eivas?

-Hai dous temas fundamentais. A provincia de Lugo quedou descolgada da batalla das autovías no seu momento. Somos a única cidade de Galiza que non ten unha conexión por autovía coa capital, con Santiago. Eso é unha eiva fundamental. E, despois, non temos o territorio desarticulado. Neste momento, na Trascantábrica os tramos galegos aínda non están construídos e a A-76, a autovía que vai entrar por Ponferrada, pasar por Monforte e conectar con Ourense tampouco está construída e é unha prioridade para o BNG. Ademais, tamén hai outro tema fundamental que é o ferrocarril, e non só o AVE. A provincia de Lugo precisa un AVE, pero nós necesitamos tamén un tren de proximidades, unha rede que nos permita conectar os distintos concellos, que nos permita conectar Lugo con Guitiriz, Monforte e conectar tamén co Barco de Valdeorras e Ourense, para poder trasladar tanto mercadorías como pasaxeiros a nivel interno e externo.


-Nas últimas semanas o tema do aborto copa boa parte dos espazos informativos. Por que saiu agora este tema, cando levamos unha morea de anos coa mesma lei?

-O PSOE estivo sondeando o tema para ver se podía introducir un debate social sobre este asunto. O PP, evidentemente, cargou directamente, xa que defende unha política totalmente retrógrada, que lle nega a muller o dereito a decidir sobre o seu corpo e a decidir libremente se queren levar ou non a termo a súa maternidade. O BNG foi a única forza política que reclamou no Congreso dos Deputados nesta lexislatura con forza desde o comezo unha modificación da lei, aínda que houbo outras forzas políticas que presentaron tamén iniciativas. Nós presentamos unha proposición non de lei para a modificación da Lei do Aborto e creando esa lei de prazos garantindo que todas as mulleres poidan interromper o embarazo nas primeiras semanas de xestación. Evidentemente, isto topouse coa postura completamente reaccionaria do Partido Popular e tamén coa falta de interese do PSOE, que ao longo desta lexislatura non fixo o máis mínimo amago de modificar a lei, a pesar de que o levaba no seu programa de goberno.


-Hoxe en día, as mulleres galegas atópanse con moitas dificultades para abortar?

-Atópanse con moitos problemas porque non poder abortar na sanidade pública. Hai moi poucos hospitais galegos que lle garantan as mulleres o seu dereito a abortar. Primeiro, os médicos alegan problemas de conciencia e non atenden estes casos nos hospitais públicos, cando despois á hora da verdade si o fan nas clínicas privadas. Polo tanto, o BNG reclama, primeiro, que se despenalice de todo o aborto e, segundo, que se garanta o dereito das mulleres a abortar nos hospitais públicos. No caso das provincia de Lugo, ten que estar garantido o dereito da muller a votar nos tres principais hospitais: o de Lugo centro, Burela e Monforte.


-Ao principio da entrevista mostrábase seguro de lograr esa representación por Lugo. Supoño que se chega a ser deputada esta será un dos temas que levará ao Congreso…

-Foi un dos temas que xa presentou o BNG na anterior lexislatura e é un asunto no que imos insistir nesta. O BNG vai centrar o traballo nesta lexislatura en reclamar todos aqueles temas que teñen relevancia directa para o noso país, que teñan que ver coas nosas competencias e coa nosa capacidade de decisión. E tamén vai traballar para lograr avances sociais, entre eles o tema do aborto, e para que non haxa ningún retroceso neses avances que se deron nos últimos temos.


-Se gañase o PP suporía un gran retroceso a nivel social, en temas como o aborto ou, por exemplo, o matrimonio homosexual?

-Na próxima lexislatura non vai haber maiorías absolutas. Dende logo, os cidadáns galegos non comparten a postura do Partido Popular, que nega a existencia de Galiza como nación e quere negarnos incluso o dereito a falar no noso propio idioma, e quere negarnos o dereito a existir dentro dun estado plurinacional. Agardamos que iso teña un reflexo o 9 de marzo. O BNG ten que ser decisivo en Madrid para poder condicionar as políticas, sexa quen sexa o que Goberno, pero dende logo, o PP hoxe está nas antípodas do que defende o BNG.


-E o PP tamén suporía un grave risco para as demandas do BNG en materia de autogoberno…

-Xogámonos a nosa existencia como pobo e a nosa existencia como persoas libres, os nosos dereitos colectivos como pobo e os nosos dereitos individuais como persoas. Porque iso é o que o PP está poñendo sobre a mesa.


-Por que Rajoy tivo nas últimas semanas, en palabras do propio BNG, “un ataque de galegofobia”?

-O PP, a costa de Galiza, pretende obter votos no resto do Estado. O PP o que vai é vender a Galiza, aos galegos e galegas, para obter votos no resto do Estado. Entón, evidentemente, ten que posicionarse en contra dos intereses de Galiza. Por iso, os galegos e galegas non deben confiar no PP de Rajoy e de Núñez Feijóo porque o que pretenden é anularnos como pobo.


-Dentro desa defensa do nacionalismo español do PP tamén se podería encadrar a proposta dun "contrato" para os emigrantes que fixo Rajoy.

-Esa é unha proposta, claramente, con tintes racistas. O BNG considera que é positivo regular a inmigración é que é bo, cunha poboación tan envellecida como a nosa, que haxa máis inmigrantes dispostos a asentarse en Galiza. Nós non temos nada en contra diso e, dende logo, nunca plantexaríamos ideas coma as que está propondo o PP, que o que fan e negar ese dereito a eses cidadán que veñen de fóra nunhas circunstancias moi semellantes ás que viviron os galegos que tiveron que emigrar no pasado e tamén actualmente e, polo tanto, o BNG nunca vai estar do seu lado.


-No seu programa electoral, o BNG inclúe a proposta de “impulso dunha política internacional en favor da igualdade dos pobos e da paz”. Porque cre entón que se está a acusar ao BNG de non condenar o holocausto xudeu?

-Preténdese tersiverxar absolutamente todo porque o BNG é unha forza política que condena activamente o holocausto xudeu. Evidentemente, nunca negamos isto. O que si afirmamos é que a actitude actual do goberno de Israel atenta contra os dereitos do pobo palestino e atenta contra os dereitos dos cidadáns palestinos. Iso é unha realidade que está aí e que non se pode negar, que vemos cada día. O outro é unha utilización interesada e partidista e dun tema que se descontextualizou completamente.


-O PSOE e o PP estanse a acusar mutuamente de gastar diñeiro público na súa campaña e promoción nos países onde hai moitos galegos emigrados de cara as eleccións.Iago Tabarés dixo que se trataba dunha estratexia para ocultar a necesidade de crear unha circunscrición propia para os emigrantes. Vostede que opina?

-O BNG retou ao PP e ao PSOE a dicir claramente se están dispostos a reformar o voto emigrante nos primeiros seis meses da próxima lexislatura. Fixemos unha proposta clara, concisa, absolutamente democrática, que salvagarda os intereses dos cidadáns emigrantes que queren votar e salvagarda tamén os intereses dos cidadáns galegos que viven aquí. Correspóndelle ao PP e ao PSOE dicir se queren seguir utilizando de maneira partidista aos emigrantes, se queren seguir aplicando prácticas absolutamente antidemocráticas; ou se queren que sexa un voto limpo, democrático, como o do resto dos cidadáns. Está a pelota no seu tellado. Son eles os que deben responder.


-Tanto o PP como o PSOE están a facer propostas de cara as eleccións como a rebaixa do IRPF ou o cheque dos 400 euros. O BNG defende que estas iniciativas poden ser negativas para a economías dos galegos. Cales serían as consecuencias?

-O BNG non vai entrar nas rebaixas, non podemos entrar nunha espiral que se transforme na entrega do cheque-regalo. Nunca imos apostar por unha rebaixa dos impostos directos, que son os que pagan os cidadáns en función dos seus ingresos, que é o que pretende facer o Partido Popular para primar ás clases máis favorecidas. E tampouco imos entran nesa rebaixa do cheque do Partido Socialista, que non vai beneficiar en absoluto aos galegos. Na provincia de Lugo, concretamente, esa proposta dos 400 euros aféctalle a menos do 11 por cento da poboación. Polo tanto, é un absoluto engano, porque quedan fóra os pensionistas, os traballadores do réxime agrario e os autónomos; aínda que parece que agora hai unha promesa para os autónomos que aínda non se concretou. Nós non entramos nese tipo de dinámicas porque, dende logo, iso non favorece aos cidadáns.

SI O 9 DE MARZO NON PODES, VOTA POR CORREO!



Como saberás, o vindeiro 9 de Marzo celébranse as Eleccións Xerais, unha convocatoria electoral decisiva para que Galiza conte con un maior poder político no Estado e sexamos quen de decidir sobre aquelas políticas que nos afectan.
Durante todos estes anos o BNG conseguiu que Galiza existise na política estatal, que se defenderan os nosos intereses como galegas e galegos e que se avanzara nos dereitos sociais e no noso autogoberno. Mais agora é necesario que Galiza determine as políticas que se fan dende o Estado a través do BNG, e para iso as mozas e os mozos galegos debemos participar destas eleccións porque este é o mellor xeito para conquistar o noso futuro.
Non podemos quedar caladas nin calados e queremos contar contigo para que o próximo 9 de Marzo penses en Galiza e apoies ao BNG. Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos facerche chegar esta información para que no caso de que non te atopes no lugar no que esteas censado ou censada para ir a votar, poidas exercer o teu dereito a voto a través do correo.
NESTA LIGAZON QUE SE ADXUNTA ENCONTRARÁS AS INSTRUCCIÓNS PARA VOTAR POR CORREO: