CONTIGO GALIZA DECIDE

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, advertíu o domingo na Convención Nacional Eleitoral que se celebrou no Pazo de Congresos de Santiago de que “para frear as ideas de Mariano Rajoy e do PP, a única mediciña é Galiza e o BNG”.

Para Quintana, resulta evidente que moitos galegos e galegas “pensan que hai un obxectivo que cumprir: parar esas ideas do PP”, entre as que mencionou “a campaña que está facendo Mariano Rajoy de apoio á bandeira e o seu intento de utilizar a Galiza con fins espúreos”.

Neste sentido, o líder do Bloque mencionou o empeño do número un do PP en asegurar que “dicir que a xente ten problemas en Galiza para falar en castelán. Dicíndoo insulta a nosa intelixencia”.
Fronte a esta actitude, Quintana reafirmou o compromiso do Bloque de actuar sempre con transparencia e anunciou que acudirá ao debate na TVG ao que veñen de ser convocados os líderes das tres forzas políticas galegas, polo que emprazou a Pérez Touriño e Núñez Feijóo a acudir “e debatir igual ca min, sen condicións previas. Porque o BNG non ten problemas en debatir e o que quere é xustamente falar da actual situación política”.

Máis BNG=máis benestar
En opinión de Quintana, existe unha fórmula inamovíbel, “canta máis capacidade de decisión teñamos no Estado, máis posibilidades de benestar terán os galegos e galegas”.
Asi, Anxo Quintana contrapuxo as posicións “catastrofistas” do PP fronte ao novo ciclo económico, e a actitude dos socialistas “de dicir que non pasa nada”, á actitude do Bloque, que empeza a tomar medidas, “porque sabemos que, en esta situación, quen primeiro paga o pato é Galiza”.

Por iso, o BNG xa está a levar adiante o novo Plan Sectorial de Vivenda Protexida que porá no mercado 6 millóns de metros cadrados de solo residencial para 40.000 novas vivendas.
Nesta liña, o portavoz nacional e vicepresidente da Xunta pedíu que “eliminen ese Ministerio de Vivenda, que é máis que nada un Ministerio da propaganda”, e instou a que os fondos dos plans cuatrienais de vivenda sexan xestionados polas Comunidades Autónomas, que é onde residen as competencias na materia.

Só o BNG negocia co presidente
Quixo lembrar Quintana os motivos polos que Zapatero negociu co BNG “e non o fixo cos deputados galegos do PP e o PSOE”, xa que, “só se negocia con quen ten independencia de criterio para decidir e non está disposto a recibir ordes. Co BNG, se se coloca a Galiza enriba da mesa, todo, senón, nada”, concluíu.

O portavoz nacionalista explicou que “o labor decisivo do BNG en Madrid ten que servir para que se inicien novos tempos políticos nos que Galiza conte ao mesmo nivel que Euscadi e Cataluña e non volvamos ficar atrás no proceso de elaboración de un Novo Estatuto”.
O líder nacionalista lembrou na súa intervención a necesidade de “convertir en forza eleitoral ese sentimento maioritario da xente de que Galiza debe contar en Madrid ao mesmo nivel que Euscadi e Cataluña” e aclarou que, para acadar este obxectivo, “é necesario que o BNG teña máis peso político e os próximos catro anos xa lles iremos dicindo aos da Moncloa que teñen que contar con Galiza”.

NÓS PARIMOS, NÓS DECIDIMOS!!

A regulación vixente sobre a interrupción voluntaria do embarazo no estado español é claramente insuficiente e xera situacións discriminatorias. Insuficiente porque continúa sendo materia do código penal (con toda a carga ideolóxica que isto ten), despenalizada só en tres supostos e desprazando a decisión sobre a interrupción do embarazo a xuíces e médicos que actúan cunha ampla marxe de discrecionalidade. Discriminatoria, porque na práctica hoxe é posíbel abortar sempre e cando se teñan recursos económicos, é dicir, a regulación actual provocou unha privatización da interrupción voluntaria do embarazo, xa que só entre un 3- 5% dos casos son realizados na sanidade pública. Constatamos, pois, a necesidade de abordar unha reforma lexislativa que regule de xeito positivo o aborto, estabelecendo unha lei de prazos como na maior parte dos países do noso entorno, que garanta non só o dereito a decidir das mulleres, senón tamén que se realice con todas as garantías sanitarias. Un feito que só é posíbel se se produce no sistema público.
Resulta rechamante que, desde o ano 1985, non existise vontade política en quen gobernou no Estado para superar unha situación a todas luces inxusta e discriminatoria. O argumento de que a sociedade non está preparada para este debate non semella demasiado sólido cando vemos as cifras de interrupcións voluntarias do embarazo, que por outra parte non deixaron de medrar. Semella máis ben que o peso da moral –dupla moral- continúa a estar demasiado presente na actuación dos poderes públicos españois, ou que as boas relacións coa cúpula da Igrexa católica pesan máis que os dereitos das mulleres.
Mais rechamante aínda é que nesta lexislatura que acaba de rematar no Congreso este asunto fose sempre rexeitado polo PSOE. A proposta dunha regulación positiva sobre a interrupción voluntaria do embarazo non estivo ausente no debate parlamentar. O BNG, a través da súa representación en Cortes, non só estimulou este debate, presentando un texto articulado, senón que apoiou as iniciativas doutros grupos que ían nesa dirección. Tristemente, PP e PSOE uniron os seus votos para impedir a súa aprobación; os anuncios do partido gobernante de que se ía abordar a reforma caeron en saco roto.
Na Galiza, a pesar de que o noso Parlamento non ten competencias neste ámbito, o debate tivo mellor sorte. O pasado 27 de novembro debatíase unha proposición non de lei do BNG na que solicitabamos ao goberno do Estado a elaboración dunha lei de prazos, que garantise que as interrupcións voluntarias do embarazo se realicen na rede sanitaria, respectando o dereito das mulleres a decidiren. A resolución ficou finalmente aprobada co voto en contra do PP. En vinteseis anos de vida da nosa institución parlamentar, producíase por primeira vez un acordo favorábel á despenalización do aborto. Un acordo que sitúa a Galiza á cabeza desta reclamación, nun momento en que outros non saben aínda que posición manter. No BNG témolo claro e sumámonos a aquilo de que “se nós parimos, nós decidimos”.
A coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres decidiu comezar unha campaña de recollida de autoinculpacións que se presentarán nos xulgados o próximo 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres. O BNG colaborará con esta campaña. O formulario de autoinculpación pódese descargar desde esta ligazón: http://www.benega.info/Images/autoinculpacion.pdf

LUGO CON MAIS FORZA EN MADRID


A candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Lugo, Paz Abraira, afirmou que os problemas da provincia de Lugo non os vai resolver nin o PP de José Manuel Barreiro, que dixo, “é o mesmo PP conservador e reaccionario de sempre só que travestido de renovación”, nin tampouco “galegos á española coma Pepe Blanco” que “cando chegan a Madrid mesmo se esquecen de falar galego porque teñen complexo”.

Nun acto de precampaña en Sarria, no que participou tamén o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, Paz Abraira afirmou que “a única mellora para os cidadáns da provincia de Lugo nas vindeiras eleccións de marzo é que o BNG acade representación pola provincia de Lugo en Madrid”.

A candidata nacionalista pediu aos cidadáns que o vindeiro 9 de marzo “exerzan como galegos” e apoien “á única forza política que defende os intereses de Galiza en Madrid”. “O bipartidismo estatal non ofrece ningunha saída aos problemas básicos da provincia de Lugo”, afirmou Paz Abraira, que acusou ao PP de ser “o responsable do atraso secular da provincia” e ao PSOE de “poñela ao servizo do Goberno central”. “En Lugo algún xa vai de ministro -dixo en referencia a José Blanco, que onte se ofrecía como ministro de Fomento- pero pouco futuro no cargo lle auguramos en Lugo se non cumpre mellor os prazos e as promesas que ata o de agora. Aquí Pepe Blanco é máis coñecido polo que prometeu e non fixo, como a ponte, o Cetal ou o aeroporto de Rozas, que polo que fixo”, dixo a cabeza de lista do BNG.

PAZ ABRAIRA, NUMERO UN AO CONGRESO POR LUGO


Paz Abraira (Meira, 1971) aspira a ser, a partir de marzo, a primeira voz nacionalista en Madrid pola provincia de Lugo

Persoa vencellada á organización, onde vén ocupando cargos de responsabilidade dende 1997, e membro do Consello Nacional do BNG dende a última asemblea, aos seus 36 anos é concelleira en Lugo, onde se encarga de fiscalizar as áreas de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas, e aposta por demostrar que “a provincia de Lugo ten futuro”.

Cal é o obxectivo do BNG nestas eleccións xerais en Lugo?
Presentámonos cun obxectivo claro: que a voz de Lugo se escoite en Madrid.
Nos 11 anos que leva o BNG no Congreso fixo que Galiza fose visíbel no Estado e aínda non tendo representación pola provincia de Lugo, os deputados do BNG levaron ao Congreso unha chea de iniciativas de Lugo, moitas delas aquelas que os representantes do PP e o PSOE pola provincia preferiron non levar para non molestar as direccións dos seus partidos en Madrid. O BNG demostrou que o único voto útil en Madrid é o voto ao Bloque Nacionalista Galego e agora é o momento de que tamén na provincia de Lugo teñamos un representante nacionalista en Madrid.
Penso que é unha urxencia, unha necesidade. Lugo precísao, sobre todo para demostrar que non somos un territorio subsidiado e sen futuro.

Que é preciso lograr para iso en Madrid?
O que imos reivindicar en Madrid dende Lugo é un trato acorde ás nosas necesidades e a moitos anos de desatención e esquecemento por parte do Estado.
Precisamos desbloquear moitas cuestións pendentes en materia de infraestruturas, como a apertura do porto de Alcoa e o corredor na Mariña, o AVE e as autovías na comarca de Lugo porque somos a única cidade galega que non está conectada con Santiago nin por autovía nin por ferrocarril, ou a aposta polo ferrocarril e o regadío en Monforte.
E precisamos acadar ao mesmo tempo avances sociais para unha poboación moi envellecida e tamén lograr o despegue de sectores produtivos básicos como o agrogandeiro ou o pesqueiro. Son os tres eixos nos que imos centrar as nosas demandas.

104 QUILOS MAIS PARA GALIZA

104 quilos máis para Galiza. Dito así, en euros, parece un complemento, un plus. Pero 104 millóns de euros son 173.000 millóns das antigas e aínda non esquecidas pesetas. Son un vale para realizar e implementar 49 actuacións de natureza diversa, concentradamente viarias, ferroviarias, medioambientais, culturais, agrarias e de innovación tecnolóxica.

104 millóns negociados polo BNG sesudamente, con astucia territorial, co mapa de Galiza despregado enriba da mesa, con planificación e coñecemento de causa. Cartos estirados até o límite, todo moi pensado, euros para grandes obras e para pequenas pero sempre esperadas actuacións. Un plus de alto rendemento, estudado con lupa, observado con microscopio galego.

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o exercicio 2008 partía da cifra de 1.942 millóns de euros para Galiza. Número pouco redondo, irregular que non chegaba a todo o preciso, por tanto, algo incompleto. Orzamento necesitado dun arraxo. Cuestión que tiña claro o deputado do BNG, Francisco Rodríguez, cada vez que acudía co maletín de propostas ao Ministerio de Economía. Primeira cuestión, superar os 2.000 millóns, segunda, pór cartos en actuacións ausentes no proxecto orzamentario do Goberno, en obras indefinidas ou carentes do necesario impulso económico para seren críbeis, e finalmente reais. Así que despois de tantas idas e vidas, o parlamentar nacionalista trouxo 104 quilos máis para casa. Engordou a cartilla da conta corrente que contará con 2.046 millóns a investir pola Administración do Estado no pais. O prazo temporal é claro, a gastar no 2008. Queda a dúbida, sempre hai dúbidas, de que se chegue a gastar o 100% en tempo e forma. Estou falando do famoso grao de execución dos orzamentos estatais, sobre o que hai que insistir unha e outra vez ao longo do decurso do ano.
Pero non hai que poñerse sombrío antes de tempo. As cousas melloraron moito e a nosa conta bancaria tamén. Con estos xa van tres anos orzamentarios que o BNG negocia e pacta subas de partidas para a nosa terra, e cada ano incrementa máis o belisco adicional que logra. Funciona o esquema que debe moito ao empeño, a insistencia e mirada vixiante dos nacionalistas galegos sobre un Executivo central sen maioría absoluta, incapacitado para practicar o individualismo ao seu gosto, e dependente, por tanto, dos votos de forzas políticas coas que convive no Congreso dos Deputados. Habería que facer ben as contas. A ver, ecuación simple: se dous deputados do BNG na Cámara Baixa consiguen 104 millóns máis nos Orzamentos do Estado para Galiza, cantos millóns máis lograrían de teren máis escanos? Se despexamos o x cabe deducir que sairíamos gañando

MAIS FORZA EN MADRID!